Amosando publicacións coa etiqueta limón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta limón. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de febreiro de 2021

Polo ao limón (estilo chinés)

Bolboreteir@s! Aquí andamos unha semana máis con ganas de metervos fame e darvos ideas para matar a mesma. 

Esta fin de semana, aproveitamos para pasear moitísimo porque estamos a ter uns días tremendamente solleiros. Aínda queda para a primavera e xa non digamos para o verán mais canta enerxía dan estas xornadas. Nós, é que logo nos emocionamos tamén, haha. 

Ben, pois, hoxe viaxamos unha vez máis (cada vez está a ser máis frecuente), até Asia. Aínda que é certo que este prato se ten consumido en diferentes países do mundo, popularizouse en Hong Kong e na China, sendo habitual encontralo en diferentes restaurantes destes territorios.

Aínda que soa a combinación estraña, acaba por namorar ese sabor agridoce tan característica desta gastronomía. Adiante!



Polo ao limón (estilo chinés)


Ingredientes: 

  • Peituga de polo
  • 2 dentes de allo
  • 30 ml de soia
  • Xenxibre       
  • 1 ovo
  • Maizena
Para a salsa:
  • 200 ml de auga
  • 1 cullerada de azucre

martes, 23 de xullo de 2019

Picado de sandía (cun toque de cítrico)

Bo día, bolboreteir@s!! Por aquí pola Mariña luguesa non días de sol e praia en exceso mais o calmazo/bochorno si lle chega ben. Especialmente aquí á editora que ten un forno incorporado durante 9 meses e todo o que sirva para refrescar é moi moi benvido.
Aínda que a tendencia son os xeados, temos outra perdición, os picados. Encontrámolos normalmente nos locais de praia a través do castelanismo "granizado" e a nós fannos tolear. E dixemos, e por que non probar na casa? E cal é a nosa froita favorita? Pois a sandía que se dá moi ben para isto pola cantidade de zume que ofrece. Ollade que tentación!





Picado de sandía (cun toque de cítrico)






Ingredientes:

  • 800 g de sandía
  • O zume de medio limón

martes, 19 de marzo de 2019

Cuscús de coliflor

Bo día, bolboreteir@s!! Seguimos adiante? Pois veña, preparádevos que imos cunha receita que resulta difícil expresar en palabras para concretar o sabor achegado.
Ultimamente, por diferentes cuestións, andamos ollando con máis atención a alimentación infantil e nesta liña resulta fundamental a creatividade, achegando así alimentos ás veces non moi do seu gusto mais que poden ser agradábeis doutra forma. Temos que procurar maneira de non ter que renunciar ás propiedades beneficiosas de certos alimentos, neste caso a coliflor. 
A nós mesmos non nos gustaba moito e non fomos quen de comela até adultos. Mais claro, se tivésemos probado pratos orixinais coma estes en textura e sabor, seguramente falásemos doutra cousa.
Ollade como facer un cuscús dunha verdura e lograrmos un prato altamente saudábel. Aí vai!


Cuscús de coliflor


Ingredientes:


  • 1 coliflor
  • Pementa moída
  • Sal
  • Auga

Para acompañar:

Opción 1:

  • Aceite de oliva

martes, 15 de xaneiro de 2019

Polo ao estilo hindú

Bo día, bolboreteir@s! Continúan as receitas. Imos hoxe cun prato de moito moito sabor procedente da cociña hindú. Xa sabedes o que nos gusta viaxar a través da gastronomía, de feito, disto mesmo falabamos o outro día no programa de Onda Cero "Galicia Viajera", no que contabamos como non hai mellor forma de descubrir culturas a través da identidade culinaria.
Pois ben, a da India é intensa, sen dúbida. Se gustades das especias e procurades unha receita para darlle sabor ao polo, esta é a vosa. Velaquí fica: 




Polo ao estilo hindú



Ingredientes:

  • 1 peituga enteira
  • 1 berenxena
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 vaso de auga
  • Coantro
Para o adobo:
  • 2 culleriñas de cúrcuma
  • 1/2 culleriña de comiño

sábado, 5 de agosto de 2017

Cocadas de limón

Nós somos tan lambóns que cando botamos unha semana ou dúas sen receita doce no blogue xa nos angustiamos, hahaha.  Claro, é que, hai que pór dozura á vida e aínda que non podemos estar con lambiscadas todos os días, estas son imprescindíbeis de vez en cando para lle dar unha alegría ao padal.
Así pois, hoxe traémosvos un clásico, as cocadas, que se fan nun abrir e pechar de ollos logrando unha gran efectividade no resultado pois a complexidade é mínima. Aínda que nós non somos grandes amantes do coco, é certo que nalgúns pratos si nos gustan e este é un deles xa que fica cunha textura moi peculiar e cun sabor característico que se desfruta a cada bocado.
De seguro que xa tod@s ou case tod@s os probastes algunha vez mais así que agora é o voso turno: mans á masa e a desfrutar do sabor caseiro destas cocadas de limón.


Cocadas de limón



Ingredientes:

  • 85 g de coco
  • 2 claras de ovo
  • 2 culleradas de azucre moreno
  • A reladura dun limón

sábado, 4 de febreiro de 2017

Luriñas con mollo de coantro, limón e soia

Comezamos esta fin de semana tempestousa cun dos nosos alimentos favoritos, as luriñas da Ría, da nosa ;-) Esta semana pasada mercamos unhas poucas e matinamos nunha nova forma de os preparar para probar novas combinacións coa certeza de que a este cefalópodo todo lle senta ben.
Escollimos un par de especias, e aprveitamos algo que tiñamos pola cociña para crear un mollo intenso que criamos iría ben. E meu dito, meu feito. Ficou extraordinario.
Non é a primeira volta que presentamos luriñas en Bolboretas no bandullo, cómpre recordar as Luriñas e castañas en mollo de millo ou as Luriñas recheas de gambas e espinacas. Sexa a opción que for, será unha delicatessen na que contar cun bo produto é a clave.
Así mesmo, como xa sabedes, cada dous sábados viñamos presentando video-receita e hoxe tocaba. Porén, transladámola a mañá pois desta volta preparamos o vídeo sobre unha receita que xa hai no blogue e non queremos romper a dinámica de dúas receitas novas á semana. Así que... vaia fin de semana gorentoso nos agarda. Imos comezando 😁


Luriñas con mollo de coantro, limón e soia


Ingredientes (para 2 persoas):



  • 9-10 luriñas
  • 1/2 culleriña de coantro
  • 1/4 culleriña de allo en po
  • O zume de medio limón
  • 1 cullerada de aceite
Para o mollo:
  • 4-5 culleradas de aceite de oliva virxe
  • 2 culleradas de soia
  • O zume de medio limón

sábado, 17 de setembro de 2016

Pastéis de Belém

Fin de semana e chega con el a receita dunha das grandes marabillas gastronómicas que probamos no último ano. Estamos a falar dos famosos Pastéis de Belém, un símbolo da repostaría lusa e especialmente de Lisboa. Neste verán, após visitar o Algarve, paramos em Lisboa, cidade marabillosa na que nunca estiveramos até o momento. E como non, achegámonos até o bairro de Belém para, principalmente, probar os sonados pasteis. Ollade como foi a experiencia na famosa fábrica a carón do Mosteiro dos Jerónimos que entramos para comprar media ducia deles para probar e, cando saímos, metímoslle o dente a un deles e tivemos que volver á tenda para coller outros tantos. E iso que había cola e cola para entrar. Mais merecía a pena.
Xa teñen un longo percorrido, desde 1837 cando se comezou a preparar nos anexos do dito mosteiro uns pasteis que rapidamente colleron sona, sobre todo entre a xente que chegaba en barco, xa que no momento a distancia até Lisboa era máis notábel. De todas formas, se quixerdes saber máis da historia destes doces que xurdiron como resistencia dos traballadores expulsados do mosteiro, podedes consultala aquí.
Ollade pois, unha receita histórica!


Pastéis de Belém


Ingredientes (para 12 unidades):

  • 1 lámina de follado
  • 500 ml de leite
  • 250g de azucre
  • 1 ovo
  • 5 xemas
  • 50g de fariña

sábado, 10 de setembro de 2016

Torta de merengue e crema de limón

Se analizades a traxectoria deste case tres anos de Bolboretas no bandullo, xa saberedes que por estas datas toca unha torta especial posto que celebramos as Festas da Xunqueira en Viveiro. E por suposto que non vai faltar sobremesa.
Iso si, de vez en cando debemos controlar os nosos impulsos para non preparar inmediatamente unha receita chocolateira porque senón non sairíamos do chocolate, haha. Por tanto, tocou darlle un pouco máis ao maxín para lograr unha nova larpeirada. Fomos recollendo ideas dun libro e doutro para acabar fusionando nesta sorprendente torta de merengue e crema de limón. 
E cal é a novidade desta vez? Pois que estamos coma vós de momento. A torta está no frigoríficio agardando a ser degustada. Non vos podemos enganar. Acabamos de facela onte á noite e aínda temos que agardar unhas horas para lle meter o dente. Así que... atrevédesvos a mimetizar a receita ou agardades que vos contemos?


Torta de merengue e crema de limón


Ingredientes:


Para a base:
Para a crema de limón:
  • 200g de azucre
  • 200ml de auga
  • 125ml de zume de limón
  • 100g de manteiga
  • 3 xemas de ovo
  • 1 ovo enteiro

sábado, 23 de xaneiro de 2016

Ensalada de quinoa

Se xaneiro nos ofrece sol e unhas temperaturas máis propias de fin de primavera que de cumio invernal, pois nós respondémoslle coas nosas solucións gastronómicas. Sempre reivindicamos as ensaladas como xenial opción para nos alimentar e refrescar no verán, mais tamén cómpre non reducir a súa inxesta a esa tempada, xa que aínda que non sempre apetece, sobre todo cando vai moito frío, achéganos moi diferentes elementos nutritivos e fai da nosa, unha alimentación moito máis saudábel.
Ademais, esta ensalada era un obxectivo para nós pola utilización dun produto en concreto. Cantos anos tiveron que pasar para probarmos por fin a quinoa!! E agora canto nos arrepentimos de non o ter feito antes! A pesar de non ser un produto moi barato comparado con outros cereais ou sementes, teu un sabor moi moi diferencial que pode dar un enorme salto de calidade a calquera prato con non moita cantidade. Ademais, igual que o que sucede co arroz ou o cuscús, os paquetes dan moito rendemento.
Con todo, para lle sacar o máximo proveito a este produto, convén darlle unha boa compaña, como a que vemos nesta ensalada!

Ensalada de quinoa

Ingredientes (para 2-3 racións):
  • 250 ml de auga
  • 125 gr de quinoa
  • 2 ovos cocidos
  • 3-4 espárragos
  • 1 aguacate
  • 1 tomate
  • Unha presa de avelás

sábado, 21 de marzo de 2015

Crema de limón

Un outro sábado, unha outra receita. E como non, unha larpeirada despois dunha semana moi doce na que tivemos a sorte de estar acompañad@s por unha das nosas escritoras preferidas, Rosa Aneiros. A entrevista e "gastrorrelato" é do mellor da nosa curta historia :-) Para @s que aínda non o listes, recomendámosvolo moi encarecidamente:  Bolboreteando con... Rosa Aneiros
E para hoxe, que mellor que unha sobremesa clásica mais non por iso anticuada. Unha sempre exitosa crema de limón que nos animamos a elaborala despois de ver a Robin Food presentala como unha receita de súa nai :-)
A verdade, nós nunca porque probáramos até agora este doce así que non podiamos comparar, mais estamos máis que satisfeitos. Ese toque amargo do limón fica suavizado cos amorodos e así convértese nunha sobremesa ideal, lixeira e saborosa.

Crema de limón

Ingredientes:
  • 200 ml de zume de limón
  • 200 gr de manteiga
  • 175 gr de azucre
  • 4 ovos
  • 2 láminas de xelatina neutra
  • Opcional: amorodos para decorar

martes, 30 de decembro de 2014

Torta de turrón

Parabéns para nós e para tod@s @s lectores de Bolboretas no bandullo!!!!! 30 de decembro e xa todo un ano con vós!! Que rápido pasa o tempo. Xa non queremos insistir no de sempre, mais cómpre darvos mil millóns de grazas por estardes aí acompañándonos en todo momento e facendo coas vosas lecturas que este traballo non sexa en balde e mereza moitísimo a pena. 
Aprendemos moito día a día dos vosos comentarios, suxerencias e tamén nos deixamos guiar un pouco polos vosos intereses gastronómicos para tervos o máis content@s posíbel. Fomos medrando e grazas a vós chegamos ás 23000 visitas no blogue, a 336 gústame na páxina do Facebook e a case 1500 seguidores en Twitter, o que nos fai estar moi moi orgullosos xa que para nós esta era unha experiencia totalmente nova e estámola desfrutando ao máximo. Alegría para os bandullos!!
E como iamos celebrar o ano? Pois cunha larpeirada que representa o que cremos é a base deste blogue, o doce e as lambonadas, aínda que como fostes vendo... hai de todo :-) E tentamos, pois, adaptala á época do ano correspondente. Xa trouxemos polvoróns, mazapáns, arroz con leite... Tocaría turrón, mais desta volta quixemos ir un paso máis alá e elaborar non o turrón, senón unha torta de turrón que degustamos por primeira vez na Casa de xantar "As Tixolas" en Viveiro (asistencia obrigada, por certo). Unha vez que nos fixemos coa receita, démoslle o noso toque persoal e así puidemos saborear esta verdadeira delicia, que con seguridade vos ha de encantar, sexades amantes ou non do turrón xa que ten un sabor especial, moi diferente a outras tortas. Super recomendábel!!!
Porén, queríamos ofrecervos algo máis que unha receita neste día especial, no primeiro aniversario de Bolboretas no bandullo. Así pois, con toda a humildade que corresponde a este caderno dixital, realizaremos un pequeno sorteo entre todas aquelas persoas que deixen algún comentario na receita de hoxe até o día 6 de xaneiro. Haberá premio para dúas persoas, e este será un conxunto de galletas feitas con todo o agarimo do mundo e que vos encantará. Unha moi boa oportunidade para degustar algo elaborado por Bolboretas no bandullo e comprobar que isto non só fica en fotos e explicación, xa que o máis importante é o sabor :-)
Para pagarlle a un notario non hai, con todo, realizaremos o sorteo nunha aplicación xa idónea para este tipo de procesos e subiremos a fotografía co resultado. Despois solicitarémosvos a dirección de correo e para alá irán estas sorprendentes galletas :-) Agardamos os vosos comentarios!!!
E aquí vos vai a larpeirada de hoxe:


