Amosando publicacións coa etiqueta celebración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta celebración. Amosar todas as publicacións

sábado, 24 de xuño de 2017

Das nosas receitas preferidas... Parte II (TORTAS)

Feliz San Xoán, bolboreteir@s! Hoxe hai festa por medio país. E a outra metade do país, aproveita para celebrar tamén que chegou o verán.
A nós este ano o San Xoán colleunos metidos de cheo nos exames de oposición así que pouca forza haberá para festas. Mais si para comer, que fame sempre hai, haha e iso é boa cousa.
Ben, o caso é que esta semana tivemos moi pouquiño tempo para cociñar e así pois aproveitamos para continuar un apartado que comezaramos hai ben tempo, en marzo do 2016 con Das nosas receitas preferidas... Parte I. Ese primeiro fascículo estaba formado por varias das nosas receitas salgadas máis adoradas. E claro, como ía faltar a correspondente versión doce sabendo que Bolboretas no bandullo ten xénese e motivación lambisqueira.
Pois como é día de tanta festa e de aquí en diante todo vai ser festexos pola Galiza adiante, aquí unha acumulación de tortas para as vosas sobremesas.

As receitas doces preferidas 



Torta Ferrero

Agora mesmo comiamos un anaco, dous, tres... ou toda a torta!! Sen dúbida, esta é unha das nosas torta estrela e unha das que máis éxito tivo cando a publicamos no blogue e cando a presentamos ante os nosos convidad@s xa que o sabor é moi similar ao dos famosos bombóns que tanto nos gustan... (non, Ferrero non paga a publicidade, haha). 


Torta de 3 chocolates


Ben podería ir de primeira pois esta é o noso punto de partida. Como sabedes aqueles e aquelas que escoitastes ou lestes algunha das nosas entrevistas, todo comezou coa clásica torta de tres chocolates. Primeiro para a irmá, despois para o resto da familia, amig@s...

martes, 30 de decembro de 2014

Torta de turrón

Parabéns para nós e para tod@s @s lectores de Bolboretas no bandullo!!!!! 30 de decembro e xa todo un ano con vós!! Que rápido pasa o tempo. Xa non queremos insistir no de sempre, mais cómpre darvos mil millóns de grazas por estardes aí acompañándonos en todo momento e facendo coas vosas lecturas que este traballo non sexa en balde e mereza moitísimo a pena. 
Aprendemos moito día a día dos vosos comentarios, suxerencias e tamén nos deixamos guiar un pouco polos vosos intereses gastronómicos para tervos o máis content@s posíbel. Fomos medrando e grazas a vós chegamos ás 23000 visitas no blogue, a 336 gústame na páxina do Facebook e a case 1500 seguidores en Twitter, o que nos fai estar moi moi orgullosos xa que para nós esta era unha experiencia totalmente nova e estámola desfrutando ao máximo. Alegría para os bandullos!!
E como iamos celebrar o ano? Pois cunha larpeirada que representa o que cremos é a base deste blogue, o doce e as lambonadas, aínda que como fostes vendo... hai de todo :-) E tentamos, pois, adaptala á época do ano correspondente. Xa trouxemos polvoróns, mazapáns, arroz con leite... Tocaría turrón, mais desta volta quixemos ir un paso máis alá e elaborar non o turrón, senón unha torta de turrón que degustamos por primeira vez na Casa de xantar "As Tixolas" en Viveiro (asistencia obrigada, por certo). Unha vez que nos fixemos coa receita, démoslle o noso toque persoal e así puidemos saborear esta verdadeira delicia, que con seguridade vos ha de encantar, sexades amantes ou non do turrón xa que ten un sabor especial, moi diferente a outras tortas. Super recomendábel!!!
Porén, queríamos ofrecervos algo máis que unha receita neste día especial, no primeiro aniversario de Bolboretas no bandullo. Así pois, con toda a humildade que corresponde a este caderno dixital, realizaremos un pequeno sorteo entre todas aquelas persoas que deixen algún comentario na receita de hoxe até o día 6 de xaneiro. Haberá premio para dúas persoas, e este será un conxunto de galletas feitas con todo o agarimo do mundo e que vos encantará. Unha moi boa oportunidade para degustar algo elaborado por Bolboretas no bandullo e comprobar que isto non só fica en fotos e explicación, xa que o máis importante é o sabor :-)
Para pagarlle a un notario non hai, con todo, realizaremos o sorteo nunha aplicación xa idónea para este tipo de procesos e subiremos a fotografía co resultado. Despois solicitarémosvos a dirección de correo e para alá irán estas sorprendentes galletas :-) Agardamos os vosos comentarios!!!
E aquí vos vai a larpeirada de hoxe:


Torta de turrón

Ingredientes:
  • 1 barra de turrón brando
  • 7 ovos
  • 7 queixiños
  • 1 vaso de nata
  • 1 vaso de fariña
  • 1 vaso de azucre
  • 1 iogur de limón
  • Raiadura dun limón
  • Para decorar (opcional): nata montada e boliñas de chocolate