sábado, 2 de novembro de 2019

Torta flor

Bo día, bolboreteir@s! Como foi ou está indo o Samaín? Decorastes cabazas? Preparastes os colares cos zonchos? E saístes de festa poñendo as ánimas como excusa?
Nós como sempre andamos argallando receitas e lambetadas pois nestas datas coinciden moitas celebracións e aniversarios pola nosa casa.
Así pois, matinando novas creacións, chegamos a coñecer unha torta grega coñecida como torta flor que ten como ingredientes principais a masa filo e a manteiga. Nós achegamos algo máis, claro. E non podía faltar o produto estrela de calquera lambón: o chocolate.
Vai pois esta delicia que ides ver entra como quen come pébedas de xirasol.



Torta flor


Ingredientes:

  • Varias láminas de pasta filo
  • 2-3 culleradas de manteiga
  • 2-3 culleradas de crema de cacao
  • 1 plátano
  • Abelás
Para a crema:
  • 400 ml de leite
  • 50 g de azucre
  • 4 ovos
  • 1 cullerada de vainilla
Para a decoración:
  • Azucre glas
  • Abelás




Utensilios: un molde apto para o forno, un pintel, varias cuncas e un batedor manual.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de estirar a masa filo. Deretemos a manteiga e pintamos unha lámina de pasta filo por ambas as caras.


Enrolamos coma se fose un acordeón.


E enrolámola sobre si mesma e colocámola no molde que imos usar. 


Quentamos un chisco a crema de cacao e mesturámola cunhas abelás picadas. Estendemos unha boa capa noutra lámina. Tamén colocamos uns dados de plátano. Enrolámola e colocámola ao redor da lámina de manteiga. Alternamos pasta con manteiga e con crema de cacao. 


Así, até cubrir todo o molde. Nós usamos, aproximadamente, 10 láminas. Enfornamos a 150º, calor arriba e abaixo, e co forno prequente, durante 20 minutos. 


Mentres tanto, batemos o leite co azucre, os ovos e a vainilla. Reservamos. 






Cando pasen os 20 minutos, botamos a crema sobre a nosa flor e enfornamos 20 minutos máis á mesma temperatura.





Deixamos que arrefríe un pouco e empoamos co azucre glas e agregamos algunha abelá máis. 


E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica. Na nosa casa sorprendeu esteticamente ás comensais mais especialmente sorprendeu na desgustación pois supón un bocado de dozura mais sen se facer nada pesado. Recomendamos inmensamente. Aperta forte, bolboreteir@s!


3 comentarios:

  1. Yo no he decorado calabazas ni he decorado galletas como años anteriores mis chicos se hacen mayores y van a su bola con los amigos saliendo de cena por ahí 😉
    La tarta os ha quedado de relujo y seguro que estába de rexupete 😋
    Bicos mil para los tres wapos 😘

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A nós encántanos esta época do ano e decorar todo, mais este ano non tivemos tanto tempo co peque, mais para o ano farémolo os tres xuntiños ;)
      Grazas por pasarte!

      Eliminar