Torta de turrón

Ingredientes:
  • 1 barra de turrón brando
  • 7 ovos
  • 7 queixiños
  • 1 vaso de nata
  • 1 vaso de fariña
  • 1 vaso de azucre
  • 1 iogur de limón
  • Raiadura dun limón
  • Para decorar (opcional): nata montada e boliñas de chocolate

domingo, 5 de outubro de 2014

Arroz con leite de chocolate

Xa estamos aquí unha vez máis. E hoxe cunha receita que tiña no maxín xa desde hai un tempo porque ma adoitaban facer de pequena e agora tiña ganas de atreverme eu con ela. Aínda que iso si, dándolle un toque diferente para innovar, haha. E ese toque tiña que ser o chocolate, como non, aínda que quería que fose algo lixeiro que non mudase o sabor orixinal e tan propio desta clásica sobremesa.
O arroz con leite, ao igual que no resto da Península, ten unha longa tradición na Galiza, e difícil será coñecer unha familia ou casa en que nunca se fixera. A súa textura e dozura fixeron del un prato que encantaba á maioría e que servía para que tomaren leite aqueles/as que non gustaban tanto del. Ademais, unha cunca de arroz con leite acabado de facer, é moi de agradecer nas noites de inverno galego.
A ver se gustades da nosa receita, que exceptuando o punto chocolateiro, é a mesma que xa facía miña avoa hai moitas décadas :-)


Arroz con leite de chocolate

Ingredientes:
  • 1 litro de leite
  • 1 vaso pequeno de arroz
  • 80 gr de azucre
  • A monda dun limón
  • Canela, en po ou en rama, ao gusto
  • 1/4 de libra de chocolate

domingo, 3 de agosto de 2014

Torta mousse de amorodos

Onte estivemos de celebración xa que era o aniversario de David, o meu mozo, e por tanto tocou preparar unha nova torta, e tal e como o coñezo, sabía que tiña que ser de amorodos. E a que se me veu á cabeza desta volta era unha mousse, que xa probara a facer tempo atrás e quedara realmente boa.
Como ben sabedes, a principal característica da mousse é a súa textura, esponxosa, de feito o vocablo francés mousse significa esponxa. Esta torta, que se consagrou no sabor a chocolate, é de orixe francesa e parece que do século XIX, aínda que hai certa controversia sobre en que etapa foi e en que lugar concreto da Francia. Sexa como for, é unha torta recoñecida por ser ben diferente a outras certamente tradicionais por esa textura, e tamén por ser lixeira e fresca.

Torta mousse de amorodos

Ingredientes:

Para a base:

  • 125 gr de azucre moreno
  • 100 gr de fariña
  • 100 gr de manteiga
  • 2 ovos
  • Unha culleriña de lévedo en pó
  • Unha culleriña de vainilla
  • Un chisco de sal
Para a mousse:
  • 600 ml de nata
  • 500 gr de amorodos

domingo, 23 de marzo de 2014

Madalenas de amorodos, chocolate e abelás

Xa que os cupcakes están arrasando, imos voltar á súa orixe, que non é outra que a das madalenas, para demostrar que estas tamén poden ser moi doces e saborosas. Este alimento é todo un clásico mais creo que tamén é o grande perxudicado do boom dos cupcakes. Por iso nos puxemos mans á masa para preparar unhas ricas madalenas válidas para a merenda, sobremesa ou almorzo. O obxectivo, alén de lograr un bo sabor, era mesturar amorodos e chocolate. O resultado convenceunos totalmente! Estes produtos van moi ben xuntos. Achegan ese punto de dozura de que tanto gustamos xunto a froita, que aínda que sexa en pequenos cachiños, sempre é importante integrala na nosa alimentación. Aí van as nosas madalenas:


Madalenas de amorodos, chocolate e abelás

Ingredientes:
  • 250 gr de fariña
  • 250 gr de azucre
  • 250 ml de aceite de oliva
  • 4 ovos medianos
  • 8 gr de lévedo en pó
  • 2 culleradas de anís
  • A reladura dun limón
  • Un chisco de sal