martes, 7 de febreiro de 2017

Physalis (tomatiños verdes) fritos

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Gustastes da última video-receita da nosa canle de Youtube, agardamos que si. Se queredes estar ao día de todas as novidades, aquí tedes a ligazón para vos subscribir.
Mais o blogue continúa coa liña saudábel. Hoxe toca todo un descubrimento para nós. Hai un par de meses, unha amiga agasallounos uns cantos tomatiños estraños destes, cubertos por unha follaxe protectora ben curiosa. Sabiamos da existencia dos physalis, esa froita exótica, que tamén se dá en zonas de Galica. Porén, nunca ouviramos falar desta variante (physalis ixocarpa), que ten un grande uso en México para preparar diferentes salsas ou como ensalada por si soa, aínda que non esperedes un sabor idéntico aos tomates que utilizamos normalmente.
Ben, pois non tiñamos moi claro como os preparar nun principio, e de feito, estiveron na casa parados até hai unhas semanas. Finamente optamos por probar a súa preparación frita, pasados por fariña e ovo como calquera rebozado. E si, ficou un prato ben curioso pois estes tomates verdes, ou miltomates, como se coñecen en México, teñen un toque agre que vos ha de conquistar. Velaí os tedes!


Physalis (tomatiños verdes) fritos



Ingredientes:

  • Varios physalis
  • Fariña
  • Ovo batido
  • Pan relado
  • Aceite





Utensilios: unha táboa e un coitelo, papel vexetal varias cuncas e unha tixola.


Elaboración:


Para comezarmos, debemos quitar a pelaxe e lavar moi ben os tomatiños. 




Cortamos os tomates en rodas. 


E pasámolas por fariña. 


Ovo batido. 


E pan relado, se tedes un pan máis gordiño, tipo Panko, vailles quedar moi ben. 






E ímolas fritindo nunha tixola cun pouco de aceite.  Cando estean douradiñas, sácamolas sobre papel vexetal 


Servimos e xa estarían. preparados para comer! Agardamos que vos gusten e que os faigades na casa!


Esta receita podedes probar a facela con tomates normais, que non estean maduros, aínda que o sabor non será exactamente o mesmo. Para iso podedes procurar nalgunha grande superficie, ou se tedes moitas ansias, podedes conseguilas as sementes aquí para plantardes ao voso gusto 😉.
Pasade bo martes pois con esta receita exótica que traemos para vós. Agardamos que teñades unha boa semana. Unha fortísima aperta, bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Nunca habia visto los physalis verdes aqui en la fruteria ,seguro que asi estan de rexupete no se duda ni un segundo.
    Como siempre un placer pasarme por vuestra cocina no dejais de enseñarme cosas nuevas.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A nós regalárannolos que nas tendas tampouco os viramos, mais están deliciosos!! 😋😘

      Eliminar