sábado, 20 de decembro de 2014

Pandoro en forma de cupcakes

Sábado 20, e aproxímanse a unha velocidade vertixinosa as festas do Nadal. Así pois hai que ir pensando nos diferentes pratos e sobremesas que elaboraremos neses días. Tentaremos ofrecervos algunhas ideas alén daquelas que até agora achegamos. Hoxe imos cunha orixinal sobremesa para @s que non gustades tanto dos produtos tradicionais (turróns, polvoróns, mazapáns...). É un doce en que mesturamos diferentes nacionalidades, o sabor da Italia co tradicional pandoro, a forma dos EUA representando nos exitosos cupcakes e un pouco da Galiza pola reposteira, hahaha.
O pandoro é un dos doces típicos de Italia nesta tempada de Nadal e que se caracteriza por un sabor moi suave e en certa medida parecida a algúns biscoitos como o do rosco de reis ou os bolos de leite. A súa forma adoita ser estrelada e parece ser orixinario de Verona. Con todo, nós preferimos adaptalos en pequenas porcións, o que se nos facía máis manexábel para a decoración dándolle un aspecto máis correspondente a estas datas. Así conseguimos estes minipandoros ideais tanto para a sobremesa como para unhas doces merendas.
Do mesmo modo que sempre marcamos a sinxeleza dos pratos que elaboramos, en relación a este hai que aclarar que dá bastante traballo, non complexo, mais si require paciencia polos diferentes procesos. O resultado é moi bo. Con todo, convén que probedes unha vez polo menos.


Pandoro en forma de cupcakes

Ingredientes:
  • Para o fermento:
    • 60 ml de auga
    • 50 gr de fariña de forza
    • 10 gr de azucre
    • 5 gr de lévedo fresco
    • 1 xema
  •   Para a primeira masa:
    •  200 gr de fariña de forza
    • 30 gr de manteiga
    • 25 gr de azucre
    • 5 gr de lévedo fresco
    • 1 ovo
  • Para a segunda masa:
    • 200 gr de fariña de forza
    • 140 gr de manteiga
    • 110 gr de azucre
    • 2 ovos
    •  1 cullerada de esencia de vainilla
    • Un chisco de sal
  • Para a decoración: buttercream de chocolate branco, colorante verde, boliñas de azucre ou de chocolate, azucre glas.

Utensilios: unha cunca grande, moldes para madalenas, papel transparente, espátula, rolete, manga pasteleira cun bico, prato. 

Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer o fermento. Para iso, mesturamos todos os ingredientes nun recipiente coa axuda dunha culler, tapamos con papel transparente e refrixeramos durante unha noite.






Á mañá seguinte, elaboramos a primeira masa. No mesmo recipiente do fermento, agregamos o lévedo e o azucre e mesturamos ben. De seguido, botamos a fariña e integrámola pouco a pouco xunto co ovo ben batido. Amasamos durante 5 minutos, facemos unha bola e deixamos repousar a masa 5-10 minutos. 

















A continuación, achaiamos un pouco a masa, colocamos a manteiga en pomada sobre ela e ímola integrando pouco a pouco. De novo, facemos unha bola, colocámola nun recipiente impregnado de manteiga, tapámolo con papel transparente e deixamos repousar 1 hora ou até que duplique o seu tamaño.



Pasado ese tempo, imos coa segunda masa, ou masa final. Engadimos os ovos ben batidos sobre a primeira masa e integrámolos coa axuda dunha espátula (neste punto, temos de ter paciencia porque tardaremos un pouco). 
Engadimos o azucre e o sal e, cando se integren, a fariña e a vainilla. Amasamos durante 10 minutos e facemos unha bola, que deixaremos repousar até que duplique o seu tamaño (aproximadamente 2 horas).



















De seguir, estiramos a masa coa axuda dun rolete, colocamos a manteiga no centro, a temperatura ambiente, e tapamos a manteiga, dobrando a masa sobre si mesma e estirándoa, de novo, co rolete, até que se integre totalmente (neste paso, teremos que utilizar unha pouca máis de fariña porque quedará unha masa pegañenta). Refrixeramos durante 15 minutos. 














Despois, impregnamos os moldes para cupcakes de manteiga e fariña, colocando neles pequenas porcións de masa. Refrixeramos até a noite e, despois, deixamos toda a noite os molde nos forno para que suba a masa.











Cando nos ergamos, enfornamos durante 15 minutos a 180º, calor arriba e abaixo, e, a continuación, a 150º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos. Seguramente teñamos de tapar as madalenas con papel de aluminio para que non se douren moito. 


Deixamos arrefríar e decoramos ao noso gusto. Para esta ocasión, é perfecta unha buttercream de chocolate branco tinguida de verde (neste caso, fixemos menos cantidade: 250 gr de manteiga, 250 gr de azucre glas e 200gr de chocolate branco e engadímoslle o colorante até obter a cor que vos guste). Coa axuda dunha manga pasteleira cun bico que vos guste, decoramos os pandoros, facendo espirais de fóra cara a dentro para facermos a forma dunha árbore de Nadal.  Finalmente colocamos unhas boliñas de cores para que pareza unha árbore de Nadal.  Nós, nesta ocasión, decoramos tamén o prato, poñendo pequenas porcións de buttercream, coa axuda da manga, para imitar un bosque. E cando xa tiñamos todo colocado no prato, peneiramos azucre glas para dar un efecto de neve.









Refrixeramos 1-2 horas e xa estarían perfectos para comer! E xa vedes, que boa pinta. Iso si, deixade uns cantos, como fixemos nós, para degustar sen a buttercream xa que, a fin de contas, resulta moi interesante degustar o sabor tradicional da forma máis pura. E mesmo se queredes, podedes argallar agregando chocolate ou algunha froita aínda que dese modo xa estariamos máis próximos ao panettone, doce tamén italiano e que podedes encontrar con facilidade nos supermercados. 
Ben, se vos queda un pouco de tempo estes días para vos permitir algún luxo reposteiro, recoméndovos probar a facer o pandoro, ben coma nós, en forma de cupcakes, ou ben nun tamaño máis tradicional. Vós elixides, mais quedaravos moi saborosos de calquera xeito. Pasade moi boa fin de semana!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario