sábado, 20 de maio de 2017

Pan estralante, a debilidade gastronómica de Casares

Bo sábado, bolboreteir@s. Canto nos alegramos que a receita literaria do pasado martes, arredor Salmón con bechamel do Ilustrísima de Casares, gustara e tivera tantas lecturas. Isto danos aínda máis ganas de vos presentar a segunda parte deste proxecto gastronómico arredor do autor homenaxeado neste 2017 con motivo do Día das Letras Galegas.
Se o outro día arrincamos dunha novela para configurarmos un prato ben saboroso, hoxe optamos por nos inspirarmos desde as propias reflexións de Carlos Casares arredor da gastronomía, que son moitas e substentadas na experiencia do probador con capacidade analítica que recoñece o valor da sinxeleza e a tradición mais coa necesaria incorporación da innovación. É por iso que en ocasións se ten mostrado preocupado polo estancamento da nosa cultura culinaria, aínda que ben é certo que estamos a falar dos anos 80, avando Galiza moito desde aquela.
Sexa como for, o que nos chamou a atención é o feito de Casares confesar a súa debilidade gastronómica nun produto básico, elemental nas cociñas galegas e supón para nós tamén o summum dos sabores: o pan. Si, si, o pan! Contaba o homenaxeado da morriña por ese alimento nas saídas a outros países en que non se estila tanto. Aquí, a historia, con conseguintes transformacións socio-económicas levaron o pan a se manifestar como imprescindíbel na nosa mesa, variando unicamente os ingredientes de elaboración en función da época (millo, centeo, trigo).
Desde a Fundación Casares prestáronnos para as nosas pesquisas textos do Arquivo persoal de Carlos Casares, de grandísimo interese e entre os que tiramos fragmentos de grande sabor coma este:

      Eu son un gran comedor de pan, a única debilidade gastronómica que teño. De neno, na casa ríanse de min porque ía ao cine cos petos dos pantalóns cheos das puntas das barras, que os meus irmáns me cedían xenerosamente, sabedores da miña debilidade por semellante lambonada. Nunca entendín que nos cines, en vez desas trapalladas sintéticas que venden, non ofrecesen pan fresco, estralante. (tirado de "Á marxe")

Vaia! Que opinades do lambonciño que era Casares? Todo un purista das lambetadas. O caso é que aproveitamos para preparar así un pan estralante, que non parte do corrosco das barras senón do grosos mínimo que demos a este pan preparado na casa, cunha textura co efecto que gustaba o profesor. Todo el é estralante, todo crocante. E para lle dar máis intensidade e sabor, incorporamos o queixo. Só queda roer, desfrutar e deixarnos levar polo sabor entre cada crack. Velaí o tedes!


Pan estralante, a debilidade gastronómica de Casares



Ingredientes:

  • 300 g de fariña
  • 100 g de queixo
  • 150 g de auga fría
  • 3 culleradas de aceite
  • 1 cullerada de ourego
  • 1 cullerada de manteiga
  • Un chisco de sal


Utensilios: unha cunca, unha espátula, un rolete, unha bandexa para o forno e papel vexetal. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a fariña, co sal e o aceite. 

De seguir, engadimos a manteiga e mesturamos de novo. 

Botamos a auga e amasamos até que se integre. Logo, agregamos o queixo relado e o ourego e seguimos amasando até conseguir unha masa lisa e homoxénea 




Deixamos que repouse 10-15 minutos e estirámola coa axuda dun rolete. O obxectivo é conseguir unha masa o máis fina posíbel. 










Enfornamos, co forno prequente, a 250º, calor arriba e abaixo, durante 5-6 minutos. Deixamos que se atempere un pouco e xa estaría listo o noso pan para comer!


Como veredes, quedará un pan moi crocante e saborosísimo!

Recordaravos pola forma á pizza mais presenta toda a sinxeleza do pan co único engado do queixo (pensamos en optar por un sueco para tecer máis fíos mais non era sinxelo conseguilo). 
Gozamos coa lectura de cada un dos artigos de Casares que versan sobre gastronomía pois móstrannos unha outra perspectiva, descoñecida para nós, e que resulta do máis enriquecedora. Achéganos ideas, análises, recomendacións... Fálanos nalgún momento tamén da excelencia do pan con tomate elevado a símbolo culinario en Catalunya, o que nos pode servir tamén aquí para aproveitar esta masa.
Para nós, quen valora o pan, quen o desfruta e o aprecia está a tecer un vínculo con Galiza. Non é por acaso que Casares deixa dito:  "Espero que no ceo, se existe como eu o imaxinaba de neno, que xa non debe existir daquela maneira tan inocente e feliz, haxa panaderías. Se non, para min xa non é ceo". Concordamos e pouco máis temos por dicir, claro.
Desexamos que vos sexa de proveito a literatura de Casares e que este sinxelo pan estralante poda actuar como gustoso acompañante para esas fantásticas lecturas. Boa fin de semana, bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Si el post anterior me encanto este con las reflesiones de Casares sobre la gastronomia me teneis haciendos la ola.
    No dudo lo mas minimo que ese pan estrelante este de rexupete se ve delicioso a las fotos e ingredientes me remito.
    Por que ya no queda nada ni puedo meter la mano que si no os dejaba sin nada uummmmmm.
    Me llevo la receta a mi larga lista de recetas pendientes
    Como siempre un placer venir a visitaros y disfrutar de vuestros maravillosos post y recetas ,me alegra tengais tantas visitas.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, este pan está delicioso (témolo agora outra vezo no forno ;))! Que ben que che gusten estes artigos, así é unha forma de aprendar!
      Mil grazas por todo e polas túas marabillosas palabras!!!

      Eliminar