domingo, 6 de abril de 2014

Tortilla de pemento e queixo

Hoxe imos cun deses produtos clásicos na alimentación de case tod@s, a tortilla, mais a súa elección para vos presentar no blogue vén dada polo día en que estamos. Moitos de vós non o saberedes, mais en Viveiro vénse celebrando desde xa hai moitos anos, no domingo anterior ao de Ramos, o Día das tortillas. 
E nesta xornada o importante é saír comer a calquera praia, monte ou lugar exterior cos amigos e amigas, coa familia ou quen quixeras. Cada un/ha leva o que máis lle apeteza para xantar, iso si, a tortilla non pode faltar. E coa excusa deste produto, aquí por Viveiro a xente aproveita para andar un pouco de troula. @s máis nov@s mesmo xa van de madrugada, despois de saír, para aproveitar ben esta festa gastronómica.
É unha forma nosa de dar a benvida á primavera, saíndo a xantar á praia de Area, ao monte do Castelo, ao parque de Covas ou a moitos outros lugares da zona. Unha tradición ben fermosa que merece a pena conservar, e que parece que nos últimos anos se está estendendo aos concellos veciños.
Entón anímovos a saírdes coa vosa tortilla a xantar por aí, sexades de onde sexades, xa que sempre presta aproveitar os días libres para xantar no medio da natureza.
Para a maioría facer tortilla non é ningún segredo, e nós presentámosvos a nosa homenaxe para este Día das tortillas viveirés dun dos xeitos que máis nos gusta, con pemento e queixo. Aí vos vai!!


Tortilla de pemento e queixo

Ingredientes:
  • 3 patacas medianas
  • 2 ovos enteiros e 3 claras
  • 1 pemento amarelo
  • 1 cebola
  • 80 gr de queixo relado
  • Aceite de oliva
  • Sal
  • Pementa moída
  • Alfábega
Elaboración:

Para comezarmos temos de pelar as patacas e cortalas finamente; a continuación fritímolas en abundante aceite. Cando abranden un pouco engadimos o pemento e a cebola tamén moi picados. 




Mentres, batemos os ovos, que sazonamos coa alfábega, o sal e a pementa moída, De seguir, engadimos o queixo e mesturamos ben. 




Cando as patacas e as verduras xa estean rustridas engadímolas aos ovos batidos e mesturamos ben. 


 Quitamos o aceite da tixola, e engadimos a mestura anterior, deixamos que se cociñe a lume baixo. Para darlle a volta, e que se faga polo outro lado, axudámonos dun prato ou da tapa da tixola.




Deixamos que repouse 10 minutos e xa estaría perfecta para comer! Nós acompañámola duns anacos de fuet e unha boa ensalada, mais podedes comela co que máis vos guste. Que aproveite neste Día das tortillas! 


Estavos realmente boa! Espero que a algún ou algunha de vós vos atraia esta nosa receita e probe a facela. Ademais coincidiu ben, xa que nos sobraran claras do ovo de facer unha sobremesa, e así aproveitámolas coincidindo con este día tortilleiro.
Unha vez feita a tortilla, xa podemos saír a desfrutar dela ao ar libre!! Pasade un bo Día das tortillas larpanciñ@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario