sábado, 23 de novembro de 2019

Boliños de queixo

Bo día, bolboreteir@s! Mimadriña como estamos aproveitando para cociñar receitas novas neste mes. Lemos hoxe que vai todo o mes con auga e nós aquí vemos unha oportunidade para nos beneficiar do tempo na casa.
Desta volta preparamos un petisco sinxeliño que xunta dous dos nosos produtos favoritos: pan e queixo. Ou máis ben, botamos man do queixo para chegar a un pan ben especial, cheo de sabor.
É certo que estes vémolos máis como entrante de menú que como outra cousa. Sexa como for, ides gozar dunha boa delicia que podemos adaptar a calquera queixo e tamén a calquera tamaño. Aquí vai a nova receita.



Boliños de queixo



Ingredientes:


  • 250 g de fariña
  • 150 g de queixo
  • 70 g de manteiga
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 cullerada de allo en po
  • 1 culleriña de azucre
  • Un chisco de sal
Para a decoración:
  • 50 g de queixo
  • 50 g de manteiga
  • 2 dentes de allo
  • Perexil

Utensilios: unha cunca, unha culler, unha bandexa de forno e papel vexetal.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a fariña, o azucre, o lévedo, o sal e o allo. 


Engadimos a manteiga e o queixo. 





Mesturamos até mesturar os ingredientes, non demasiado. 


Coa axuda de dúas culleres, poñemos porcións de masa sobre a bandexa de forno cuberta con papel vexetal. 


Cubrimos con máis queixo relado. Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 18 minutos. 


Mentres tanto, derretemos a manteiga e mesturámola cos dentes de allo e o perexil, ben picados. 


Cando pasen os 18 minutos, pintamos coa manteiga allada e deixamos 2 minutos máis no forno.


 Sacamos, deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos gusten e que poñades esta deliciosa, e fácil, receita en práctica. Xa nos diredes que vos parece e sobre todo como vos sentaron no padal e no bandullo. Forte aperta, amig@s!


1 comentario:

  1. Esos boliños os han quedado de relujo y seguro que estában de rexupete 😋
    Bicos mil para los tres wap@s 😘

    ResponderEliminar