Amosando publicacións coa etiqueta espárragos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta espárragos. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de xaneiro de 2020

Crema de espárragos

Bo día, bolboreteir@s. Neve, vente ou chova, aquí seguimos, que comer hai que seguir comendo. Hoxe traémosvos unha receita de poder memorístico, eses pratos que recenden como a madalena de Proust cara atrás no tempo. Obviamente, isto parte de experiencias persoais e neste caso nós temos unha ligazón importante coa crema de espárragos pois era, xunto coa de champiñóns, un recurso do máis frecuente na nosa casa cando eramos pequenos. Mais, sucedeu como tantos outros pratos que van quedando no esquecemento até que nun momento determinado xorde a memoria para nos obrigar á recreación.
Así pois, hoxe presentámosvos con moito orgullo esta primeira vez que preparamos a crema de espárragos. Ben gustosa quedou!




Crema de espárragos


Ingredientes:

  • 400 g de espárragos
  • 1 allo porro
  • 1 pataca
  • 1/2 cebola
  • 1 l de caldo de verduras
  • Allo en po

martes, 3 de decembro de 2019

Obleas de espárragos e salmón

Bo día, bolboreteir@s! Nunca choveu que non escampara. E así foi. Vimos o sol tempo despois. Cada vez falamos máis do tempo, creo que se empezan a notar os anos seriamente.
Indo ao que nos atingue, estes días que andamos pola Coruña aproveitamos para convidar a bastantes amizades e a preparar novas probas de petiscos, destes que nos levan moi pouquiño tempo e que en ocasións coma esta logran resultados do máis satisfactorios.
Utilizamos produtos dos que gustamos moito e probamos tamén cun mollo que non dominamos como a tártara. A verdade é que gustamos inmensamente de ir achegando novos produtos ás nosas alacenas.
A ver que vos parece!



Obleas de espárragos e salmón



Ingredientes:


  • Obleas
  • Salmón afumado
  • Espárragos
  • Pementa moída
  • Aceite de oliva

martes, 24 de abril de 2018

Ensalada de pasta caprese

Bo día, bolboreteir@s! A gastronomía non para en Bolboretas no bandullo. Nós somos como as cobras e saímos coas raiolas do sol. Así, aproveitamos algunha destas xornadas para facer iso que tanto nos gusta, xantar fóra, tirados nalgún prado. E para iso o que apetecen son receitas frescas e lixeiras. Hai que aproveitar agora que parece que volve o sol e aquí sempre temos o temor de que poda ficar por pouco tempo. Aínda que certo é que estamos na primavera e de momento non podemos estar moi exixentes coas temperaturas.
Pois, argallando nun destes novos pratos chegamos a unha variante da clásica ensalada de pasta. Unha opción chea de sabor e que parte da famosa ensalada caprese que xa preparamos hai tempo para o blogue e que tamén aparece polos nosos menús con frecuencia.
Imos con esta delicia!



Ensalada de pasta caprese



Ingredientes:

  • 250 g de pasta
  • 100 g de salsa de tomate
  • 1 bóla de mozzarella
  • 14-15 tomatiños cherry
  • 9-10 olivas
  • 4-5 espárragos
  • 4-5 follas de alfábega

martes, 6 de marzo de 2018

Espárragos con panko e maionesa de améndoas

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Xa vos diciamos o pasado sábado das nosas ansias de primavera entre outras cousas polas froitas de tempada. E de verduras tamén temos. Así pois, imos hoxe cunha das nosas favoritas, os espárragos, que se xa están bos envasados, aínda máis os naturais.
Non é a primiera vez que os preparamos, aínda recordaredes os espárragos verdes gratinados con mozzarella, mais xa tiñamos antollo dunha nova preparación polo que argallando pola rede fomos recolectando ideas. Ao final, démoslle saída ao panko que nos sobrara doutra receita  e fusionamos todo nun prato que nos fixo perder o sentido, e a fame tamén, claro.
A verdade é que xa papamos uns cantos polo camiño, mais o punto crocante do pan relado xaponés coa intensidade do queixo italiano fan desta unha verdadeira delicia.
Imos por ela!


