martes, 30 de decembro de 2014

Torta de turrón

Parabéns para nós e para tod@s @s lectores de Bolboretas no bandullo!!!!! 30 de decembro e xa todo un ano con vós!! Que rápido pasa o tempo. Xa non queremos insistir no de sempre, mais cómpre darvos mil millóns de grazas por estardes aí acompañándonos en todo momento e facendo coas vosas lecturas que este traballo non sexa en balde e mereza moitísimo a pena. 
Aprendemos moito día a día dos vosos comentarios, suxerencias e tamén nos deixamos guiar un pouco polos vosos intereses gastronómicos para tervos o máis content@s posíbel. Fomos medrando e grazas a vós chegamos ás 23000 visitas no blogue, a 336 gústame na páxina do Facebook e a case 1500 seguidores en Twitter, o que nos fai estar moi moi orgullosos xa que para nós esta era unha experiencia totalmente nova e estámola desfrutando ao máximo. Alegría para os bandullos!!
E como iamos celebrar o ano? Pois cunha larpeirada que representa o que cremos é a base deste blogue, o doce e as lambonadas, aínda que como fostes vendo... hai de todo :-) E tentamos, pois, adaptala á época do ano correspondente. Xa trouxemos polvoróns, mazapáns, arroz con leite... Tocaría turrón, mais desta volta quixemos ir un paso máis alá e elaborar non o turrón, senón unha torta de turrón que degustamos por primeira vez na Casa de xantar "As Tixolas" en Viveiro (asistencia obrigada, por certo). Unha vez que nos fixemos coa receita, démoslle o noso toque persoal e así puidemos saborear esta verdadeira delicia, que con seguridade vos ha de encantar, sexades amantes ou non do turrón xa que ten un sabor especial, moi diferente a outras tortas. Super recomendábel!!!
Porén, queríamos ofrecervos algo máis que unha receita neste día especial, no primeiro aniversario de Bolboretas no bandullo. Así pois, con toda a humildade que corresponde a este caderno dixital, realizaremos un pequeno sorteo entre todas aquelas persoas que deixen algún comentario na receita de hoxe até o día 6 de xaneiro. Haberá premio para dúas persoas, e este será un conxunto de galletas feitas con todo o agarimo do mundo e que vos encantará. Unha moi boa oportunidade para degustar algo elaborado por Bolboretas no bandullo e comprobar que isto non só fica en fotos e explicación, xa que o máis importante é o sabor :-)
Para pagarlle a un notario non hai, con todo, realizaremos o sorteo nunha aplicación xa idónea para este tipo de procesos e subiremos a fotografía co resultado. Despois solicitarémosvos a dirección de correo e para alá irán estas sorprendentes galletas :-) Agardamos os vosos comentarios!!!
E aquí vos vai a larpeirada de hoxe:


Torta de turrón

Ingredientes:
  • 1 barra de turrón brando
  • 7 ovos
  • 7 queixiños
  • 1 vaso de nata
  • 1 vaso de fariña
  • 1 vaso de azucre
  • 1 iogur de limón
  • Raiadura dun limón
  • Para decorar (opcional): nata montada e boliñas de chocolate

sábado, 27 de decembro de 2014

Xarrete á sidra

Xa estamos aquí cunha nova receita que seguro que apaixona aos máis carnívoros e carnívoras. Un dos pratos elaborados na nosa casa para o menú de Noiteboa, mais que, por case empacho cos primeiros pratos acabou por ficar para o xantar de Nadal.
O xarrete é unha das partes da tenreira máis saborosas que hai, tanto para facer ao forno como neste caso, como para facer nun cocido ou mesmo para guisar. Hoxe en día, adoitan darcho xa sen o óso na carnicaría, sendo máis cómodo para preparar receitas como estas, mais para outros pratos é fundamental manterlle o óso. Encontraredes esta carne en diferentes restaurantes, aínda que rara vez aparece co nome galego, trocándoo pola denominación ossobuco. Sexa como for, é unha carne moi substanciosa, blanda e saborosa, que nos queda moi ben para conformar un bo menú para estas festas. 

Xarrete á sidra

Ingredientes:
  • 1 1/2 de xarrete
  • 1/2 botella de sidra
  • 1 vaso de auga
  • 100 ml de nata
  • 200 gr de cogomelos
  • 5-6 dentes de allo
  • 2 allos porros
  • 1 cebola grande
  • 1 tomate
  • 3 culleradas de aceite

mércores, 24 de decembro de 2014

Polvoróns de chocolate caseiros

BO NADAL!!!!!! 24 de decembro, xa chegou o día que moit@s agardabamos , especialmente @s máis pequen@s que hoxe han de recibir, con seguridade a visita do noso grande amigo O Apalpador!! É amigo de verdade xa que nos encargou hai tempo que propuxeramos receitas ben gorentosas para que as probasen a facer en moi diferentes fogares e así despois, @s cativ@s non teren o bandullo baleiro. Así que, xa sabedes, hoxe comede todos moi ben, que estamos na tempada de excesos.
E por iso, presentámosvos unha receita moi moi sinxela e idónea para facerdes pola tarde. Un dos doces máis comúns nestas datas, ben contundentes e que practicamente imposibilitan falarmos cando os estamos mastigando J Xa sabedes, os polvoróns, aínda non sendo unha sobremesa tradicional galega do Nadal, si leva moito tempo asentada nos nosos menús natalicios. E como sempre vos dicimos, se se poden elaborar na casa, para que mercalos?? E nada, entre que se fai o polo no formo, se coce o mollo das ameixas ou preparades o peixe, dávos tempo de facerdes polvoróns.
O nome deste produto vén dado pola sensación de po que dan, unha vez listos para degustar. Parece que a súa orixe está na Andalucía do século XVI (algúns din en Antequera, outros en Estepa) por mor do exceso de trigo e de manteiga. Hoxe en día, hai localidades españolas especializadas na súa produción como Tordesillas ou a propia Estepa. O seu consumo expandiuse non só á Península, senón tamén a outros territorios.

Polvoróns caseiros

Ingredientes:
  • 200 gr de fariña
  • 100 gr de manteiga
  • 75 gr de azucre glas
  • 75 gr de améndoa moída
  • 1 cullerada de cacao puro
  • 1/2 culleriña de canela

sábado, 20 de decembro de 2014

Pandoro en forma de cupcakes

Sábado 20, e aproxímanse a unha velocidade vertixinosa as festas do Nadal. Así pois hai que ir pensando nos diferentes pratos e sobremesas que elaboraremos neses días. Tentaremos ofrecervos algunhas ideas alén daquelas que até agora achegamos. Hoxe imos cunha orixinal sobremesa para @s que non gustades tanto dos produtos tradicionais (turróns, polvoróns, mazapáns...). É un doce en que mesturamos diferentes nacionalidades, o sabor da Italia co tradicional pandoro, a forma dos EUA representando nos exitosos cupcakes e un pouco da Galiza pola reposteira, hahaha.
O pandoro é un dos doces típicos de Italia nesta tempada de Nadal e que se caracteriza por un sabor moi suave e en certa medida parecida a algúns biscoitos como o do rosco de reis ou os bolos de leite. A súa forma adoita ser estrelada e parece ser orixinario de Verona. Con todo, nós preferimos adaptalos en pequenas porcións, o que se nos facía máis manexábel para a decoración dándolle un aspecto máis correspondente a estas datas. Así conseguimos estes minipandoros ideais tanto para a sobremesa como para unhas doces merendas.
Do mesmo modo que sempre marcamos a sinxeleza dos pratos que elaboramos, en relación a este hai que aclarar que dá bastante traballo, non complexo, mais si require paciencia polos diferentes procesos. O resultado é moi bo. Con todo, convén que probedes unha vez polo menos.


Pandoro en forma de cupcakes

Ingredientes:
  • Para o fermento:
    • 60 ml de auga
    • 50 gr de fariña de forza
    • 10 gr de azucre
    • 5 gr de lévedo fresco
    • 1 xema
  •   Para a primeira masa:
    •  200 gr de fariña de forza
    • 30 gr de manteiga
    • 25 gr de azucre
    • 5 gr de lévedo fresco
    • 1 ovo

martes, 16 de decembro de 2014

Ás de "pito" con salsa bolboreteira

Martes de chuvia e espera para moit@s das vacacións de Nadal e nós que traemos unha nova receita. Unha das carnes que máis nos gusta é o polo (ou "pito" para nós, na Mariña luguesa :-)) e deste hai moitísimo aproveitábel, entre o que destacamos as ás. Facémolas de vez en cando e desta última volta decidimos inventar un pouco. As ás preparámolas de forma tradicional, é dicir, pasadas pola tixola para que queden con ese toque crocante que tanto nos gusta (mais sen pasarse, xa que se se tostan deixan un sabor algo desagradábel). E para acompañalas un mollo bolboreteiro. 
E por que este nome? Non, tranquil@s, non lle botamos ningún becho... O que sucede é que como foi unha nova mestura que probamos, pois tamén tiñamos que lle pór un nome, e este foi o que se nos ocorreu, claramente relacionado co nome do blogue :-) 
Cando elaboramos certas salsas ou cremas, adoitamos estar máis tranquilos porque imos sobre seguro e supoñemos que o resultado será un éxito. Porén, desta volta, arriscamos collendo diferentes elementos que tiñamos na cociña e que coidabamos que podían dar un punto de frescura ao polo, mais non tiñamos idea do que podía saír. E si, houbo sorte, e demos cun mollo realmente delicioso e moi lixeiro que combina á perfección con esta carne!


