xoves, 17 de setembro de 2026

Brownie de chocolate branco, pistachos e anacardios

Bo día, bolboreteir@s! Que tal a volta á rutina? Xa estades adaptad@s? A nós, por unha parte, xa nos tardaba volver aos bos hábitos e, tamén, volver ao insti. 
Para empezar esta nova tempada (oxalá consigamos ser máis constantes) traémosvos unha lambonada, ideal para facer unha tarde de sábado para vermos unha peli descansando no sofá. No noso caso, fixémola para unha comida á que nos invitaron e gustou moito, de feito, están esperando esta receita.
Sabedes que en Bolboretas no bandullo somos moi afeccionados aos brownies, debemos ter unhas 8 receitas xa publicadas... e, desta volta, fixemos unha versión con chocolate branco e crema de pistachos e anacardios, os pistachos foron o froito seco da tempada. Esta receita é inspiración de Alma Obregrón, aquí vola deixamos:


Brownie de chocolate branco, pistachos e anacardios 




Ingredientes:

  • 150 g de fariña
  • 125 g de chocolate branco     
  • 125 g de pistachos troceados 
  • 115 g de azucre branca
  • 60 ml de AOVE
  • 60 g de azucre moreno/panela
  • 2 ovos
  • 1 xema

domingo, 17 de maio de 2026

Pan de pasas e noces

Bo día, bolboreteir@s! Como vai? Aquí andamos de novo para vos traer un petisco que tiñamos ganas de preparar desde hai tempo. Este pan de noces e pasas é a nosa opción para este 17 de maio. E por que? Pois estamos relendo a Begoña Caamaño e imaxinamos este acompañante como ideal para os múltiplos banquetes que Penélope ofrece en Ítaca en tanto avanza a trama de Circe e o pracer do azul. O pan nunca faltaba nas cestas destes banquetes e adoitaba asociarse á grandeza do ser humano. Se ben é certo que era un pan máis denso que o que comemos aquí hoxe en día, era un manxar prezado e para o que había persoas (segundo se conta na Odisea) dedicadas a moer o gran para a fariña. 
Non temos constancia de que xa experimentaran con combinacións mais nós vimos este pan de noces e pasas como unha idea fantástica para entreter e sorprender os hóspedes que recibía Penélope. Imos ver que vos parece!




Pan de pasas e noces


Ingredientes: 

  • 400 g de fariña de forza, máis 50 g extra
  • 140 g de fariña de espelta integral
  • 325 g de auga, máis un vaso extra   
  • 25 g de mel
  • 5 g de lévedo de panadaría en po

xoves, 14 de maio de 2026

"Cookie bar"


Ola, de novo, bolboreteirxs! Que tal? Aquí estamos un día máis cunha nova lambonada. E, ademais, para nós, hoxe é un día moi especial xa que estamos de aniversario de parella e celebramos moitos anos xuntos 💕. Para compartir a nosa alegría con vós, publicamos unha nova receita, e xa vedes que ultimamente estamos ofrecéndovos moitas receitas doces, coma no inicio do blogue.

Desta volta, é unha explosión de sabor e de texturas xa que estamos mesturamos moitos tipos de chocolate cunha masa espectactular de galletas. Xa vos avisamos que é unha lambonada de 10 e que vos vai encantar, se sodes larpeirxs!

Aquí vos deixamos a receita:


"Cookie bar"


Ingredientes:

  • 340 g de fariña
  • 220 g de manteiga
  • 200 g de panela
  • 100 g de azucre branco
  • 100 g de chispas de chocolate
  • 50 g de chocolate en anacos
  • 6 barriñas de chocolate (KitKat, Kinder...)

xoves, 7 de maio de 2026

Galletas de cacahuete con corazón de chocolate

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Aquí vos traemos outra lambonada para adozarvos e darvos ideas de sobremesas, xa que agora vai comezar a época de festas e de xuntármonos máis coa familia e amizades. 

Estas son unhas galletas moi saborosas de crema de cacahuete ás que lle damos un toque especial engadíndolles ese bombón de chocolate (que podedes escoller o que máis vos guste). Así mesmo, se as queredes facer máis chocolateadas poderíamos agregar chocolate na masa da propia galleta. 

De todas formas, aquí vos deixamos a receita: 


Galletas de cacahuete con corazón de chocolate


Ingredientes:

  • 200 g de crema de cacahuete
  • 160 g de fariña
  • 115 g de manteiga      
  • 90 g de azucre moreno
  • 80 g de azucre branco
  • 1 ovo

xoves, 26 de marzo de 2026

"Tortitas" de plátano

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Nós acabando coas avaliacións e desexando ter algo máis de tempo para facermos algunha receita ben saborosa. Mais, mentres tanto, rescatamos esta lambonada que tiñamos no carrete. 

No verán, en Bali, almorzamos en varias ocasións "tortitas" de piña, de plátano ou simplemente soas. A verdade é que estaban espectaculares e quixemos recrealas na casa. Investigando pola rede descubrimos varias receitas e intentamos facer a nosa propia versión e, aínda que non son exactamente como as que comemos alí, están deliciosas e son saudábeis.

Oxalá vos gusten! Aquí vai a receita:


"Tortitas" de plátano


Ingredientes:


  • 2 cuncas de fariña
  • 1/2 cunca de leite
  • 1/2 cunca de manteiga      
  • 2 plátanos
  • 2 ovos
  • 1 cullerada de vainilla
  • 1 cullerada de mel

xoves, 12 de marzo de 2026

Brownie estilo "Rocky Road"

 Ola, bolboreteirxs! Que tal estades? Hoxe traémosvos unha receita moi moi lambona, xa sabedes que nós o somos 😋, mais tamén é bastante aditiva, quedades avisadxs!!

 Como vos afeccionados aos brownies (xa compartimos por aquí varias opcións: con crema de queixo, con doce de leite, de chocolate branco, de froitos vermellos, a versión clásica, unha rápida, outra de garavanzos e outra de galletas "Oreo"), descubrimos unha nova versión agregándolle na superficie unha mestura de chocolate, nubes e froitos secos e, como non podía ser doutra maneira, tivemos a tencación de probala e que xenial idea! Casan perfectamente e menuda "gochada" máis saborosa. 

Tamén temos que sinalar que o momento ideal é calquera mais é unha bomba! Aquí vos deixamos a receita: 



Brownie estilo "Rocky Road"





Ingredientes:

xoves, 5 de marzo de 2026

Galletas de dous chocolates

 Bo día, Bolboreteirxs! Por aquí estamos de novo, como nos tardaba volver publicar receitas, xa que é un dos nosos pasatempos preferidos, aínda que imos intentar publicar todas as semanas algunha receita, non podemos prometer que non vaiamos fallar algunha: as clases, os peques e a vida en xeral non deixan moitas veces tempo para sentarnos a escribir. 

Cada día que pasa temos máis claro que os mellores regalos son as experiencias e o tempo que investimos coas persoas que nos rodean, e tamén os agasallos que facemos nós mesmas, xa que implica dedicarlle un tempo (moi valioso) en facer algo por alguén. Por iso, as galletas sempre son unha boa opción, simplemente para sinalar que estivemos pensando nelas e queríamos ter un pequeno detalle. Estas, en concreto, foron para complementar un regalo moi especial que fixemos e que, sabemos seguro,  gozaron cada unha das galletas que ía no paquete. 

Esta receita é unha versión dunhas galletas de Alma Obregón que esperamos que a vós tamén vos encanten! 




Galleta de dous chocolates


Ingredientes:

  • 220 g de chocolate negro/con leite
  • 150 g de chocolate branco
  • 150 g de panela    
  • 100 g de fariña
  • 75 g de manteiga
  • 50 g de azucre branco
  • 25 g de cacao puro en po
  • 2 ovos

xoves, 5 de xuño de 2025

Katsu curry de berenxena

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal o inicio de xuño? Aquí estamos unha semana máis compartindo con vós receitas. Sabemos que fallamos a semana pasada, mais estas últimas semanas no insti están sendo un pouco loucura. Hoxe traémosvos unha nova versión do Katsu curry, desta volta, vegano. Vímosllo hai uns días a La Gloria Vegana e tívonos tan boa pinta que decidimos facelo. A verdade é que queda moi rico e as berenxenas así son espectaculares, quedan moi moi crocantes. De feito, fixemos de sobra e témolas conxeladas para que nos saquen dun apuro.

No blogue xa tedes outra receita de Katsu curry e así podedes escoller a versión que máis vos guste!

Aquí vos deixamos a receita! 



Katsu curry de berenxena


Ingredientes:

Para as berenxenas
  • 1 berenxena
  • 100 ml de auga    
  • 80 g de fariña
  • Pan relado groso        
  • Sal
Para a salsa de curry:
  • 400 ml de leite de coco
  • 1 cullerada de curry

xoves, 22 de maio de 2025

Polo en salsa de cacahuetes

 Ola, bolboreteirxs! Que tal? Aquí estamos unha semana máis cunha nova receita. Desta volta, imos probar a facer unha salsa de cacahuete para acompañar polo e arroz. Como vedes, ímoslle dar unha volta a dous ingredientes que son básicos na nosa cociña e seguro que na de moitos de vós. 

Xa sabedes que nos encanta xogar cos produtos e intentar ser creativos e, xa vos adiantamos, que este prato nos gustou moito. 

Aquí vos deixamos a receita: 


Polo en salsa de cacahuete


Ingredientes: 

  • 2 peitugas de polo
  • 1 bote de leite de coco
  • 4-5 culleradas, grandes, de crema de cacahuete       
  • 5-6 culleradas de salsa de soia
  • O zume dun limón 

xoves, 15 de maio de 2025

Pasta “Casa comigo”

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Aquí estamos un día máis cunha nova receita espectacular, a famosa pasta "Casa comigo". Este prato viralizouse en TiKToK como unha idea para propoñer matrimonio e, aínda que hoxe xa ten moitas versións, a receita orixinal ten como base tomate seco, allo e parmigiano. Nós adaptámola aos nosos gustos e decidimos engadirlle un toque crocante co tofu e a verdade é que queda deliciosa. Na nosa casa foi un acerto absoluto e seguro que non habemos de tardar moito en repetila. 

Aquí vos deixamos coa receita:


Pasta "Casa comigo"


Ingredientes:

  • Pasta ao gusto
Para a salsa:
  • 200 ml de caldo de verduras
  • 200 ml de nata para cociñar
  • 150 g de tomate seco en AOVE          
  • Parmigiano
  • 2-3 dentes de allo
  • Alfábega
  • Pementa moída
  • Pementa doce

xoves, 8 de maio de 2025

Panquecas 🥞

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal vai a semana? Nós estamos desexando que chegue a finde, que temos unha pequena viaxe moi especial, mais mentres esperamos traémosvos unha nova receita. 
Como ben sabedes, o domingo pasado foi o Día da Mamá e fixemos en familia estas deliciosas panquecas para almorzar. Aínda que xa tedes outra receita en Bolboretas no bandullo delas, quixémola actualizar. A diferenza principal é que estas quedan máis gordiñas, así que podedes escoller a elaboración que máis vos guste. 
Na nosa casa hai gustos moi diversos para acompañalas, incluso hai quen as come soas: marmelada, crema de cacahuete, crema de abelás, lacasitos, froita... Xa nos diredes de que as acompañades vós.
Aquí vos deixamos a receita:



Panquecas


Ingredientes:

  • 375 g de buttermilk (leite + zume dun limón)        
  • 230 g de fariña
  • 2 culleradas de AOVE
  • 1 ovo
  • 1 cullerada de azucre moreno
  • 1 cullerada de vainilla
  • 1 culleriña de lévedo en po
  • 1 culleriña de bicarbonato

sábado, 3 de maio de 2025

Cestas de ensalada caprese

 Bo día, bolbereiteirxs! Que tal? Hoxe traémosvos unhas cestiñas moi saudábeis, deliciosas e moi fáciles de facer, ademais, son moi fresquiñas para os días de calor! 
Nós fixémolas como entrante, xunto cuns nachos con guacamole, para unha cea con amizades e resultaron ser todo un éxito! 
Aquí vos deixamos a receita para que a poidades pór en práctica: 





Cestas de ensalada caprese 


Ingredientes:

  • 4 láminas de masa filo
  • Salsa de tomate
  • Tomatiños cereixa             
  • Boliñas de mozzarella
  • Alfábega fresca

venres, 25 de abril de 2025

Baos de polo picante

Ola, bolboreteirxs! Aquí estamos unha semana máis cunha nova receita. Desta volta, o peque tiña antollo de pan bao e decidimos facer baos recheos de polo picante, para el reducimos o a cantidade de picante mais igualmente estaban deliciosos.
A verdade é que estes pans, que son tan sinxelos de facer, son moi versátiles porque podemos xogar cos ingredientes que máis nos gusten ou os que teñamos pola casa. Alén de que se vos gusta a cebola, recomendámovos ter un bote de cebola encurtida, xa que lle vai dar un toque diferencial aos vosos pratos: ensaladas, hamburguesas, pizzas...
Oxalá vos guste, aquí vola deixamos.



Baos de polo picante


Ingredientes:

  • Pan bao
  • Cebola encurtida
  • Leituga
  • Salsa maionesa
  • Polo picante:
    • 100 ml de siracha mayo      
    • 100 ml de auga
    • 1 cullerada de allo en po
    • 1 cullerada de cebola en po
    • 1 cullerada de ourego en po

xoves, 17 de abril de 2025

Galletas con chispas de chocolate recheas

Bo día, bolboreteirxs! Hoxe traémosvos unha receita moi moi lambona, unhas galletas deliciosas e moi chocolateadas. Tíñamos ganas dunhas galletas recheas e cando nos convidadaron uns amigos a merendar a semana pasada, non o dubidamos, esta era a receita perfecta. 
Tiñamola anotada desde hai tempo porque son destas lambiscadas que nos levan a vida cando pasamos por diante dunha pastelaría e ademais, non adoitan ser baratas. Así pois, esta era unha moi boa oportunidade para nos dar unha homenaxe e gozar do crocante que sempre presta das galletas e da cremosidade exitosa que ofrecen sempre as famosas cremas de cacao.  Unha combi das que triunfa e que non podemos máis que vola recomendar porque... si, é unha auténtica delicia!





Galletas con chispas de chocolate recheas



Ingredientes:
  • 250 g de fariña
  • 150 g de azucre
  • 110 g de manteiga              
  • 1 ovo
  • 1 cullerada de vainilla
  • 3 g de lévedo
  • 3 g de bicarbonato

xoves, 10 de abril de 2025

Aperitivo de queixo e cebola

 Bo día, bolboreteirxs! Como vai a semana? Nós xa desexando que sexa mañá para descansar uns días e cargar as pilas para a recta final do curso. 

Hoxe traémosvos unha receita que se fixo viral nas RRSS, concretamente en TiKToK hai unhas semanas e como bos amantes do queixo e da cebola non podiamos pasar sen facela. Son só dous ingredientes máis as especias coas que queirades sazonalos para darlle un toque extra de sabor. Como ides ver, faise nun momento e pódenos servir para pór de aperitivo, para tapear ou incluso para acompañar outro prato.

Aquí vos deixamos coa receita: 



Aperitivo de queixo e cebola


Ingredientes:


  • 1 cebola
  • Queixo relado ao gusto  
  • Ourego
  • Pementa moída

xoves, 3 de abril de 2025

Ñoquis con pesto de espinacas e améndoas

 Bo día de xoves! Que tal, bolboreteirxs? Aquí estamos cunha nova receita deliciosa para compartirvos. Desta volta, fixemos unha salsa pesto para acompañarmos uns ñoquis. Xa vos dixemos hai uns días que nos encantan estas boliñas de pataca e, como vedes, son moi versátiles xa que quedan ben case con calquera salsa ou prato (Ñoquis caseiros en salsa de tomate e queixo ou Ñoquis crocantes). 

Desta volta, decidimos facer unha salsa pesto cunhas espinacas que xa era hora de consumir e unhas améndoas torradas que tamén tiñamos na despensa e quedou espectacular. Nós adoramos este tipo de receitas de aproveitamento, abrimos o frigorífico e a despensa e creamos un novo prato cos ingredientes que xa temos e que é hora de preparar, antes de facermos unha nova compra, así que esoeramos que a vós tamén vos guste. 

Ñoquis con pesto de espinacas e améndoas


Ingredientes:


  • Ñoquis 
  • 250 g de espinacas
  • 50-60 g de améndoas
  • 50-60 g de parmesano (ou outro que vos guste)     
  • 2 dentes de allo

xoves, 27 de marzo de 2025

Roliños de froitos vermellos

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Hoxe viñemos para adozarvos o día xa que vos traemos unha receita moi lambona, uns roliños de froitos vermellos. Esta lambonada non só é moi chamativa visualmente, senón que está espectacular de sabor, alén de que podedes adaptar o recheo ao voso gusto. 
Se vos fixades nos ingredientes, temos o puré de patacas, que é un pouco estraño para usar en repostaría, mais úsase para que a masa aguante máis tempo fresca e para darlle esponxosidade aos roliños. 
Aquí vos deixamos a receita:




Roliños de froitos vermellos



Ingredientes:


Para a masa:
  • 360 g de fariña de forza
  • 260 g de auga morna
  • 90 g de manteiga derretida
  • 45 g puré de patacas instantáneo       
  • 40 g de azucre
  • 30 g de leite en po
  • 8 g de lévedo seco de panadaría
  • Un chisco de sal
  • Ovo batido
  • AOVE
Para o recheo:
  • 400 g de amorodos
  • 200 g de arandos
  • 1 cullerada de azucre

xoves, 20 de marzo de 2025

Noodles con allo e xenxibre (e carne!)

Bo día, bolboreteirxs! Como vai a semana? Sabedes que hoxe comeza a Primavera? Nós, a verdade, xa estamos desexando quitar os abrigos e as medias, mais vivindo na Galiza sabemos que aínda nos queda bastante para iso... mais, mentres esperamos, seguimos cociñando deliciosas receitas.
Traémosvos hoxe unha receita asiática, uns noodles cunha salsa de allo e xenxibre acompañados de carne picada para complementar e facer o prato máis completo. Son moi poucos ingredientes mais queda unha receita deliciosa! Non sei se vos contamos algunha vez que cada vez nos gusta máis a cociña asiática e, canto máis probamos, mais nos gusta, aos peques incluídos. Así que seguro que vos habemos traer máis receitas deste estilo, segundo vaiamos probando! Desexamos que vos guste:


Noodles con allo e xenxibre (e carne!)


Ingredientes:

  • Noodles 
  • 300 g de carne picada    
  • 2-3 dentes de allo
  • Xenxibre
  • Salsa teriyaki
  • Pementa moída
  • O zume dun limón
  • Sésamo torrado

xoves, 13 de marzo de 2025

Pizza, en masa de follado, saudábel

Bo día, bolboreteirxs! Case finde, verdade? Que ganas temos xa despois desta semana de exames!
Como vedes, aquí estamos un xoves máis cunha nova receita. Desta volta, unha pizza, que nos inspirou TikTok ;). É moi vistosa e saborosa, ademais de ser moi completa nutricionalmente. Nós propoñémosvos estes ingredientes, mais sabedes que hai que xogar cos ingredientes, e ver tamén que temos na casa!
A masa co toque do sésamo queda xenial e moi crocante!
Aquí vos deixamos a receita!




Pizza, en masa de follado, saudábel



Ingredientes:

  • 1 lámina de follado
  • Pesto:
    • Anacardios
    • Alfábega
    • Parmesano
    • AOVE
    • Pementa moída
  • Tomate cereixa (ou tomate normal)    

xoves, 6 de marzo de 2025

Ñoquis crocantes

Bo día, bolboreteirxs! Que tal de Entroido? Nós aínda estamos de resaca festiva. Estivemos de ruta por Maceda, Laza, Santiago de Arriba, Verín e Xinzo e pasámolo demasiado ben gozando do Entroido máis tradicional, das figuras e dos costumes típicos de cada zona. 

Hoxe, como todos os xoves, traémosvos unha nova receita, moi sinxela, e que seguro se converte nunha opción xenial para acompañar os vosos pratos. Probamos a facela hai uns días, xa que nesta casa todxs adoramos os ñoquis, e xa a repetimos 2-3 veces. Aquí vola compartimos: 


Ñoquis crocantes


Ingredientes:

  • Ñoquis
  • Allo en po
  • Cebola en po       
  • Pemento doce 
  • Pemento picante 
  • Curry
  • Ourego