domingo, 28 de setembro de 2014

Torta 3 chocolates

E hoxe imos cunha torta moi especial, posibelmente á que máis cariño lle teña xa que é a primeira que fixen, alén da tradicional e máis sinxela torta da avoa. Esta dozura, que tamén sexa posibelmente a que máis veces elaborei porque a todos na casa nos encanta, é unha torta máis fácil de construír do que parece aínda que si convén ter certo coidado coas capas xa que pode dificultar o proceso e ir con calma.
A pesar de levar tres capas de chocolate e pensarmos en demasiado doce, a verdade é que resulta moi suave e permite degustarmos máis dunha porción sen problema.
Espero que para @s que non cociñades moi a miúdo, actúe esta torta como para min, como namoro da gastronomía e da respostería en concreto. No meu caso foi unha mestura de alegría polo ben que quedou, goce polo sabor espectacular e orgullo polo éxito logrado entre os e as comensais. Así decidín seguir probando máis e... aquí estamos. Agora tócavos a vós, talvez vos suceda algo parecido :-)

Torta 3 chocolates

Ingredientes:

Para a base:
  • 1 paquete e medio das vosas galletas preferidas (nós usamos as maría cadradas)
  • 50-70 gr de manteiga
Para a capa de chocolate negro:
  • 150 gr de chocolate negro
  • 250 gr de nata
  • 250 leite
  • 1 sobre de callada
Para a capa de chocolate con leite:
  • 150 gr de chocolate con leite
  • 250 gr de nata
  • 250 gr de leite
  • 1 sobre e medio de callada
Para a capa de chocolate branco:
  • 225 gr de chocolate branco
  • 250 gr de nata
  • 250 gr de leite
  • 1 sobre e medio de callada 
Elaboración:

Primeiramente, temos de elaborar a base da nosa torta. Para iso, temos de triturar as galletas e, a continuación, mesturamos coa manteiga que debe estar a temperatura ambiente. Se vedes que non queda unha masa compacta, botade máis manteiga. E estendemos a capa no molde coa axuda das mans. Refrixeramos.


                                                      

De seguido, debemos preparar a capa de chocolate negro. Para comezar, diluímos a callada no leite. Despois, botamos nun cazo o chocolate troceado, a nata e o leite; quentamos até desfacer o chocolate e conseguir unha crema homoxénea; cocemos un pouco até que a mestura comece a espesar e botámola no molde sobre a base de galletas. Refrixeramos.



                                                    
Mentres endurece o chocolate negro, preparamos o chocolate con leite. O proceso é igual, só que neste caso utilizamos un pouco máis de callada. Comprobamos que a capa de chocolate negro está callada e raiámola coa axuda dun garfo para que, ao corta a torta, non se separen as capas. Ademais, utilizamos un cullerón para que o o chocolate caia máis lentamente e evitar que se mesturen as capas. Refrixeramos.



Coa última capa repetimos os procesos anteriores. Neste caso, aumentamos 75 gr o chocolate branco para que sexa máis sólida e quede unha cor máis branca. Para botala no molde, temos que seguir o proceso do chocolate con leite: comprobar se a anterior está sólida e raiala e, coa axuda do cullerón, botar a crema de chocolate branco lentamente. Refrixeramos.



Pasadas 2 horas xa a podemos decorar. Nós, neste caso, utilizamos un lapis comestíbel de chocolate e boliñas de chocolate, mais podedes utilizar o que máis vos guste: fídeos de chocolate, chocolate raiado... 



Esta é unha sobremesa en toda regra, ou non? Un torta digna de pór remate ao xantar ou cea máis espléndida; neste caso á celebración de aniversario de miña irmá, Miriam (como vedes na decorado). Despois de moitas tortas elaboradas con ingredientes ben diferentes, esta segue a ser a miña torta favorita. A fin de contas, xunto a ela comecei o camiño nesta miña afección que tanto adoro.
Espero que vos guste a torta tanto ou máis ca min. Desfrutade deste domingo lambón! Apertas!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario