Amosando publicacións coa etiqueta parmesano. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta parmesano. Amosar todas as publicacións

martes, 10 de abril de 2018

Pesto de améndoas (máis unha receita con pasta)

Bo día, bolboreteir@s! Encollestes con tanta auga? Nós pasamos unha fin de semana algo fastidiados da gorxa e do estómago mais imos pouco a pouco para diante. Iso si, andamos con pratos lixeiros de momento.
Hoxe presentámosvos unha receita que nos viña solicitando un amigo seguidor desde hai xa unhas cantas semanas. E con razón, porque aínda non nos acabamos de explicar como estaba Bolboretas no bandullo sen pesto até agora. Un clásico dos mollos italianos que dificilmente pode ser máis sinxelo. Ideal así para @s que procurades unha outra opción para a pasta alén dos spaguetti con tomate. Chega con triturar e... degustar! Imos por ela!



Pesto de améndoas


Ingredientes:


  • 60 g de améndoas crúas
  • 30 g de parmesano
  • 20 g de alfábega fresca
  • 1 dente de allo
Para acompañar: 
  • Pasta
  • Tomatiños cherry  
  • Aceite de oliva

martes, 23 de agosto de 2016

Pasta con salsa carbonara

Aquí estamos bolboreteir@s. Vimos fortes cunha receita clásica para coller folgos durante unha semana que andaremos, como todos os anos, pola Romaría do Bo Xantar, o Naseiro. Non vos preocupedes, que habedes ir tendo noticiais nosas, mais até o sábado 3 de setembro non haberá novidades no blogue.
A idea do prato de hoxe xorde após tempo comprobando que na maior parte dos restaurantes adoitan facer a salsa carbonara con nata, incluso sendo algúns italianos. Chamounos a atención porque cando visitamos Milano, unha das primeiras cousas que aprendimos foi que botarlle nata á carbonara era un sacrilexio para eles/as.
Desde aquela, sempre imos observando o modo de preparación nos diversos lugares e desta vez fomos nós quen nos animamos a preparala. Mais antes cómpre comentar un pouco da súa orixe, que sempre crea apetito, haha.
Naceu ao abeiro da II Guerra Mundial en Italia. Curiosamente, contra o aborrecemento dos militares británicos, fartos de comer sempre o mesmo. Desde a orixe, os ovos e a pementa negra convertéronse en elementos fundamentais deste prato. Non a nata. Parece ser que os alimentos que máis abundaban nesta época de racionamento nas cociñas militares eran os ovos e a panceta, polo que solicitaron un novo prato con eses elementos. Por suposto, a pasta estaba presente en todas as casas italianas polo que esta converteuse na base desa creación.
Ademais, cómpre recordar a orixe dese termo "carbonara", que se debe á zona dos Apeninos en que comezou a degustar e na que a actividade mineira era realmente importante. Mesmo existe a lenda de que a pementa negra xorde no prato como homenaxe aos carboneiros. Mais... permítannos que o dubidemos, haha.


Pasta con salsa carbonara


Ingredientes (para 4 persoas):


  • 300-350g de pasta
  • 200g de panceta afumada
  • 100g de queixo parmesano
  • 3 ovos
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal
  • 2 culleradas de aceite