Ás de "pito" con salsa bolboreteira

Ingredientes (para 4 persoas):
  • 24 ás de polo troceadas
  • 100 gr de espinacas
  • 1 cebola
  • 1/2 pemento vermello
  • 6 culleradas de mostaza
  • 4 culleradas de salsa de tomate (ou un tomate)
  • 2 dentes de allo
  • 2 chiles
  • 1 culleriña de ourego

sábado, 13 de decembro de 2014

Raxo con mollo de cogomelos variados

Despois de podermos contar coa gratísima colaboración de Helena Villar na última entrada, hoxe imos cunha nova receita, que precisamente ten un elemento en común coa que a escritora nos presentou, os cogomelos. Para nós é un produto fundamental na cociña polo seu sabor e sen dúbida, temos marcado como obxectivo para o vindeiro ano profundizar máis no coñecemento deles para podermos degustar novos tipos e mesmo aventurarnos a ir por eles ao monte :-)
Desta volta, a receita non é idea orixinal nosa xa que a tiramos do libro de Isabel Llano aínda que procuramos variar algún que outro elemento, entre eles os cogomelos xa que nós fomos a polos que máis nos adoitan gustar. Ademais, xa vos contamos en entradas anteriores os múltiples beneficios dos fungos. Botádelle un ollo á receita e sobre todo, probádea porque é unha verdadeira delicia. 
Aínda que para moitas persoas, o raxo talvez non sexa a carne de maior prestixio, para nós é unha das máis saborosas e pódense facer grandes pratos con el. Así pois, este raxo con mollo de cogomelos variados tamén vos serve como prato idóneo para eses días de enchenta con motivo dun Nadal que xa se aproxima. Cando lle metades o dente ao prato comprenderedes porque volo recomendamos para eses xantares/ceas especiais ;-)


Raxo con mollo de cogomelos variados

Ingredientes:
  • 500 gr de filetes de raxo
  • 400 gr de cogomelos variados
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 vaso de auga
  • 1/2 vaso de viño branco
  • 2 culleradas de mollo de tomate
  • 2 follas de loureiro
  • 1/2 cullerada de romeu
  • Aceite de oliva
  • Sal e pementa moída

martes, 9 de decembro de 2014

Bolboreteando con... Helena Villar

Hoxe é un día moi especial en Bolboretas no bandullo xa que comezamos unha nova sección coa que pretendemos dar un paso adiante na normalización do idioma a través da gastronomía. A partir de hoxe, unha ou dúas veces ao mes, contaremos coa compaña dunha figura da nosa cultura coa que conversaremos un pouco sobre cociña e que nos traerá un prato elaborado por ela mesma. Así pois, pretendemos facer máis atractivo o blogue e chegar ao maior número de lectores/as co interese de contar con referentes que levan anos a traballar na consolidación da nosa cultura e do noso idioma.
Fotopintura dixital de Luz Darriba (cedida por Helena Villar)

E a persoa coa que comezamos é, nada máis e nada menos que... Helena Villar Janeiro, á que antes de nada, queremos agradecer moitísimo que aceptara a nosa proposta, podéndomos contar coas súas palabras e cun seu magnífico prato, "Arroz con polo e cogomelo (Lepista nuda)".
A maioría de vós xa a coñecedes, mais resulta xusto achegarmos uns breves datos sobre ela. Helena, luguesa coma nós, nace en Becerreá polo 1940. Formouse en Maxisterio e en Filosofía e Letras, rematando a súa traxectoria docente en Compostela. Con todo, a propia Helena considera fundamental a formación que recibiu na súa propia casa e no traballo cos seus pais na xastraría ancaresa.

