mércores, 24 de decembro de 2014

Polvoróns de chocolate caseiros

BO NADAL!!!!!! 24 de decembro, xa chegou o día que moit@s agardabamos , especialmente @s máis pequen@s que hoxe han de recibir, con seguridade a visita do noso grande amigo O Apalpador!! É amigo de verdade xa que nos encargou hai tempo que propuxeramos receitas ben gorentosas para que as probasen a facer en moi diferentes fogares e así despois, @s cativ@s non teren o bandullo baleiro. Así que, xa sabedes, hoxe comede todos moi ben, que estamos na tempada de excesos.
E por iso, presentámosvos unha receita moi moi sinxela e idónea para facerdes pola tarde. Un dos doces máis comúns nestas datas, ben contundentes e que practicamente imposibilitan falarmos cando os estamos mastigando J Xa sabedes, os polvoróns, aínda non sendo unha sobremesa tradicional galega do Nadal, si leva moito tempo asentada nos nosos menús natalicios. E como sempre vos dicimos, se se poden elaborar na casa, para que mercalos?? E nada, entre que se fai o polo no formo, se coce o mollo das ameixas ou preparades o peixe, dávos tempo de facerdes polvoróns.
O nome deste produto vén dado pola sensación de po que dan, unha vez listos para degustar. Parece que a súa orixe está na Andalucía do século XVI (algúns din en Antequera, outros en Estepa) por mor do exceso de trigo e de manteiga. Hoxe en día, hai localidades españolas especializadas na súa produción como Tordesillas ou a propia Estepa. O seu consumo expandiuse non só á Península, senón tamén a outros territorios.

Polvoróns caseiros

Ingredientes:
  • 200 gr de fariña
  • 100 gr de manteiga
  • 75 gr de azucre glas
  • 75 gr de améndoa moída
  • 1 cullerada de cacao puro
  • 1/2 culleriña de canela
  • Un chisco de sal


Utensilios: cunca, peneira, papel vexetal, bandexa para o forno. 

Elaboración: 

Para comezarmos, temos de peneirar a fariña, o azucre glas, a améndoa, o cacao a canela e o sal e mesturamos moi ben.











De seguir, engadimos a manteiga derretida e, coas mans, mesturamos moi ben até obter unha masa homoxénea. Teremos que traballar moi ben a masa para que améndoa solte o seu aceite e poidamos facer unha bola que non se desfaga. Neste caso, nós fixemos dúas para que fora máis sinxelas de amasar.











Facemos pequenas bolas, aproximadamente do mesmo tamaño, e dámoslle a forma dos polvoróns, ou a que vós queirades. Colocámolas sobre a bandexa do forno cuberta con papel vexetal.



Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo co ventilador, durante 3-4 minutos. Colocámolos nunha fonte e peneiramos sobre eles máis azucre glas. 



 Así pois, con estes deliciosos polvoróns e o resto dun menú que seguro será delicioso, esperamos que pasedes as mellores  festas posíbeis sempre acompañad@s do mellor modo. E xa sabedes, se agardastes á última hora para decidirdes o que ides cear hoxe, botade unha ollada rápida polo blogue que seguro que algo de proveito encontrades. Recoméndovos entre outros pratos, as vieiras ao forno, aquí xa son prato natalicio fixo J
E despois da boa cea, que o Apalpador vos traia unha boa presa de castañas, algún agasallo e se pode ser, a máxima felicidade. Pasade un marabilloso Nadal que ben o tedes merecido e desfrutade destes días de tanto cociñar. Grazas por nos lerdes, unha vez máis!
Debuxo de Luis Davila

2 comentarios:

  1. que ricos! y al ser de chocolate doblemente buenos!! bicos e Bo Nadal!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, son deliciosos e fanse nun momentiño :-) :-)
      Bo Nadal a ti tamén!

      Eliminar