Amosando publicacións coa etiqueta salsa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta salsa. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de maio de 2025

Pasta “Casa comigo”

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Aquí estamos un día máis cunha nova receita espectacular, a famosa pasta "Casa comigo". Este prato viralizouse en TiKToK como unha idea para propoñer matrimonio e, aínda que hoxe xa ten moitas versións, a receita orixinal ten como base tomate seco, allo e parmigiano. Nós adaptámola aos nosos gustos e decidimos engadirlle un toque crocante co tofu e a verdade é que queda deliciosa. Na nosa casa foi un acerto absoluto e seguro que non habemos de tardar moito en repetila. 

Aquí vos deixamos coa receita:


Pasta "Casa comigo"


Ingredientes:

  • Pasta ao gusto
Para a salsa:
  • 200 ml de caldo de verduras
  • 200 ml de nata para cociñar
  • 150 g de tomate seco en AOVE          
  • Parmigiano
  • 2-3 dentes de allo
  • Alfábega
  • Pementa moída
  • Pementa doce

sábado, 9 de marzo de 2024

Katsu curry

Bo día, bolboreteirxs! Estamos de volta! Como nos tardaba este momento, mais primeiro tiñamos que estabelecer a nosa nova rutina sendo 4 🤭😇☺️, e sacar momentos para cociñar pratos novos non foi doado nun primeiro momento. De feito, un bo consello que vos damos é que as semanas antes fagades comida de máis e conxeledes. Iso salvaravos a vida ao principio. 

Volvemos cunha receita deliciosa, tamén sinxela, que é a nosa versión, ou adaptación, do KATSU CURRY, tamén chamado Katsu Karé, que orixinalmente se fai con porco tonkatsu. Nós decidimos facela con polo e a salsa de curry con boniato e cebola e, a verdade, é que quedou espectacular. Como xa sabedes nós somos amantes do picante, polo que usamos un curry picante, mais iso é totalmente opcional. 
Aquí tedes esta deliciosa receita:


Katsu curry


Ingredientes:

  • Arroz branco      

Para as peitugas: 
  • Filetes de polo 
  • Pan relado 
  • Especias: ourego, allo en po, cebola en po, pementa moída e sal 
Para a salsa de curry:
  • 1 boniato 
  • 1 cebola 
  • 500 ml de auga 

xoves, 13 de abril de 2023

Patacas bravas

Bo día, bolboreteirxs! Como vai a volta á rutina? Nós xa estamos desexando que veña o tempo e os días de praia, mais mentres esperamos polo tempo estival seguimos cociñando. Esta receita é un dos grandes clásicos peninsulares, especialmente da zona central e sur. Fixéronse famosas como típica tapa de bar e hoxe en día atópanse en moitos locais, habendo verdadeiros templos das patacas bravas. 

A nós o que máis nos gusta da preparación caseira é o nivel de picante, adaptando así ao noso gusto, algo que cando se fala de picante, non é nada sinxelo. Desta volta non as fixemos moi endemoniadas mais queda nas vosas mans a posibilidade de darlles lume!




Patacas bravas


Ingredientes:

  • Patacas
  • Bataca (opcional)
  • 200 ml de caldo de verduras
  • 100 g de cebola
  • 30 ml de AOVE
  • 25 g de fariña
  • 1 dente de allo

domingo, 13 de febreiro de 2022

Champiñóns lacados

Bo día, bolboreteir@s!! Aquí estamos coa barriga cheíña que acabamos de almorzar unha ducia de roscas de Entroido polo menos. Estase achegando a época do ano máis saborosa para nós e isto é un non parar. Porén, non todo ha de ser filloas, roscas e lacón así que tentamos combinar con pratos máis lixeiros como este que hoxe vos presentamos aquí. Uns champiñóns lacados cos que nos beneficiamos da boa recepción deste alimento para todo tipo de especias e aromas, logrando empapalos así de moito sabor. 
Os champiñóns son deses produtos que sempre están no noso frigorífico porque nos renden para múltiplos pratos. Certo é tamén que sos poden chegar a resultar repetitivos mais aí entra en xogo unha receita como esta.




