Amosando publicacións coa etiqueta peixe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta peixe. Amosar todas as publicacións

sábado, 6 de xuño de 2020

Robaliza estilo Donosti

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Por sorte, parece que imos recuperando a normalidade pouco a pouco. Ou algo parecido á normalidade. Pero iso si, seguiredes facendo pan, ou? Nós como xa somos moi panadeiros de sempre, estabamos na gloria vendo as RRSS cheas de masas nestes meses.
Sexa como for, hoxe non vai de pan senón de peixe, un dos puntos fracos do blogue a pesar de sermos de terra mariñeira. A verdade é que non é o produto que máis dominamos á hora de cociñar (fica moito por aprender) e tampouco é o recurso máis económico para a cociña do día a día, aínda que é certo que hai peixes e peixes. 
Mais non pensedes que non nos gustan, eh, de feito a un de nós, encántanos. A outra non tanto, haha. E como había tempo que non presentabamos nada de mar, optamos por un dos nosos peixes favoritos. Por dous motivos: o sabor e o feito de ser o pescado que comemos o día da nosa voda. Ai, que recordos! 

Ben, pois procurando pola rede ideas, ficamos con esta de "Directo al paladar" que nos pareceu sinxela e ben apetecíbel. A ver que vos parece. Por certo, robaliza, quedade co nome que cada vez é máis difícil encontralo ben chamado ;-)



Robaliza estilo Donosti



Ingredientes:

  • 2 filetes de robaliza
  • 2 dentes de allo
  • 4-5 culleradas de aceite

martes, 29 de maio de 2018

Robaliza ao forno

Bo día, bolboreteir@s! Hoxe vimos orgullosos coa nosa receita pois, aínda sendo moi sinxela, é ben importante para nós pois se hai unha carencia que percibimos na nosa cociña é a falta de cociñado de peixes, o que procuraremos solucionar a partir de agora, sobre todo porque cada vez nos gusta máis papalo. É xa cuestión de orgullo. Galegos e mariñaos, como para non incluírmos receitas peixeiras.
Tamén hai que confesar que non foi casualidade que se dese este prato xusto nesta fin de semana. Nos últimos días tocou traballar o léxico mariñeiro co alumnado de 3º da ESO e xurdiron pratos moi apetecíbes que nos provocaron un apetito que agora vos tentamos transmitir a través desta sinxelísima  robaliza ao forno. A por ela!



Robaliza ao forno



Ingredientes:

  • 1 robaliza
  • 2-3 patacas
  • 1 tomate
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 pemento verde
  • 1/2 vaso de viño branco
  • Aceite de oliva

martes, 9 de xaneiro de 2018

Roliños de salmón

Bo día, bolboreteir@s!
Nova etapa após unhas vacacións moi doces e larpeiras. Como fomos adiantando o outro día, os excesos hai que compensalos alén de queimalos e chegou o momento.
Andamls xa creando o corpus das próximas semanas nas que nos dedicaremos case con exclusividade ás receitas saudábeis. Non é por alarmar mais é que á volta de xaneiro está xa o Entroido, haha. E iso, non se perdoa...
Desta volta optamos polos sempre triunfantes Wrap, que alén de seren totalmente personalizábeis, son o recurso de moda para as ceas lixeiras que non queremos dedicar moito tempo.
Adiante con el!


Roliños de salmón



Ingredientes (para 3 roliños):

  • 3 tortillas
  • 100 g de salmón
  • 2-3 culleradas de queixo crema
  • Leituga
  • 1/2 culleriña de ourego

martes, 16 de maio de 2017

O salmón con bechamel do "Ilustrísima" de Casares

Como estades, bolboreteir@s? De novo martes mais hoxe vai ser día especial posto que estamos na véspera dun día ben especial, canto menos de forma simbólica xa que aproveitamos para honrar a nosa literatura e, por tanto a nosa cultura, con actos por todo o país. Afigura homenaxeada neste 2017 como xa sabedes é un dos grandes renovadores da nosa prosa na segunda metade do XX, Carlos Casares. Mais ben, Casares na realidade foi moito máis e ten de ser considerado un axente fundamental na revalorización e dinamización da cultura galega. Debemos consideralo ademais un grande amante da nosa gastronomía mais tamén moi bo coñecedor dos sabores do mundo. Para saberdes máis do ourensán non podemos máis que recomendarvos a visita, tanto física como dixital, á Fundación Casares, quen nos prestou a colaboración máis amábel para estas pesquisas pondo diversos documentos á nosa disposición.
Consideramos pois moi proveitosa a súa figura para continuarmos un percorrido en Bolboretas no bandullo xa comezado o ano pasado con Manuel María no que pretendemos achegar dous ámbitos ás veces distanciados mais que teñen máis en común do que parece: literatura e gastronomía. Se en 2016 creamos O bolo boleiro de Manuel María inspirado en tres poemas do chairego e Primavera de Venus motivada por unha das súas obras poéticas, este ano non ía ser menos e tamén faremos dúas quendas de creacións gastroliterarias arredor de Casares, unha para este martes e outra para sábado, a partir do gusto culinario do propio autor.
Ben, tiñamos interese en partir dunha dos textos de Casares e aí xorde como referencia clara unha das súas obras mestras, Ilustrísima, publicada en 1980 e que leva máis de 14 edicións. Evidentemente recomendámosvos a lectura desta novela clara e efectiva onde a chegada dun cinematógrafo a unha vila galega vai dar para todo tipo de profecías, intuicións mais tamén para ver no cinema novas posibilidades, a oportunidade de se renovar.
Nesta trama emerxe unha figura do máis atractiva para o lector, o bispo. Resulta sinxelo para nós empatizar coa Ilustrísima pois estamos perante un amante da cociña, dun adorador de pratos un lambón con todas as letras, o que o leva a devecer e valorar algunhas lambetadas que se lle van ir presentando, aínda que non todas as pode degustar. Precisamente, o que hoxe aquí procuramos recrear é un deses múltiplos manxares que dan un arrecendo do máis saboroso a esta novela. Optamos por traervos así, o salmón con champiñóns e bechamel que no seu momento non puido degustar o bispo por non se atopar ben, con toda a tristeza que iso levou para el.


O salmón con bechamel do "Ilustrísima" de Casares



Ingredientes (para dúas persoas):


  • 2  toros de salmón
  • 400 ml de bechamel
  • 1 tomate
  • O zume dun limón
  • Aneto 
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva
Para acompañar:
  • 7-8 champiñóns
  • 2 dentes de allo

martes, 13 de setembro de 2016

Dornas gorentosas

Por aquí procuramos xa embarcación porque está a caer unha boa por toda Galiza. E o que queda! Iso si, boa falta facía tamén xa un pouco de auga. E iso que nós somos moi de sol e praia, claro. 
Optamos por un barquiño ben saboroso, que chamamos dorna, non pola exactitude da súa xeometría, nin moito menos, senón pola atracción que sempre nos supuxo este termo das Rías Baixas, bastante descoñecido polo Norte. Ben, pois hai moi tempo que viramos aproveitar os boliños de pan, dándolle forma de bote con multitude de opcións para actuaren de pasaxeiros. 
E ides ver que hai moita diversidade no interior destas dornas. Unha conxunción de sabores capaz de chamar a atención do noso padal con produtos máis intensos acompañados pola suavidade doutros. De todas formas, o mellor que podedes facer é innovar co que teñades a man ou se vos ocurra. Aquí as nosas ideas!

Dornas gorentosas


Ingredientes (para dúas persoas):


Para a chouriceira:
  • 1 bolo de pan
  • 2 culleradas de salsa de tomate
  • 1 lasca de queixo San Simón
  • 1/2 chourizo
  • Unha presa de espinacas
  • Queixo relado ao gusto
  • Ourego
Para a salmoeira:

martes, 22 de marzo de 2016

Arroz con choco na súa tinta

Chegamos hoxe un pouco tarde, mais chegamos, que é o importante, ou non? E facémolo arrasando, cun clásico da gastronomía galega, arroz con choco na súa tinta. 
Non sabemos moi ben o motivo mais este sempre foi un prato ao que lle tiñamos certo respecto, e de feito, nunca até agora probaramos a facelo. Aproveitabamos as oportunidades para degustalo naquelas casas de xantar que ofrecen este manxar. Mais agora xa non será preciso agardar a que nolo cociñen fóra. Na receita de hoxe aclaramos todo o necesario para lograr esta larpeirada marítima. Aínda que a clave, como xa dixemos na última receita de choco en salsa, está no produto. E o noso é de 10, grazas a un mariñeiro viveirés de moita arte e solidariedade. Grazas a el unha outra vez :-)
Vai pois, un novo agasallo gatronómico para vós:

Arroz con choco na súa tinta


Ingredientes (para 4 persoas):

  • 1 choco mediano
  • 1 cunca de arroz
  • 1 pemento vermello
  • 1 cebola
  • 1 tomate
  • A tinta do choco
  • 1 vaso de viño branco
  • 2-3 culleradas de aceite
  • Auga

sábado, 16 de xaneiro de 2016

Choco en salsa

Que alegría levamos a semana pasada, cando un amigo nos avisou de que nos trouxera uns chocos da súa última saída ao mar. Co que a nós nos gustan estes cefalópodos! 
Por suposto, xa pensamos na súa elaboración e como non estamos moi afeitos a traballar con este produto optamos polo xeito tradicional de o facer na nosa casa, seguindo os pasos da instrutora experta, haha.
E lográmolo, conseguimos un prato acorde ao produto. A verdade, con este choco, pouco se había que complicar xa que de por si só é un verdadeiro manxar cheo de tenrura e sabor.
Se gustades dos cefalópodos, anotade a receita porque se dá moi ben para facer destacar o elemento principal. E con moi pouco traballo, que tamén resulta importante.
Aí o tedes:

Choco en salsa

Ingredientes:
  • 1 choco
  • 1 tomate
  • 1 cebola
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 pemento verde
  • 2-3 dentes de allo

martes, 17 de novembro de 2015

Faragullas de pescada

Non queremos que pensedes que nos esquecemos do peixe, eh! Que ben bo que está, aínda que talvez o deberiamos aumentar na nosa alimentación. E un dos que sempre temos a man é a pescada, xa que o consideramos superversátil e recorrente.
Mais para que vexades que non todo está planificado na cociña e non todo sae ben, contámosvos como chegamos a esta receita. De seguro que vos teñen pasado cousas parecidas:
Tiñamos pensado aproveitar media pescada que tiñamos no forno para lle sacar uns filetes e facelos á grella. Mais claro, era a nosa primeira vez para dito labor. E fracasamos, haha. Non fomos capaces de lamilas a pescada, a falta de experiencia pagouse desta volta. Mais claro, non iamos desaproveitala, por suposto que non. E o que fixemos foi retirar os anacos que desfixemos na tentativa, para elaborar unha receita con eles. E isto foi ao que chegamos:

Faragullas de pescada



Ingredientes (para 2 persoas):
  • 1/2 pescada
  • 1/2 cogombro
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 presa de pirixel
  • 1 chili
  • 2 culleradas de aceite

sábado, 13 de xuño de 2015

Variñas de peixe crocantes con salsa rouille

Bon sábado amig@s! Aquí andamos de novo aínda que hoxe de seguro que vos sorprendemos xa que a receita será un tanto diferente das que vimos presentando. Se temos unha espiña cravada con algún tipo de produto ese é o peixe. A verdade é que nos gustaría comer máis. Porén, non nos encanta, principalmente polas espiñas, a verdade. E isto bótanos un pouco para atrás á hora de o preparar.
Con todo, queremos ir superando esta barreira posta co peixe polo que esta semana cociñamos un pouco. E todo acabou por saír ben; de feito ficamos moi satisfeitos. Como xa dixen, non somos grandes seguidores do peixe, polo que imos comezando con receitas como estas, ideais para @s máis pequen@s, mais tamén para nós, xa que o peixe queda máis "disimulado". Collimos un peixe branco de sabor moi suave, axeitado para este tipo de receitas. E ademais acompañámolo dun mollo especial para peixes que fixo que o prato se acabase por converter nunha delicia.
Resulta unha opción moi interesante e útil, especialmente para ir introducindo o peixe na alimentación, facéndoa así máis saudábel e equilibrada. Veremos a ver se vos gusta. Seguro que si ;-)

Variñas de peixe crocantes con salsa rouille


Ingredientes (para dúas persoas):

Para o peixe:
  • 4 lirios 
  • 2 ovos
  • Pan relado

mércores, 4 de xuño de 2014

Salmón en papillota

Seguimos cunha nova receita mais hoxe mudamos totalmente de rexistro xa que había moito moito tempo que non traiamos un peixe e optamos por un dos clásicos, o salmón, que fixemos en papillota nunha receita moi moi sinxela. Este pescado ofrécenos un alto contido de proteínas e omega-3. Algún dos seus grandes beneficios é a súa contribución na diminución do colesterol así como aumento da fluidez do sangue. Convén comer peixe de vez en cando, e o salmón é unha moi boa opción. E se o facedes con verduras, seguindo esta receita, moito mellor :-)

Salmón en papillota

Ingredientes (para dúas persoas):
  • 2 toros de salmón
  • 1/2 cabaciña
  • 1/2 berenxena
  • 1/2 pemento vermello
  • 1 cenoria 
  • 1 cebola
  • 1 tomate
  • Unha onza de caldo de verduras
  • 1/2 vaso de viño branco
  • Sal
  • Especias ao gusto
  • Material preciso: papel de aluminio ou vexetal