martes, 17 de maio de 2016

O bolo boleiro de Manuel María

Chegou xa o 17 de maio, día especial para festexarmos as nosas letras e máis neste ano en que honramos a unha das figuras máis completas, poliédricas e de maior compromiso coa lingua galega como é Manuel María.
Nos nosos anos de vida, este está a ser o ano de máis orgullo da figura honrada para nós. Sentimos que toda a poesía para desfrutar está no Manuel. E por riba, nunha obra tan ampla, non faltou a temática gastronómica porque el era consciente da realidade identitaria que supoñía na Galiza. E porque sabemos que era amigo de comer. De feito, mesmo nos pasaron información de cal era o seu prato favorito. Sabedes? Pois segundo nos conta Mercedes Queixas, di Saleta, a súa compañeira, que adoraba degustar un bo año de leite ("cordero lechal" como malchamos normalmente). 
Mais a través da súa poética imos vendo tamén outros alimentos que lle ben sabían e ben debía apreciar. Nas redes xa fomos dando conta dos versos ao pan de trigo, ao viño, aos capóns, á xata, ás patacas, aos nabos... Porén, deixabamos tres composicións coas que hoxe imos crear a receita máis poética de Bolboretas no bandullo. Unha larpeirada en que se combinan tres poemas diferentes de Manuel María aínda que xira principalmente arredor do título infantil "O bolo"

O bolo boleiro de Manuel María


Ingredientes:


Para a masa:
  • 300 gr de fariña de centeo (integral)
  • 150 gr de fariña de trigo
  • 300 ml de auga
  • 15 gr de lévedo fresco
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • 1 chourizo
  • 1 anaco de queixo San Simón

Utensilios: unha cunca, unha espátula, unha bandexa do forno, papel transparente e papel vexetal.

Elaboración:

Partimos do poema principal, O bolo de "Os soños na gaiola":

A nai vai cocer. 
E fará un bolo.
Un bolo ha facer!

Un bolo pequeno,
un bolo boleiro
pra acalar o neno.

Aquí está o piorno
-a nai xa amasou-
pra roxar o forno!

O bolo que digo
non é de centeo,
que é de pantrigo.

Levará un burato
o bolo, no medio,
pra meter un rato!

Ai, que me escachizo,
que non é un rato,
que é un chourizo!

Un chourizo enteiro
no medio do bolo
pró neno larpeiro!

Un chourizo bon
no medio do bolo
pró neno lambón!

O bolo boleiro
o chourizo bon,
pró neno larpeiro,
pró neno lambón!

Para comezarmos, temos de facer a masa. Para iso, mesturamos as dúas fariñas e o chisco de sal. 


Diluímos o lévedo na auga, que debe estar quentiña, e botámolos sobre as fariñas. 


Mesturamos moi ben, primeiro coa espátula e despois teremos que amasar coas mans até que nos quede unha masa homoxénea. As cantidades que vos damos son as que nos fixeron falta a nós, mais, dependendo da fariña, igual vos pide un chisco máis, ou menos, de auga ;).
Se ledes o poema, xa vedes que el di que o bolo é de pantrigo, non de centeo. Porén, nós quixemos integrar o centeo na receita posto que encontramos uns versos ben fermosos dedicados a este cereal no poemario "Terra Chá": 

O pan centeo é un tesouro
semella a terra que o deu.
É como a terra de mouro
porque na terra naceu…!


Tapamos con papel transparente e deixamos repousar un par de horas, ou até que a masa duplique o seu tamaño. 


Cortamos o chourizo en lascas e o queixo en dados. Collemos pequenas porcións de masa, aplastámolas na man, colocamos o chourizo e o queixo no centro e pechamos o boliño.
Os populares "bolos preñados" non adoitan levar queixo. Mais como ía faltar este produto central na gastronomía da Terra Chá e ao que tamén compuxo uns versos? Imprescindíbel o queixo de San Simón e  a louvanza no poemario "Terra Chá":

Os queixos de San Simón
co ar da serra curados:
¡viron correr os regatos
e mais o verde dos prados!

Os queixos de San Simón
sentiron tremar orballos
e escoitaron os murmurios
dos ventos polos carballos.

Os queixos de San Simón
aí­nda son feitos a mao,
¡sentiron frío de Inverno
e sudaron polo Vrao…!

Os queixos de San Simón
son a cousa máis sinxela,
¡teñen feitura de pico
e saben a pastorela…!




Repetimos o mesmo até acabar coa masa, serán sobre 14 boliños. 


Enfornamos a 190º, calor arriba e abaixo, durante, aproximadamente, 15-20 minutos.

 

Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listos para comer!! 


Desta volta a homenaxe vén tirada da propia obra do Manuel, que nos deixou unhas ideas óptimas para saborearmos Galiza e especialmente a comarca da Terra Chá a través do queixo, do pan e destes boliños xa tradicionais e que el nos presenta da forma máis fermosa do mundo. O poema do bolo xa é un himno para Bolboretas no bandullo e mentres o relíamos unha e outra vez, degustamos inmensamente esta receita de profundo sabor chairego.
Antes de rematar, queriamos agradecer á Fundación Manuel María a recomendación dos textos máis axeitados para este ámbito así como recomendarvos a visita á marabillosa Casa-Museo situada en Outeiro de Rei.
Manuel María será eterno no seu legado, na súa obra. E con esta receita, a súa lírica tamén vos poderá acompañar a cada bocado. Vivan as Letras Galegas e viva Manuel María!

10 comentarios:

  1. Que boa estrea lle dades a eses fermosísimo prato... unha idea extraordinaria....moitos parabéns...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas, Luz!! Tiña que ser para unha ocasión especial!! 😘😘

      Eliminar
  2. como me gusta este bolo, boleiro! con ese relleno de lujo tiene que estar delicioso! bicos

    ResponderEliminar
  3. PARABÉNS pola receita e pola preciosa mistura coa poesía do Manuel. Como chairego moitas grazas.

    ResponderEliminar
  4. Uuummmmmmmmmmm que ricos tenian que estar eses bolos boleiros con ese relleno no dudo estaban de rexupete no lo siguiente.
    Como siempre un placer venir a visitaros y disfrutar de vuestros maravillosos post y recetas.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas, estamos sempre encantados de recibirte!! 😘😘

      Eliminar
  5. Uys, isto hay que probalo sin dúbida!!

    Bicosssssss

    ResponderEliminar