Xa vos traemos outra nova receita! O outro día presentabamos unhas saborosas berenxenas recheas, e a través das redes sociais recomendáronme probar a facer algunha outra receita con esta verdura, e un dos mellores pratos posíbeis é sen dúbida a MOUSSAKA. Seguro que moit@s de vós xa a coñecedes mais para @s que non coméntovos...
A moussaka ou musaca parece ter a súa orixe nos países do Oriente Medio aínda que a receita que maior difusión alcanzou foi a grega. A base deste produto é a berenxena, e adoita levar carne picada e tomate. Con todo, é unha receita con milleiros de variantes que dá para adaptar ao gusto do consumidor sempre que respetemos eses ingredientes base. De feito chama a atención como varían certas partes dun país a outro.
Nós tentamos ser o máis fieis posíbeis ao modelo grego aínda que por suposto fixemos algunha adaptación que cremos pode facela máis saborosa aínda. Aí vai!
Moussaka
Ingredientes:
- 2 berenxenas
- 2 patacas
- 350 gr de carne picada
- 1 cebola grande
- 1 dente de allo
- 1/2 vaso de viño branco
- Salsa de tomate (2 tomates, 1 dente de allo, 2 culleradas de aceite de oliva, sal e alfábega)
- Salsa bechamel (40 gr de fariña, 40 gr de manteiga, 500 ml de leite, noz moscada e pementa negra)
- Queixo relado
- Aceite
- Sal e especias varias (canela, alfábega, ourego e pementa negra)
Elaboración:
Para comezar, temos de facer a salsa de tomate caseira e a salsa bechamel. Para elaborarmos a salsa de tomate rustrimos o tomate e o dente de allo troceados en dúas culleradas de aceite de oliva, e engadimos sal e alfábega ao gusto. Deixamos cociñar durante 25-30 minutos e trituramos co batedor eléctrico. Reservamos.
Para a elaboración da salsa bechamel, derretemos a manteiga nunha tixola e botamos a fariña, e remexemos ben para eliminar o sabor a fariña. Engadimos o leite e remexemos ben até que espese o mollo. Cando estea preparado, sazonamos coa pementa negra e coa noz moscada. Reservamos.
A continuación, temos que lavar as berenxenas, cortalas en láminas, botarlles sal e deixalas repousar nun prato con papel absorbente durante 30 min para quitarlles o sabor amargo. Despois facémolas na prancha e reservamos.
Así mesmo, pelamos as patacas, laminámolas para as fritir en pouco aceite. Colocámolas en papel absorbente e reservamos.
De seguir, temos de rustrir a cebola e o outro dente de allo picados, despois, engadimos a carne picada, sazonada co sal, un chisco de canela, de pementa branca, alfábega e ourego. Cando a carne mude de cor, botamos o viño e 5 minutos máis tarde a salsa de tomate. Mesturamos ben e reservamos.
Chegou a hora de montar a Moussaka!! Botamos unha cullerada de aceite no fondo do molde e estendémolo ben cun pincel. Colocamos as patacas fritidas, despois a metade das berenxenas e a metade da carne, e a continuación outra capa de berenxenas e de carne. Cubrimos todo coa bechamel e botamos o queixo relado por riba. Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos e, para rematar, 5 minutos máis co grill a 200º.
E xa estaría preparada para comer! Espero que vos guste! Ten ou non ten boa pinta? Como vedes coa berenxena podemos lograr verdadeiras marabillas gastronómicas. Para @s que non vos convencía a idea destas verduras recheas lembrámosvos esta outra boa opción que considero ideal!! O caso é tentar integrar a verdura na nosa alimentación e facelo da forma máis rica posíbel :-) Desfrutade moitísimo deste prato grego!!!
Me la quedo!! Que buena!
ResponderEliminarMoitas grazas! Esperamos que che guste e que nos envíes unha foto!
EliminarUn saúdo!
Este comentario foi eliminado polo autor.
ResponderEliminar