martes, 31 de xaneiro de 2017

Ensalada caprese

Bolboreteir@s!! Continúa o ciclo saudábel. Estámolo estirando ao máximo sabedores de que o Entroido e os seus compañeiros se aproximan para nos levar á fantasía do doce. Así, aproveitamos para argallar con receitas tan saborosas e ao tempo beneficiosas para o noso corpo como esta ensalada caprese que tiñamos en mente facer desde hai tempo. Coincidiu que a semana pasada tivemos pouco tempo e esta opción veunos á perfección pois apenas tardamos cinco minutos en a preparar. Ademais, como por aquí sempre temos unha bóla de mozarella no frigorífico por se hai que improvisar unha pizza ou algo ;-), pois xa coincidiu todo á man.
Sendo sinceros agardabamos que a ensalada fixera a súa función, mais superou a nosa expectativa, especialmente grazas a ese aliño que fai que gane en intensidade, sabor e conxugación de elementos.
Desde logo, que este non é recurso para un día espallado senón para tirar beneficio del con certa frecuencia pois pode ocupar perfectamete esas ceas lixeiras que tanto desexamos realizar en ocasións e non se nos ocorre que realizar.
Así, desde Capri (Italia) chega unha xoia mediterránea que agardamos entre en vafios fogares galegos. Adiante!


Ensalada caprese


Ingredientes (para 2 persoas):



  • 1 tomate grande
  • 1 bóla de mozzarella
Para o aliño:
  • Unhas follas de alfábega fresca
  • 2 culleradas de aceite de oliva virxe
  • 1/2 cullerada de vinagre
  • Sal


Utensilios: unha fonte (ou un prato), un morteiro e un coitelo. 


Elaboración:


Para comezarmos,  temos de preparar o aliño. Nun morteiro botamos a alfábega, o vinagre e sal e machucamos un pouquiño. Posteriormente engadimos progresivamente o aceite ao tempo que seguimos machucanto até conseguir ese aliño homoxéneo con pequenos fragmentos da alfábega. Reservamos.

Cortamos en lascas finas o tomate e a mozzarella e ímolos colocando intercalados nunha fonte, formando unha espiral.  Aliñamos co aceite de alfábega e decoramos cunhas follas enteiras. 


E xa teríamos a nosa ensalada lista para comer! Agardamos que vos guste e que a preparedes na casa!


Para os seguidores das ensaladas isto talvez non sexa un recurso novo mais para para tod@s aqueles que non sabiades da existencia desta combinanción chea de frescura e sabor mediterráneo animámosvos a probar unha ensalada ben lixeira. E se queredes reducir aínda máis as graxas, podedes utilizar unha bóla de mozarella light como a que aquí aproveitamos nós. Sexa como for, ha de ser unha delicia saudábel das que tanto gustades e gustamos. Unha fortísima aperta, amig@s. Pasade bo martes!

2 comentarios:

  1. me encanta esta ensalada es muy fácil de hacer y riquísima, bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, totalmente de acordo!
      Mil grazas por comentar!
      Un saúdo 😘

      Eliminar