venres, 5 de decembro de 2014

Cupcakes de crema de cacao para celíac@s

Nova receita e como hai que estar a todo pois tamén pensamos naquelas persoas que non poden degustar moitos dos produtos que aquí presentamos. Así pois, o doce de hoxe é especial para celíacos, mais xa vos aseguramos que non perde nin un ápice de sabor. Mesmo non soubo bastante máis que algunha outra vez que temos feito esta receita. O motivo da elaboración veu dado por unha nosa boa amiga que estaba de aniversario e que cada vez que vén de visitar hai que pensar en alternativas, e desta pensamos nunha sobremesa que non posuíse gluten e que estivese moi boa, e así chegamos a estes cupcakes. 
É a segunda vez que vos traemos este tipo de doces ao blogue, máis desta son especiais, e queremos mostrar que sen gluten tamén se poden facer auténticas marabillas, simplemente é cuestión de matinar un pouco máis nas posibilidades, xa que os produtos son máis reducidos. Certo é tamén que algún supermercados van mellorando e cada vez teñen máis recursos para celíacos mais outros aínda nolo poñen realmente difícil. Sexa como for, nós fixemos unha boa cantidade deles nun abrir e pechar de ollos foron desaparacendo da mesa. Xa queda anotado como óptimo recurso. Iso si, se tedes algún convidado celíaco e queredes sorpréndelo con algunha sobremesa destas, é moi importante confirmar que os produtos non leven gluten e que todos os utensilios utilizados non teñan restos de fariña. En caso de dúbida con algúns produtos, como nos pasou a nós, recomendamos procurar alternativas.


Cupcakes de crema de cacao para celíacos

Ingredientes:
  • 200 gr de azucre moreno
  • 120 ml de leite
  • 100 ml de aceite de oliva
  • 90 gr de fariña de arroz
  • 90 gr de fariña de millo
  • 3 ovos
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 culleriña da vosa esencia preferida
  • 80 gr de chocolate en anacos (apto para celíacos)
  • Para a buttercream:
    • 250 gr de manteiga
    • 250 gr de azucre glas
    • 200 gr de crema de cacao e avelás
  • Para decorar: boliñas de chocolate, frores de azucre...
Utensilios: moldes para madalenas, batedor, recipiente para a mestura, manga pasteleira, bico. 

Elaboración:

Para comezarmos temos que bater o aceite co azucre moreno. 



De seguido, engadimos os ovos, un a un. 


A continuación, peneiramos as fariñas e o lévedo e imos intercalando culleradas delas con culleradas de leite.



Por último, o chocolate troceado e a esencia (nós escollemos aroma de avelás) e mesturamos ben. 


Botamos a mestura nos moldes e enfornamos a 180º, calor abaixo, durante 20-25 minutos. Deixamos arrefríar. 


Mentres tanto, facemos a buttercream. Para iso, temos que bater a manteiga (a temperatura ambiente), o azucre e a crema de cacao e avelás, durante, aproximadamente 10 minutos. 




Metemos a mestura nunha manga pasteleira e imos decorando as nosas madalenas. Podémolo facer de varias formas, tamén dependerá do bico que utilicedes (nós escollemos a 74 de Wilton), Para unhas, nós fixemos pequenas flores, que se fan botando pequenas porcións de masa; e, para outras, sen levantar a manga, fixemos espirais até cubrir toda a madalena; e, noutras, unha mestura das dúas. 


Por útlimo, decoramos coas boliñas de cores, as frores ou que escollérades para ocasión ;) Refrixeramos 2-3 e listas para comer!! Que aproveite! 



Mmmmmmm, quedounos un pouco da buttercream no frigorífico e aínda nos seguimos pondo as botas con ela… é que está… Este produto vai pensado para aqueles/as que non podedes degustar moitas sobremesas das que aquí traemos, mais tamén para tod@s xa que isto encantaravos e notaredes como este tipo de fariñas tamén están moi moi boas :-) 
Pois preparámonos para esta fin de semana cun produto moi de moda que nos alegrará estes días! Ademais cumprimos cunha conta pendente que tiñamos, xa que até agora fixeramos cousiñas para vexetarianos, diabéticos… mais até agora non para celíacos. QUE APROVEITE LARPEIR@S!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario