martes, 15 de abril de 2014

Napolitanas de chocolate e abelás

Máis que Semana Santa imos facer desta unha Semana doce porque a receita de hoxe é para @s máis larpeir@s,as napolitanas! Un clásico de todas as pastelarías que podemos optar por realizar nas nosas casas sen lles ter nada que envexar. E desta forma podemos reenchelas do que quixermos, aínda que nós desta vez optamos polo tradicional chocolate, acompañándoo dunhas abelás logrando unha magnífica combinación reposteira.
Canto á orixe desta sobremesa, pois non está tan clara como parece co seu nome. A denominación "napolitanas" fainos pensar na cidade italiana de Napoli, mais polo que parece noutras linguas coñecese como pain au chocolat o que dá lugar a unha posíbel orixe francesa. Teríamos aí un tema do que tirar para unha posíbel investigación gastronómica... :-) Aí vai este riquísimo doce! 

Napolitanas de chocolate e abelás

Ingredientes:
  • 1 masa de follado
  • Crema pasteleira de chocolate (a receita está aquí)
  • 75 gr de abelás
  • 1 ovo
Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer a crema pasteleira de chocolate. Cando xa estea preparada engadimos as abelás picadas e mesturámolas ben. Botamos a mestura nunha manga pasteleira e reservamos. 


De seguir, estiramos co rolete o follado e cortamos en tiras, de aproximadamente 10 cm de largo. Coa axuda da manga, colocamos dúas tiras da crema nun lado do follado. Pintamos con ovo os bordes e cubrimos a crema coa outra parte do follado. 



Cortamos as longas tiras en anacos, colocámolas na bandexa do forno e, de novo, pintamos con ovo.








Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 15 minutos ou até que o ovo estea dourado. Deixamos enfriar un pouco e perfectas para comer!! 


Como vedes non son nada complexas de realizar e o resultado é saborosísimo!! De todas maneiras se non sodes tan lambóns e lambonas coma min podedes optar polas napolitanas salgadas, como aperitivo. Para min, sen dúbida, a mellor forma de as degustas é así, con chocolate... Irresistíbeis!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario