Amosando publicacións coa etiqueta Letras Galegas 2017. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Letras Galegas 2017. Amosar todas as publicacións

sábado, 20 de maio de 2017

Pan estralante, a debilidade gastronómica de Casares

Bo sábado, bolboreteir@s. Canto nos alegramos que a receita literaria do pasado martes, arredor Salmón con bechamel do Ilustrísima de Casares, gustara e tivera tantas lecturas. Isto danos aínda máis ganas de vos presentar a segunda parte deste proxecto gastronómico arredor do autor homenaxeado neste 2017 con motivo do Día das Letras Galegas.
Se o outro día arrincamos dunha novela para configurarmos un prato ben saboroso, hoxe optamos por nos inspirarmos desde as propias reflexións de Carlos Casares arredor da gastronomía, que son moitas e substentadas na experiencia do probador con capacidade analítica que recoñece o valor da sinxeleza e a tradición mais coa necesaria incorporación da innovación. É por iso que en ocasións se ten mostrado preocupado polo estancamento da nosa cultura culinaria, aínda que ben é certo que estamos a falar dos anos 80, avando Galiza moito desde aquela.
Sexa como for, o que nos chamou a atención é o feito de Casares confesar a súa debilidade gastronómica nun produto básico, elemental nas cociñas galegas e supón para nós tamén o summum dos sabores: o pan. Si, si, o pan! Contaba o homenaxeado da morriña por ese alimento nas saídas a outros países en que non se estila tanto. Aquí, a historia, con conseguintes transformacións socio-económicas levaron o pan a se manifestar como imprescindíbel na nosa mesa, variando unicamente os ingredientes de elaboración en función da época (millo, centeo, trigo).
Desde a Fundación Casares prestáronnos para as nosas pesquisas textos do Arquivo persoal de Carlos Casares, de grandísimo interese e entre os que tiramos fragmentos de grande sabor coma este:

      Eu son un gran comedor de pan, a única debilidade gastronómica que teño. De neno, na casa ríanse de min porque ía ao cine cos petos dos pantalóns cheos das puntas das barras, que os meus irmáns me cedían xenerosamente, sabedores da miña debilidade por semellante lambonada. Nunca entendín que nos cines, en vez desas trapalladas sintéticas que venden, non ofrecesen pan fresco, estralante. (tirado de "Á marxe")

Vaia! Que opinades do lambonciño que era Casares? Todo un purista das lambetadas. O caso é que aproveitamos para preparar así un pan estralante, que non parte do corrosco das barras senón do grosos mínimo que demos a este pan preparado na casa, cunha textura co efecto que gustaba o profesor. Todo el é estralante, todo crocante. E para lle dar máis intensidade e sabor, incorporamos o queixo. Só queda roer, desfrutar e deixarnos levar polo sabor entre cada crack. Velaí o tedes!


Pan estralante, a debilidade gastronómica de Casares



Ingredientes:

  • 300 g de fariña
  • 100 g de queixo
  • 150 g de auga fría
  • 3 culleradas de aceite
  • 1 cullerada de ourego
  • 1 cullerada de manteiga

martes, 16 de maio de 2017

O salmón con bechamel do "Ilustrísima" de Casares

Como estades, bolboreteir@s? De novo martes mais hoxe vai ser día especial posto que estamos na véspera dun día ben especial, canto menos de forma simbólica xa que aproveitamos para honrar a nosa literatura e, por tanto a nosa cultura, con actos por todo o país. Afigura homenaxeada neste 2017 como xa sabedes é un dos grandes renovadores da nosa prosa na segunda metade do XX, Carlos Casares. Mais ben, Casares na realidade foi moito máis e ten de ser considerado un axente fundamental na revalorización e dinamización da cultura galega. Debemos consideralo ademais un grande amante da nosa gastronomía mais tamén moi bo coñecedor dos sabores do mundo. Para saberdes máis do ourensán non podemos máis que recomendarvos a visita, tanto física como dixital, á Fundación Casares, quen nos prestou a colaboración máis amábel para estas pesquisas pondo diversos documentos á nosa disposición.
Consideramos pois moi proveitosa a súa figura para continuarmos un percorrido en Bolboretas no bandullo xa comezado o ano pasado con Manuel María no que pretendemos achegar dous ámbitos ás veces distanciados mais que teñen máis en común do que parece: literatura e gastronomía. Se en 2016 creamos O bolo boleiro de Manuel María inspirado en tres poemas do chairego e Primavera de Venus motivada por unha das súas obras poéticas, este ano non ía ser menos e tamén faremos dúas quendas de creacións gastroliterarias arredor de Casares, unha para este martes e outra para sábado, a partir do gusto culinario do propio autor.
Ben, tiñamos interese en partir dunha dos textos de Casares e aí xorde como referencia clara unha das súas obras mestras, Ilustrísima, publicada en 1980 e que leva máis de 14 edicións. Evidentemente recomendámosvos a lectura desta novela clara e efectiva onde a chegada dun cinematógrafo a unha vila galega vai dar para todo tipo de profecías, intuicións mais tamén para ver no cinema novas posibilidades, a oportunidade de se renovar.
Nesta trama emerxe unha figura do máis atractiva para o lector, o bispo. Resulta sinxelo para nós empatizar coa Ilustrísima pois estamos perante un amante da cociña, dun adorador de pratos un lambón con todas as letras, o que o leva a devecer e valorar algunhas lambetadas que se lle van ir presentando, aínda que non todas as pode degustar. Precisamente, o que hoxe aquí procuramos recrear é un deses múltiplos manxares que dan un arrecendo do máis saboroso a esta novela. Optamos por traervos así, o salmón con champiñóns e bechamel que no seu momento non puido degustar o bispo por non se atopar ben, con toda a tristeza que iso levou para el.


O salmón con bechamel do "Ilustrísima" de Casares



Ingredientes (para dúas persoas):


  • 2  toros de salmón
  • 400 ml de bechamel
  • 1 tomate
  • O zume dun limón
  • Aneto 
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva
Para acompañar:
  • 7-8 champiñóns
  • 2 dentes de allo