Amosando publicacións coa etiqueta trigo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta trigo. Amosar todas as publicacións

domingo, 17 de maio de 2026

Pan de pasas e noces

Bo día, bolboreteir@s! Como vai? Aquí andamos de novo para vos traer un petisco que tiñamos ganas de preparar desde hai tempo. Este pan de noces e pasas é a nosa opción para este 17 de maio. E por que? Pois estamos relendo a Begoña Caamaño e imaxinamos este acompañante como ideal para os múltiplos banquetes que Penélope ofrece en Ítaca en tanto avanza a trama de Circe e o pracer do azul. O pan nunca faltaba nas cestas destes banquetes e adoitaba asociarse á grandeza do ser humano. Se ben é certo que era un pan máis denso que o que comemos aquí hoxe en día, era un manxar prezado e para o que había persoas (segundo se conta na Odisea) dedicadas a moer o gran para a fariña. 
Non temos constancia de que xa experimentaran con combinacións mais nós vimos este pan de noces e pasas como unha idea fantástica para entreter e sorprender os hóspedes que recibía Penélope. Imos ver que vos parece!




Pan de pasas e noces


Ingredientes: 

  • 400 g de fariña de forza, máis 50 g extra
  • 140 g de fariña de espelta integral
  • 325 g de auga, máis un vaso extra   
  • 25 g de mel
  • 5 g de lévedo de panadaría en po

luns, 20 de xaneiro de 2014

Pan de trigo

O pan, descuberto en Oriente Próximo no 8000 a.C, constitúe a base da alimentación da pirámide alimenticia e foi o elemento nutricional básico de moitas culturas e por suposto da Galiza que, por falta de medios para outros produtos, recorreu historicamente ao pan, especialmente ao de millo, para remediar a fame. Actualmente segue a estar case a diario nas nosas casas aínda que máis ben como acompañante aínda que, para nós, segue a ser imprescindíbel polo seu sabor, sobre todo se optamos por facelo na casa como neste caso. 
É unha receita que precisa dun certo tempo pola fermentación da masa, mais resulta totalmente sinxela de elaborar e daravos para varias comidas, ben gardándoo nun bo lugar para a súa conservación ou mesmo conxelándoo para recorrer a el cando non teñades na casa. Supoño que moit@s de vós hoxe en día non disporedes das tradicionais artesas, que aguantaban o pan máis dunha semana, mais aínda así, pode durarvos con bo sabor uns cantos días. Sexa como for, recoméndovos que unha vez polo menos probedes a facer pan nos vosos fogares.


Pan de trigo artesán


Ingredientes:
  • 2 vasos de fariña de forza
  • 1 vaso de fariña de trigo
  • 1 vaso e medio de auga tibia
  • 25 gr de lévedo
  • 1 culleriña de sal
  • O zume de medio limón
  • Bagas de goji, opcionalmente