Comezamos esta fin de semana tempestousa cun dos nosos alimentos favoritos, as luriñas da Ría, da nosa ;-) Esta semana pasada mercamos unhas poucas e matinamos nunha nova forma de os preparar para probar novas combinacións coa certeza de que a este cefalópodo todo lle senta ben.
Escollimos un par de especias, e aprveitamos algo que tiñamos pola cociña para crear un mollo intenso que criamos iría ben. E meu dito, meu feito. Ficou extraordinario.
Non é a primeira volta que presentamos luriñas en Bolboretas no bandullo, cómpre recordar as Luriñas e castañas en mollo de millo ou as Luriñas recheas de gambas e espinacas. Sexa a opción que for, será unha delicatessen na que contar cun bo produto é a clave.
Así mesmo, como xa sabedes, cada dous sábados viñamos presentando video-receita e hoxe tocaba. Porén, transladámola a mañá pois desta volta preparamos o vídeo sobre unha receita que xa hai no blogue e non queremos romper a dinámica de dúas receitas novas á semana. Así que... vaia fin de semana gorentoso nos agarda. Imos comezando 😁
Luriñas con mollo de coantro, limón e soia
Ingredientes (para 2 persoas):
- 9-10 luriñas
- 1/2 culleriña de coantro
- 1/4 culleriña de allo en po
- O zume de medio limón
- 1 cullerada de aceite
Para o mollo:
- 4-5 culleradas de aceite de oliva virxe
- 2 culleradas de soia
- O zume de medio limón
- 1 culleriña de coantro
- 1/2 pastilla de caldo de peixe
Utensilios: unha prancha (ou tixola), unha cunca e unha culler.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer o mollo. Mesturamos o aceite, a soia, o limón, o coantro e a pastilla de caldo. Mesturamos moi ben até que se desfaga a pastilla. Reservamos.
De seguir, preparamos as luriñas. Limpámolas moi ben, secámolas e adobámolas co limón, o coatro e o allo.
A continuación, na prancha (ou tixola) engadimos o aceite e rustrimos os cefalópodos até que se cociñen polos dous lados. Tardaremos 2 minutos por cada lado, aproximadamente.
Aliñamos co mollo que tiñamos feito e xa estarían listas para comer! Podémolas acompañar con patacas fritas, pan, ensalada... ou o que vos apeteza!
Agardamos que vos gusten e as faigades na casa!
Algún/ha talvez estea con ganas de meter o dente na pantalla xa, verdade? Mais non pasedes ganas deles que, como vistes, son tremendamente sinxelos de preparar. E se tedes a alguén que vos faga o traballo sucio de limpar as luriñas, aínda mellor, hahaha.
Ben, pois deixámosvos cun novo prato ideal para calquera menú diario ou especial no que garantimos o bo resultado. Adiante con el. Unha forte aperta, bolboreteir@s!
Se ven espectacular! Que aliño más bueno, sin duda los haré
ResponderEliminarUn abrazo
Moitísimas grazas e xa nos contarás se che gustaron 😋
EliminarPintaza tienen seguro que estaban de rexupete no lo siguiente no hay mas que ver las fotos no dejan de decir comemeee, si los ve mi hijo se apunta a cenar en vuestra casa le encantan.
ResponderEliminarBicos mil wapos.
Que ben! Pois podía vir se lle apetecía 😉
EliminarUn bico e mil grazas polas bonitas palabras 😘