Último sábado de xullo e xa se aproxima agosto, un dos nosos meses favoritos :-) E mentres tanto, seguimos adiante con novas receitas, reelaborando outras e argallando con experimentos para o blogue. Hoxe presentámosvos a nosa última adiccións, os grissini de queixo Gruyère, paus de queixo saborosos e que desaparecen nun abrir e pechar de ollos.
Tiñamos desde hai tempo ganas de preparar de novo os grissini pois a última vez quedaran saborosos mais non exactamente como nos gustaría. Xa sabedes que a cociña oscila entre os éxitos e os fracasos acabando tanto uns como outros normalmente no bandullo e aprendendo igual de ambos os dous.
Ben, pois estes últimos días, cando imos á praia, estamos levando uns petiscos lixeiros con sabor a queixo que venden nos supermercados. E como sempre, chega o momento no que pensamos en preparalos na casa que sempre ten ese punto positivo da satisfacción de quen elabora o seu.
Meu dito, meu feito. Puxémonos con eles e sen exaxerar tardaron menos de dúas horas en desaparecer. Pasou como no anuncio este de Casa Tarradellas (cremos que era este...) en que tod@s van a fuet e desaparece. Aínda que neste caso non foi por haber poucos grissini. Había unha boa cantidade mais viñémonos arriba degustando neles e... papámolos.
Grissini de queixo Gruyère
Ingredientes:
- 90g de fariña de centeo
- 35g de fariña de trigo
- 55 gr de queixo gruyère
- 55 ml de auga
- 15 ml de aceite de oliva
- 6g de lévedo de panadaría