domingo, 7 de decembro de 2014

Torta KitKat

Outro aniversario máis que tivemos e unha nova torta. E cando é así poñemos o maxín a traballar até dar coa larpeirada máis larpeira. Doutra volta probaramos cos produtos Kinder que tanto nos gustan, e desta pensamos nestas míticas barras de chocolate tan saborosas, os KitKat. Con todo, sería difícil imaxinarmos unha torta feita toda ela con isto xa que non os Kitkat non levan crema, senón galleta e chocolate, así que para o recheos optamos pola típica crema de cacao que nos garantía o triunfo e que faría imposíbel que nos quedara seca.
E nesta ocasión nos nos preocupamos tanto en realizar unha decoración con debuxos ou letras, simplemente deixamos caer unha doce chuvia de bolas de chocolate e lacasitos que lle ofrece a esta sobremesa moitísimo colorido e que se converte nunha oda ao chocolate. Aí vos vai ;-)

Torta KitKat

Ingredientes (para un molde de 26 cm):

Para o biscoito:
  • 175 gr de fariña, máis extra para engrasar
  • 175 gr de manteiga, máis extra para engrasar
  • 175 gr de azucre
  • 3 ovos
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 cullerada de esencia de vainilla
Para o recheo:
  • 500 gr de crema de cacao

venres, 5 de decembro de 2014

Cupcakes de crema de cacao para celíac@s

Nova receita e como hai que estar a todo pois tamén pensamos naquelas persoas que non poden degustar moitos dos produtos que aquí presentamos. Así pois, o doce de hoxe é especial para celíacos, mais xa vos aseguramos que non perde nin un ápice de sabor. Mesmo non soubo bastante máis que algunha outra vez que temos feito esta receita. O motivo da elaboración veu dado por unha nosa boa amiga que estaba de aniversario e que cada vez que vén de visitar hai que pensar en alternativas, e desta pensamos nunha sobremesa que non posuíse gluten e que estivese moi boa, e así chegamos a estes cupcakes. 
É a segunda vez que vos traemos este tipo de doces ao blogue, máis desta son especiais, e queremos mostrar que sen gluten tamén se poden facer auténticas marabillas, simplemente é cuestión de matinar un pouco máis nas posibilidades, xa que os produtos son máis reducidos. Certo é tamén que algún supermercados van mellorando e cada vez teñen máis recursos para celíacos mais outros aínda nolo poñen realmente difícil. Sexa como for, nós fixemos unha boa cantidade deles nun abrir e pechar de ollos foron desaparacendo da mesa. Xa queda anotado como óptimo recurso. Iso si, se tedes algún convidado celíaco e queredes sorpréndelo con algunha sobremesa destas, é moi importante confirmar que os produtos non leven gluten e que todos os utensilios utilizados non teñan restos de fariña. En caso de dúbida con algúns produtos, como nos pasou a nós, recomendamos procurar alternativas.


Cupcakes de crema de cacao para celíacos

Ingredientes:
  • 200 gr de azucre moreno
  • 120 ml de leite
  • 100 ml de aceite de oliva
  • 90 gr de fariña de arroz
  • 90 gr de fariña de millo
  • 3 ovos
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 culleriña da vosa esencia preferida
  • 80 gr de chocolate en anacos (apto para celíacos)
  • Para a buttercream:
    • 250 gr de manteiga
    • 250 gr de azucre glas
    • 200 gr de crema de cacao e avelás
  • Para decorar: boliñas de chocolate, frores de azucre...

martes, 2 de decembro de 2014

Croquetas de castañas

Boas amig@s!!!! Tiñamos unha receita gardada hai un par de semanas e entre volta e revolta case vaia aló o outono, así que xa era hora de vos presentar esta novidosa receita que está máis que boa!  Quen os teña, debe tirar prexuízos, xa que hai outras moitas formas de degustar as castañas alén de asadas e cocidas, e con moi bo resultado, asegúrovolo. Xa nos temos encontrado con moitas persoas que no relativo á castaña é moi conservadora, mais na verdade, este produto un grandísimo recurso e ofrécenos moitas variantes pola intensidade do seu sabor.
Ben, é certo, nós ao principio tampouco o tiñamos moi claro mais decidimos probar tanto coa crema de castañas como agora con estas croquetas e quedamos moi satisfeitos. O malo, coma outros moitos produtos, é que temos un tempo reducido para desfrutar delas xa que os nosos castiñeiros non traballan todo o ano, haha. E aínda por riba, temos a sensación de que este ano non viñeron moi boas as castañas... Encontrámonos con moitísimas de mala calidade... Con todo, dedicando un pouco de tempo á escolla, xa que abonda con poucas, podemos elaborar delicatessen como estas:

Croquetas de castañas

Ingredientes:
  • 12-15 castañas asadas 
  • 1 cebola 
  • 40 gr de manteiga
  • 40 gr de fariña, máis extra para empanar
  • 500 ml de leite
  • 1 ovo
  • Pan relado
  • Pirixel
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite