martes, 16 de maio de 2017

O salmón con bechamel do "Ilustrísima" de Casares

Como estades, bolboreteir@s? De novo martes mais hoxe vai ser día especial posto que estamos na véspera dun día ben especial, canto menos de forma simbólica xa que aproveitamos para honrar a nosa literatura e, por tanto a nosa cultura, con actos por todo o país. Afigura homenaxeada neste 2017 como xa sabedes é un dos grandes renovadores da nosa prosa na segunda metade do XX, Carlos Casares. Mais ben, Casares na realidade foi moito máis e ten de ser considerado un axente fundamental na revalorización e dinamización da cultura galega. Debemos consideralo ademais un grande amante da nosa gastronomía mais tamén moi bo coñecedor dos sabores do mundo. Para saberdes máis do ourensán non podemos máis que recomendarvos a visita, tanto física como dixital, á Fundación Casares, quen nos prestou a colaboración máis amábel para estas pesquisas pondo diversos documentos á nosa disposición.
Consideramos pois moi proveitosa a súa figura para continuarmos un percorrido en Bolboretas no bandullo xa comezado o ano pasado con Manuel María no que pretendemos achegar dous ámbitos ás veces distanciados mais que teñen máis en común do que parece: literatura e gastronomía. Se en 2016 creamos O bolo boleiro de Manuel María inspirado en tres poemas do chairego e Primavera de Venus motivada por unha das súas obras poéticas, este ano non ía ser menos e tamén faremos dúas quendas de creacións gastroliterarias arredor de Casares, unha para este martes e outra para sábado, a partir do gusto culinario do propio autor.
Ben, tiñamos interese en partir dunha dos textos de Casares e aí xorde como referencia clara unha das súas obras mestras, Ilustrísima, publicada en 1980 e que leva máis de 14 edicións. Evidentemente recomendámosvos a lectura desta novela clara e efectiva onde a chegada dun cinematógrafo a unha vila galega vai dar para todo tipo de profecías, intuicións mais tamén para ver no cinema novas posibilidades, a oportunidade de se renovar.
Nesta trama emerxe unha figura do máis atractiva para o lector, o bispo. Resulta sinxelo para nós empatizar coa Ilustrísima pois estamos perante un amante da cociña, dun adorador de pratos un lambón con todas as letras, o que o leva a devecer e valorar algunhas lambetadas que se lle van ir presentando, aínda que non todas as pode degustar. Precisamente, o que hoxe aquí procuramos recrear é un deses múltiplos manxares que dan un arrecendo do máis saboroso a esta novela. Optamos por traervos así, o salmón con champiñóns e bechamel que no seu momento non puido degustar o bispo por non se atopar ben, con toda a tristeza que iso levou para el.


O salmón con bechamel do "Ilustrísima" de Casares



Ingredientes (para dúas persoas):


  • 2  toros de salmón
  • 400 ml de bechamel
  • 1 tomate
  • O zume dun limón
  • Aneto 
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva
Para acompañar:
  • 7-8 champiñóns
  • 2 dentes de allo
  • 1 chile
  • Pementa moída
  • Sal
  • Pirixel
  • Aceite de oliva
  • Patacas fritas (opcional)


Utensilios: unha fonte de barro apta para a cociña e o forno (ou unha tixola e unha fonte apta para o forno) e unha tixola.



Elaboración:

Antes de entrarmos na preparación optamos polo goce literario coa lectura deste traballo de Casares que foi para nós inspirador desta creación e que tamén a vós vos motivará para probardes os vosos dotes culinarios. Velaí o fragmento:

     Tanta calma empezou un día a afectar a Ilustrísima pola parte dos seus nervios. Unha cagarrela noctura e inmotivada veuno avisar de que a tensión das últimas semanas lle ía cobrar foro. E despois da dieta obrigada imposta polo médico presentóuselle de improviso e a traizón unha inapetencia que se manifestou por vez primeira diante duns medallóns de salmón con champiñóns e salsa bechamel, a renuncia aos cales deixouno triste para varios días. Encargou dúas xornadas despois un bacallau adobiado con uvas pasas e non puido nin sequera nin encetalo. Probou máis cunha empanada de berberechos e foi novamente derrotado. Ilustrísima viuse obrigado a aceptar que as miserias do corpose fixeran tamén para el e loou a Deus por recordarllo. 

Para comezarmos, temos de adobar o salmón co ante ao gusto, pementa moída, un chisco de sal, o zume do limón e unhas gotas de aceite. Reservamos. 


De seguir, debemos facer a bechamel, tedes a receita aquí. Neste caso, nós, en lugar de utilizar noz moscada para sazonala, usamos aneto. 



 Sobre a bechamel, colocamos o salmón e unhas lascas de tomate.  Enfornamos, co forno prequente, a 220º, calor arriba e abaixo, durante 20-25 minutos, dependendo de se nos gusta máis pasado ou menos.

Mentres tanto, facemos os champis. Para iso, rustrimos nunha cullerada de aceite o allo laminado e o chile. 


 Cando o allo se doure,  agregamos os champis, tamén laminados, sazonamos con pementa moída e sal e cociñamos durante 5-6 minutos.


 Ao estar os champis no seu punto, apagamos o lume e botamos o pirixel. Mesturamos ben.



Opcionalmente, tamén podemos fritir unhas patacas panadeiras. 


Pasado o tempo de cocción do salmón, servímolo acompañado dos champis e das patacas.


 Agardamos que vos guste e que o probedes a facer porque seguro vos encanta.


A literatura, como xa comentabamos, garda paralelismos coa gastronomía en tanto é capaz de estimular moitos dos nosos sentidos e de nos alimentar, aínda que for de formas diversas. Porén, a literatura da man de Casares tamén é saborosa no sentido literal pois está inzada de referencias culinarias e aromatizada co cheiro de numeros peixes, carnes e mesmo algún doce que leva a comérmonos cada unha das páxinas de Ilustrísima.
Sempre dicimos que a literatura é un acompañante ideal para moitísimos manxares, mais o Salmón con bechamel que hoxe vos traemos da man de Carlos Casares é a mellor gornición para esta lectura. Mil grazas polo voso acompañamento a diario e agardemos que, na figura de Casares, volvamos facer deste 17 de maio unha festa das nosa cultura que nos impulse a coidármola e valorármola todos os días do ano. Feliz Día das Letras Galegas, bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Espero que hayais pasado un feliz dia de las letras Gallegas a mi me ha tocado trabajar de tarde al igual que hoy asi que este año ha pasado sin pena ni gloria y eso que aqui tenian una programacion muy interesante por la tarde .
    Mira que me tientas con esete plato es una pena no poder meter la mano para dar cuenta de el ,seguro que el salmon asi esta de rexupete a las fotos e ingredientes me remito.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas! Mais poder traballar sempre é algo a celebrar ;)
      A verdade é que estaba moi ben o salmón, a bechamel quédalle moi ben!!
      Apertas e bicos!!

      Eliminar