Espárragos con panko e maionesa de améndoas



Ingredientes:


  • 1 manoxo de espárragos
  • Panko
  • 3-4 culleradas de queixo parmesán
  • 1 ovo
  • Sal
  • Aceite de oliva
Para a maionesa:
  • Maionesa caseira

sábado, 3 de xuño de 2017

Tártaro de salmón e mazá verde

Ola bolboreteir@s! Como levades o novo mes? Agardamos que moi ben. Por aquí tiñamos unha receita doce na recámara mais pensamos que talvez vos empachabamos con tanta larpeirada e decidimos facer para cear unha proba coa que vos soprender.
Sabedes esas veces que comprades un alimento e na caixa ou sobre vén unha receita? Habitualmente non nos fixamos mais a verdade é que se reparamos nalgunha delas encontraremos algunha creación ben interesante á que lle tirar proveito. 
Isto foi o que nos pasou desta volta; mercamos unha caixa de espárragos (que nos encantan, por certo) e fóra traia esta idea que nos cautivou. Casualmente tiñamos ganas de preparar un tártaro na casa após probar ultimamente uns espectaculares por aí e así se nos presentou unha oportunidade. 
E unha vez probado... espectacular!!! E como ides ver, apenas necesitamos os ingredientes adecuados e un molde para lograr o noso tártaro! Aí vai:


Tártaro de salmón e mazá verde



Ingredientes:


  • 50-70 g de salmón
  • 10-12 olivas
  • 8-10 espárragos
  • 1 mazá verde
  • 1 tomate
  • Leituga
  • Aceite de oliva virxe
  • O zume dun limón

martes, 20 de outubro de 2015

Exaltación de "cherrys" en cama de nabizas

Como vai todo, amig@s!? Resistides o temporal e a auga? Seguro que si, que aquí xa estamos afeitos a isto. Para vos consolar, que saibades que polo sur da Península estaban aínda peor.
E non sei a vós, mais cando temos tempo así e estamos na casa, a nós increméntansenos aínda máis as ganas de nos meter na cociña a argallar novas receitas ou outras das que xa temos en Bolboretas no bandullo.
E nunha destas foi como nos puxemos a cociñar estes produtos que tiñamos na casa, na súa maioría da horta da casa. Veu unha gran cantidade de tomates e nabizas e xa matinamos en como lle tirar proveito. Tiñamos claro que tiña que ser unha receita fresca e lixeira en que destacasen eses elementos e as súas cores e isto foi o que se nos ocurriu:


Exaltación de cherrys en cama de nabizas


Ingredientes:

Para a cama de nabizas:
  • Un bo feixe de nabizas
  • 2 ovos
  • 1 cebola grande
  • 1 culleriña de pemento doce

martes, 9 de xuño de 2015

Espárragos verdes gratinados con mozzarella

Xa andamos por aquí unha vez máis. Como podedes comprobar, no último mes incrementáronse as receitas saudábeis o que demostra que a chegada do verán adoita propiciar que melloremos a nosa alimentación xa que apetecen produtos algo máis lixeiros.
E como ultimamente lle collimos moito gusto aos espárragos verdes, decidimos preparar unha receita en que eles fosen os protagonistas. Unha receita saudábel, nutritiva mais á que non lle podía faltar sabor ningún, de aí a  presenza do queixo e as especias.
Este prato serve tanto como acompañante como principal así que coidamos que a podedes aproveitar tanto para unha cea nun día do verán que se aproxima como para un acompañamento nunha comida especial. Se non vos animábades até agora a probar esta nutritiva verdura, agora é o momento, seguindo uns pasos o máis sinxelos posíbeis. Aí vai:

Espárragos verdes gratinados con mozzarella


Ingredientes:
  • Unha presa de espárragos verdes
  • Mozzarella
  • Aceite
  • Pementa moída
  • Noz moscada

sábado, 23 de maio de 2015

Alcachofas recheas de xamón e espárragos verdes

Boas bolboreteir@s! Aquí andamos unha vez máis para vos presentar unha nova receita, creada a partir dun produto que introducimos hai ben pouco na nosa alimentación e do que estamos máis que satisfeitos, tanto polo seu sabor como pola súa contribución nutritiva, as alcachofas. Antes de comelas, estivemos procurando algo sobre elas para nos informar e chamounos a atención que o seu compoñente principal e a auga así como pola enorme presenza de hidratos de carbono, vitaminas (fundamentalmente B1 e B3) e minerais (potasio, fósforo ou calcio). Ademais posúe dúas substancia de propiedades moi moi beneficiosas: cinarina, que axuda a aumentar a secreción biliar e é diurético, e esterois, con capacidade para limitar a absorción de colesterol no intestino. Xa vedes, unha xoia alimenticia. 
Con todo, para as degustar queriamos procurar a fórmula máis saborosa, pensándomos en combinala con outras verduras e xamón, mais sen perder a esencia da alcachofa e que este produto seguise a ser o verdadeiro protagonista así que caracterizamos o recheo cos propios corazóns das alcachofas pasados pola tixola xunto cos outros produtos. A ver que vos parece a idea.

Alcachofas recheas de xamón e espárragos verdes


Ingredientes:
  • 5 alcachofas
  • 70 gr de xamón
  • 2 espárragos verdes
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 vaso de viño branco
  • Pan relado
  • Pirixel
  • Sal
  • Aceite