sábado, 16 de novembro de 2019

Spanakopita

Bo día, bolboreteir@s!! Como levades a fin de semana? Nós xa un pouco cansos de temporais e choiva. Está ben que é o que corresponde mais non dan un respiro para pasear. Iso si, estamos acumulando receitas como nunca. Dannos as xornadas (alén de coidar, mimar e mirar para o peque) para ler, descubrir e probar novas receitas como a que hoxe vos traemos.
O spanakopita, nome ben curioso, provén de Grecia e consiste nunha torta de espinacas e queixo feta tendo como base esa masa filo que tanto nos sorprende cada vez que a degustamos. Fálase das influencias turcas no prato e tamén da orixe humilde, ligada aos pastores, de aí a utilización de produtos económicos.
Sexa como for, pareceunos unha idea ben interesante para nos achegar unha vez máis á gastronomía mediterránea. Aquí vai.


Spanakopita




Ingredientes:

  • Varias láminas de masa filo
  • 300 g de espinacas
  • 100 g de queixo feta
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 culleradas de manteiga
  • Eneldo
  • Pementa moída
  • Sal 
  • Aceite de oliva


Utensilios: unha tixola, unha bandexa apta para o forno, papel vexetal, un molde redondo apto para o forno e un coitelo. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de botar a manteiga na tixola e derretela, engadimos os dentes de allo ben picadiños. 


Cando o allo empece a ter cor, agregamos a cebola, tamén ben picadiña. Cociñamos sobre 7 minutos. 



Agregamos as espinacas. Salpementamos ao noso gusto e botamos un chisco de eneldo. Cociñamos 5 minutos e reservamos.



Mentres tanto, collemos 5-6 láminas de pasta filo, pintámolas con aceite e colocámolas sobre o molde que imos usar. 
Botamos o recheo de espinacas e cebola e tamén agregamos o queixo.


Pintamos outras 5-6 láminas de pasta filo e cubrimos con elas o recheo. Coa masa sobrante, facemos os bordos. 


Coa axuda dun coitelo, sen calcar moito, debuxamos as porcións da torta. De seguir, pintamos a superficie con auga.


Enfornamos a 190º, calor arriba e abaixo, durante 25 minutos. 


E xa teriamos a nosa torta salgada lista para comer!


Agardamos que vos guste! Está claro que non nos as nosas empanadas mais iso xa é outra liga (tamén a elaboración é máis consistente). Con todo, é unha idea moi interesante para ampliar os nosos menús e darlle máis posibilidades ao noso padal. Agardamos que gustedes. Forte aperta, amig@s!


1 comentario:

  1. A mi me encanta aunque no lo hago muy amenudo porque no siempre puedo encontrar la pasta filo en el super.
    Se ve divinisimaa y no dudo ni un segundo que este de muerte relenta no lo siguiente 😋
    De buena gana daba cuenta de un plato como siempre receta y fotos de 20 points.
    Bicos mil para los tres y feliz domingo wapos 😘

    ResponderEliminar