Champiñóns lacados


Ingredientes:

  • 400 g de champiñóns
  • 2-3 dentes de allo
  • Perexil                                                     
  • 3 culleradas de aceite, mais 2 para a tixola

martes, 12 de xaneiro de 2021

Berberechos en salsa

Di a cantiga: onde vas, meu queridiño? / Onde vas, meu caravel? / Vou buscar berberechiños / para darlle ó meu querer." Pois claro, tremenda ofrenda amorosa. A quen non has de conquistar cunha boa presada de berberechos?

Nós tivemos a sorte de contar cunha boa cantidade deles nesta semana pasada e logo aproveitamos para lles facer festa. Procuramos unha salsa para lles intensificar o sabor et... voilá! Tremenda gozada de receita. Ademais, nesta casa, sempre que hai marisco en salsa, sabemos que despois toca sopa derivada da mesma. E xa non sabemos que é mellor, se un se outro.

Por certo, despois desta receita, recuperaremos a rutina de publicacións. Neste Nadal xa aproveitamos para adiantar cousiñas que vos iremos traendo progresivamente. Aquí vai a primeira do ano!



Berberechos en salsa


Ingredientes:

  • 2 kg de berberechos 
  • 1 l de caldo de peixe
  • 400 ml de viño branco
  • 2 cebolas     
  • 3-4 dentes de allo
  • Pirixel
  • 2 culleradas de fariña 

sábado, 24 de agosto de 2019

Como podemos preparar lactonesa

Bo día, bolboreteir@s! Como levamos o final de agosto? Por aquí andamos de festas, en pleno Naseiro así que hoxe imos traer unha receita moi sinxela que aprendemos a preparar este verán e que cremos que pode ser moi útil para aquelas persoas alérxicas aos ovos ou que non poden comer ovo cru, como no caso das embarazadas. De aí a nosa chegada a esta creación.
Os pasos ides ver que son sumamente sinxelos e o resultado non deixa nada que envexar á maionesa estándar.




Lactonesa


Ingredientes:


  • 200 ml de aceite
  • 100 ml de leite

sábado, 20 de xullo de 2019

Salsa marinara

Bo día, bolboreteir@s!! Aquí hoxe estamos de celebración. O 20 de xullo de 2017 conseguiamos unha praza nas oposicións e o 20 de xullo do ano seguinte outra. Ímonos de festa!! Mais antes, deixámosvos unha das últimas creacións, unha salsa non tan coñecida mais que cremos que vos pode dar moito xogo para as vosas receitas de pasta, carne...
De feito, nós ímosvola presentar en dúas quendas. Hoxe o mollo só e proximamente o prato en que a utilizamos. Delicia!
Aquí sempre tentamos facer unha acumulación de recursos para o día a día e este cremos que é moi interesante. Tócavos opinar ;-)




Salsa marinara



Ingredientes:


  • 450-500 g de tomates pelados (en bote ou ao natural)
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 2 culleradas de ourego
  • 1 cullerada de alfábega

martes, 14 de maio de 2019

Pesto trapanese

Bo día, bolboreteir@s! Non vos derretestes? A nós pouco nos queda. Para os que non sodes moi amigos da calor, tranquis. Ui, parecemos o parte metereolóxico no sitio dun blogue gastronómico, haha.
Ben, imos ao tema. Nesta fin de semana pasada visitamos un italiano que abriu hai pouco na Coruña, Ginos. Ficamos moi satisfeitos tanto coa lasaña como coa pizza. Vale, ben tampouco somos un Tripadvisor. Para o caso, encontrámonos co pesto, que había tempo que non preparabamos e claro... idea!
Así pois, procurando inspiración na rede, coñecemos este pesto, que deriva da zona de Trapani, en Sicilia (Italia) e executámolo. Ollo, non vén só. Aquí a preparación para as vosas pastas ou o que consideredes.



Pesto trapanese


Ingredientes:

  • 300 g de tomate
  • 50 g de améndoas
  • 50 ml de aceite de oliva
  • 30 g de parmesano

martes, 27 de novembro de 2018

Porco agridoce

Bolboreteir@s! Momento de receita e momento de sabor en Bolboretas no bandullo! Seguimos iso si, nunha liña moi asiática. Non sabemos que nos está pasando ultimamente mais parece que o espírito de Bruce Lee se está apoderando de nós. E pensar que hai dez anos fuxiamos da cociña chinesa, tailandesa e demais... O que non sabe é como o que non ve, haha.
Ben, pois hoxe optamos por outro clásico, porco agridoce, que o sumamos á listaxe de recursos para ter en conta ao traballar cunha das carnes coas que máis traballamos.
Ides ver que é unha receita con moito pouco traballo e que ofrece un resultado ben curioso. É certo que non todo o mundo gusta destas salsas agridoces mais a nós conquístanos polo contraste e efecto que outorga no porco. Unha verdadeira delicia. Imos a por ela!



Porco agridoce




Ingredientes:


Para a carne:

  • 400 g de carne magra de porco
  • 1 ovo
  • 2 culleradas de salsa de soia
  • 2 culleradas de vinagre de arroz
  • Pementa branca
  • Fariña de trigo
  • Fariña de arroz
  • Aceite de oliva
  • Sésamo
Para a salsa
  • 1 de vaso de auga
  • 1 cullerada de fariña de arroz
  • 1 dente de allo

martes, 24 de abril de 2018

Ensalada de pasta caprese

Bo día, bolboreteir@s! A gastronomía non para en Bolboretas no bandullo. Nós somos como as cobras e saímos coas raiolas do sol. Así, aproveitamos algunha destas xornadas para facer iso que tanto nos gusta, xantar fóra, tirados nalgún prado. E para iso o que apetecen son receitas frescas e lixeiras. Hai que aproveitar agora que parece que volve o sol e aquí sempre temos o temor de que poda ficar por pouco tempo. Aínda que certo é que estamos na primavera e de momento non podemos estar moi exixentes coas temperaturas.
Pois, argallando nun destes novos pratos chegamos a unha variante da clásica ensalada de pasta. Unha opción chea de sabor e que parte da famosa ensalada caprese que xa preparamos hai tempo para o blogue e que tamén aparece polos nosos menús con frecuencia.
Imos con esta delicia!



Ensalada de pasta caprese



Ingredientes:

  • 250 g de pasta
  • 100 g de salsa de tomate
  • 1 bóla de mozzarella
  • 14-15 tomatiños cherry
  • 9-10 olivas
  • 4-5 espárragos
  • 4-5 follas de alfábega

martes, 10 de abril de 2018

Pesto de améndoas (máis unha receita con pasta)

Bo día, bolboreteir@s! Encollestes con tanta auga? Nós pasamos unha fin de semana algo fastidiados da gorxa e do estómago mais imos pouco a pouco para diante. Iso si, andamos con pratos lixeiros de momento.
Hoxe presentámosvos unha receita que nos viña solicitando un amigo seguidor desde hai xa unhas cantas semanas. E con razón, porque aínda non nos acabamos de explicar como estaba Bolboretas no bandullo sen pesto até agora. Un clásico dos mollos italianos que dificilmente pode ser máis sinxelo. Ideal así para @s que procurades unha outra opción para a pasta alén dos spaguetti con tomate. Chega con triturar e... degustar! Imos por ela!



Pesto de améndoas


Ingredientes:


  • 60 g de améndoas crúas
  • 30 g de parmesano
  • 20 g de alfábega fresca
  • 1 dente de allo
Para acompañar: 
  • Pasta
  • Tomatiños cherry  
  • Aceite de oliva

sábado, 25 de novembro de 2017

Polo Tikka Masala

Seguimos! Despois dunha semana de, por sorte,  moito traballo, encaramos a fin de semana con ganas de receitas. E hoxe é bo día para saborear cun prato que non deixa indiferente e que nos cautivará desde o cheiro até o sabor. 
O polo Tikka-Masala é unha receita orixinaria da India que xa se consagrou noutros territorios como Gran Bretaña desde hai anos, por causa da inxente inmigración india que hai neste territorio. De feito, Robin Cook tíñao sinalada como o gran prato británico. Véndense millóns de racións ao ano e adoita ser o plato estrela dos restaurantes hindús espallados polo mundo. De feito, nós degustámolo por primeira vez no que hai en Riazor, por certo, con gran éxito.
Como podedes imaxinar, sobre todo se coñecedes algo desta gastronomía, a intensidade e as especias son a clave deste polo de aí que non deixe indiferente, tal e como comentabamos. Que máis podemos dicir? Nada, ollar, probar e degustar! 


Polo Tikka Masala



Ingredientes:

  • 1 peituga de polo en dados
  • 200 ml de tomate natural triturado (tamizado)
  • 200 ml de leite evaporado
  • 1 iogur natural
  • O zume dun limón
  • 2 dentes de allo
  • 2 culleradas de garam masala
  • 2 culleriñas de xenxibre
  • 2 culleriñas de cúrcuma
  • 2 culleriña de comiño

martes, 21 de novembro de 2017

Ñoquis caseiros en salsa

Bolboreteir@s, por aquí non vos temos o conto do black friday mais nós seguimos ofertando ilusión e sabor a partes iguais a través de moi diversas receitas. Hoxe presentamos unha pasta totalmente caseira, a primeira que facemos. Certo é que entre as pastas esta talvez sexa a máis sinxela de preparar na casa sen axuda de máquina. Tamén é verdade que a pesar de ser unha pasta italiana non se basea nos mesmos ingredientes, senón que poñen a pataca como elemento principal.
Coma sempre, moitas destas inspiracións xorden das nosas experiencias culinarias. Pois ben, había moito que non degustabamos uns ñoquis e despois da visita ao Lagar da Estrella (recomendabilísima visita a este restaurante da rúa Estrela da Coruña), o padal e o bandullo obrigáronnos a recrear esta receita que se logrou con moitísimo éxito.
Que marabilla isto da gastronomía, un mundo de constantes descubertas. Xenial!



Ñoquis en salsa


Ingredientes:


  • 2 patacas
  • 300 g de fariña, aproximadamente
  • 1 ovo
  • Pementa moída
  • Sal
Para a salsa:
  • 200 ml de salsa de tomate
  • 1 cullerada de queixo crema
  • Queixo relado
  • 1 vaso de viño branco
  • Allo en po
  • Ourego

martes, 14 de novembro de 2017

Gambón ao curry con panko

Bo martes, bolboreteir@s!! Hoxe traemos unha receita sinxela mais para xornadas especiais pois poucas veces se procura excusa para degustar delicias como a que aquí presentamos. Non para todos os días tampouco polo prezo xa que non nos podemos permitir comer marisco acotío (aínda que non estaría mal ;-o).
Hai un par de anos preparáronnos esta mesma receita uns amigos moi especiais e tamén moi lambonciños, sendo este o noso primeiro encontro co panko. Como se dan moi boa maña para a cociña ficamos marabillados co prato e prometimos reproducilo. Foi ficando aprazado mais esta semana pasada, coa visita destes mesmos amigos, decidimos que era o momento.
O panko, para @s que non coñecedes, procede dun pan xaponés elaborado de forma óhmica e que fica idóneo para ser relado despois. Ademais da textura, máis gorda que o pan relado que coñecemos, achega uns matices do máis interesante. Aquí o tedes!



Gambón ao curry con panko



Ingredientes (para 4 persoas):

  • 1 kg de gambón
  • 1 cullerada grande de curry (picante)
  • Pementa moída
  • Sal
  • Panko (ou pan relado)
  • Fariña

sábado, 21 de outubro de 2017

Mexillóns en salsa

Bo día, bolboreteir@s. Retornamos despois duns día sen moita actividade xa que non estaba o país para moita festa despois dos días nefastos que vivimos, especialmente polo sur.
Sexa como for, a vida sigue e para iso o gastronómico tórnase vital, sexa con máis ou menos virtuosismo. Desta volta preparamos unha receita que non era nova para nós aínda que nunca a preparáramos nós até o momento. Leva anos instalada na nosa casa, especialmente para festexos, ben sexa para mexillóns, ameixas ou berberecheos. Porén, nunca tiveramos que pornos nós con ela e esta semana pasada que estivemos de festa polo Ventorrillo decidimos que era a hora.
Nós somos moi deste molusco porque recolle todo o sabor do mar galego e ademais presenta uns prezos máis accesíbeis ca outros. De todas formas, hai mexillóns e mexillóns e a nós os de Lorbé, por exemplo, vólvennos tolos.
Agardamos que a vós se vos faga auga tamén a boca...



Mexillóns en salsa


Ingredientes:

  • 2 kg de mexillóns
  • 2 tomates grandes
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 chile
  • 1 folla de loureiro
  • 1 cullerada de fariña
  • Pementa moída
  • Sal
  • 1 vaso de viño

martes, 26 de setembro de 2017

Salsa de tomate

Adiante, bolboreteir@s. Imos cun básico da nosa cociña, habitualmente mercado aínda que se a horta nos brinda unha oportunidade coma esta non a podemos rexeitar. A salsa de tomate é básica para unha cea de pratos do día a día, desde pastas até carnes ou arroces.
Desta volta pois, tiñamos varios tomates sobrantes e xa estaban a pasar mal. Optamos pola solución sinxela, aproveitalos en salsa.
Non é a única saída, de feito iredes vendo como nos próximos días traemos máis receitas cos tomates como protagonista. Certamente, o tomate é a nosa froita da horta preferida e poucos días fica fóra dos nosos menús, xa sexa en ensalada ou agora tamén co mollo.
Como seguro que moit@s de vós estades na mesma situación, deixamos aquí unha receita de grande utilidade coa que terdes salsa para bastante tempo. 


Salsa de tomate



Ingredientes (para 2 botes):

  • 3-4 tomates grandes
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 cullerada de azucre
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

martes, 13 de xuño de 2017

Costeleta con salsa de mango

Amig@s, continúan as receitas. En Bolboretas no bandullo non deixamos de crear. As receitas do blogue baséanse na alimentación do noso día a día e iso queremos que vexades. É por iso que comprobades que nas últimas semanas presentamos receitas moi sinxeliñas e cun tempo de elaboración mínimo.
Gustamos de vos traer posibilidades accesíbeis tanto a nivel económico como dos propios produtos que temos ao noso redor. E aquí tedes un novo exemplo, a partir dunha costeleta, carne habitual nos nosos menús semanais e que desta volta tivo un acompañante ben novidoso, unha salsa de mango que lle refrescou as ideas!
Imos alá cun novo recurso :-)



Costeleta con salsa de mango


Ingredientes:

  • 1-2 costeletas/ persoa
  • 2-3 dentes de allo
  • Pementa moída
  • Ourego
  • Sal

Para a salsa de mango:
  • 1 manga
  • 1/2 cebola
  • 4-5 culleradas de auga

sábado, 22 de abril de 2017

Carne strogonoff con tagliatelle

Da China á Rusia, que viaxeiros andamos ultimamente por Bolboretas no bandullo. Estamos en fase de probas e novas experiencias procurando sabores diferentes. Así pois, para facer un achegamento a certas gastronomías, sempre resulta boa opción facelo a través dun clásico. Aínda que, séndomos sinceros, a receita de hoxe provén da Rusia porque así o mostra o nome mais podería pertencer a calquera outro país. Parece ser que a orixe está na creación dun cociñeiro do xeneral da Rusia tzarista,   Pavel Aleksandrevich Stróganov. Iso si, parece que non hai acordo arredor do motivo. Xa for por un concurso de cociña ou pola chegada a última hora dunha importante cantidade, temos na actualidade unha xoia de peso xa na alimentación europea.
De feito, a variación no nome vén dada pola deformación do nome ruso orixinal ao pasar a terras alemás primeiro e francesas despois. A expansión non é casual xa que cando un prato se transmite de xeracións en xeracións e dunhas culturas a outras é por algo. E neste caso descubrimos o motivo. Querédelo coñecer?



Carne strogonoff con tagliatelle



Ingredientes (para 4 persoas):



Para a carne:
  • 700 g de carne para asar
  • 8 champiñóns
  • 30 g de cogomelos secos (opcional)
  • 1 cebola
  • 350 ml de caldo de polo
  • 100 ml de viño branco
  • 200 ml de nata
  • O zume dun limón
  • 1 cullerada de vinagre
  • Allo

sábado, 4 de febreiro de 2017

Luriñas con mollo de coantro, limón e soia

Comezamos esta fin de semana tempestousa cun dos nosos alimentos favoritos, as luriñas da Ría, da nosa ;-) Esta semana pasada mercamos unhas poucas e matinamos nunha nova forma de os preparar para probar novas combinacións coa certeza de que a este cefalópodo todo lle senta ben.
Escollimos un par de especias, e aprveitamos algo que tiñamos pola cociña para crear un mollo intenso que criamos iría ben. E meu dito, meu feito. Ficou extraordinario.
Non é a primeira volta que presentamos luriñas en Bolboretas no bandullo, cómpre recordar as Luriñas e castañas en mollo de millo ou as Luriñas recheas de gambas e espinacas. Sexa a opción que for, será unha delicatessen na que contar cun bo produto é a clave.
Así mesmo, como xa sabedes, cada dous sábados viñamos presentando video-receita e hoxe tocaba. Porén, transladámola a mañá pois desta volta preparamos o vídeo sobre unha receita que xa hai no blogue e non queremos romper a dinámica de dúas receitas novas á semana. Así que... vaia fin de semana gorentoso nos agarda. Imos comezando 😁


Luriñas con mollo de coantro, limón e soia


Ingredientes (para 2 persoas):



  • 9-10 luriñas
  • 1/2 culleriña de coantro
  • 1/4 culleriña de allo en po
  • O zume de medio limón
  • 1 cullerada de aceite
Para o mollo:
  • 4-5 culleradas de aceite de oliva virxe
  • 2 culleradas de soia
  • O zume de medio limón

sábado, 31 de decembro de 2016

Navallas á prancha con aceite e allo

Chegou o último día do ano mais vimos igualmente con receita, coa derradeira deste 2016. E con algunha sorpresa máis pois como xa sabedes, onte foi o noso 3º aniversario. Si, que rápido pasa o tempo. Xa tres anos pola rede convosco, tres anos de lambetadas, salgados, artigos e moita ledicia da vosa man. Así pois, a noticia para estes tres anos é a chegada de Bolboretas no bandullo a Youtube. Unha noticia que xa adiantáramos na Sala Capitol no LGx15 mais que agora vos presentamos a tod@s. Xa podedes visitar a nosa canle e ollar o vídeo de chegada no que anunciamos a primeira videoreceita co novo ano, concretamente no 8 de xaneiro Youtube: Bolboretas no bandullo. Agardámosvos neste novo formato que non lle restará tempo nin espazo a este senón que o complementerá.
E voltándomos ao comestíbel, presentámosvos un luxo de Nadal co que despedirmos 2016. Un manxar que tiñamos encaprichado desde hai tempo e que cumprimos coa excusa destes días de celebración. Cremos que este é o modo máis sinxelo de preparar as navallas, mantendo ao tempo o seu propio sabor. Desfrutámolas moitísimo. Agora, xa tedes en disposición a receita para seguirdes:


Navallas á prancha con aceite e allo


Ingredientes:

  • 800 g de navallas
  • Aceite
  • Sal
Para a salsa:
  • 100 ml de aceite
  • 2 dentes de allo