sábado, 12 de abril de 2014

Torradas

Para moit@s xa comezan as vacacións da Semana Santa ou Pascua e nestas datas tamén destacan unha serie de produtos gastronómicos típicos. Non hai unha tradición gastronómica tan específica como a do Nadal ou Entroido, aínda que si hai certos pratos, e sobre todo sobremesas para esta época do ano.
E despois dunhas receitas máis saudábeis hoxe regresamos a un doce que parece propio desta semana, aínda que ben é certo que na Galiza cómese durante todo o ano (ou canto menos na nosa casa), as torradas. Unha receita das máis sinxelas posíbeis que serve para aproveitar o pan vello e para crearmos un doce ben saboroso.
Desde ben pequena comimos esta dozura elaborada pola avoa polo que o máis xusto é seguirmos a súa receita, aínda que supoño que haberá tamén outras variantes. Unha homenaxe a ela estas torradas!


Torradas

Ingredientes:
  • Pan duro
  • 1 ovo batido
  • 1 vaso de leite
  • Azucre
  • Canela (opcional)
  • Aceite para fritir



Elaboración:

Para comezarmos, temos que cortar o pan en toros de 1 ou 1,5 cm, aproximadamente. É importante que non fiquen moi finos porque senón desfaranse con facilidade ao humedecerse. Resulta fundamental termos un pan xa algo duro, que leve un dous ou tres días na casa, para que sexa máis sinxelo de mollar e fritir.


 De seguir, pasamos o pan, primeiro, polo leite e despois polo ovo batido. Abonda con que colla unha lixeira capa de cada. Se enchoupamos o pan dificilmente resista...



Mentres tanto podemos ir poñendo unha tixola ao lume con abundante aceite. Unha vez quente, fritimos en polos dous lados sen deixar que se tosten moito e colocámolas sobre papel absorbente para eliminarmos o exceso de aceite. 



 Para rematar, botámoslles azucre ao noso gusto, e quen quixer tamén pode optar pola canela. E listas para comer!!



Como vedes pouco máis fáciles poden ser de facer... Nunca está ben tirar comida, e esta receita ofrécenos a posibilidade de aproveitar o que sobra creando un bo almorzo, sobremesa ou merenda. Cumpre todos os requisitos: sinxela, rápida e deliciosa! E outro punto positivo... quentes están impresionantes, mais frías igualmente un manxar! Podédelas cociñar hoxe e comelas o luns sen problema ningún.
Para @s que aínda nunca as probárades, aquí tedes unha fantástica idea ao alcance de tod@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario