domingo, 6 de setembro de 2020

Torta Arco da Vella (1º aniversario do Xiao)

Boa noite, bolboreteir@s! Hoxe imos traervos unha das receitas máis especiais que aquí presentamos pois é a elaborada para o primeiro aniversario do peque da casa, do Xiao. 

Para non xuntarnos moitos tivemos celebracións en varios días e a verdade é que levamos unha boa tempada de doces. Algúns mercados e outros como o que aquí presentamos hoxe, feitos na casa con toda a ilusión e agarimo posíbeis. 

Tiñamos moitas ganas desde hai tempo de elaborar unha torta deste estilo e este era o momento ideal. Cun pouco de paciencia e tempo, logramos unha larpeirada apetitosa desde a primeira ollada até o último bocado. Que gozada! Imos por ela.



Torta Arco da Vella


Ingredientes:


Para o biscoito:
  • 400 g de fariña  
  • 400 ml de aceite de xirasol
  • 400 g de azucre
  • 20 g de lévedo en po
  • 3 culleradas de vainilla
  • 8 ovos
  • Colorantes

Para o recheo e decoración:
  • 525 g de manteiga
  • 330 g de azucre
  • 6 claras de ovos
  • Aroma de framboesa (ou vainilla, limón...)
  • Galletas oreo
  • Labras de azucre


Utensilios: 5 moldes baixos (ou un alto), varias cuncas, un batedor eléctrico, unha espátula metálica e unha manga pasteleira cun bico.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer os biscoitos. Para iso, mesturamos o aceite co azucre. 


De seguir, engadimos os ovos, un a un. 


Tamén a vainilla.


E a fariña, pouco a pouco.

Se imos usar varios moldes, temos de pesar a masa e dividila entre o número de moldes. No noso caso, 5. En cada un, usamos un colorante (fucsia, azul, amarelo, verde e lila).

Enfornamos a 180°, calor arriba e abaixo, durante 25-30 minutos. Reservamos. Nós envolvémolos en papel transparente e reservámolos no frigorífico até o día seguinte.


A continuación, toca facer o recheo e a cobertura. Para iso, mesturamos o azucre coas claras e quentámolas ao baño maría até que se desfaga o azucre.

                                 
De seguir, montámolas a punto de neve e agregamos a manteiga, en pomada. Importante que sexa manteiga para que a crema teña máis consistencia.

                                                

Despois, botamos o aroma escollido e o colorante, se decidides usalo. Temos que mesturar moi ben para que nos quede unha crema homoxénea e consistente.


Cortamos a parte superior dos biscoitos para igualalos e botamos unha capa da crema.



Engadimso unhas galletas picadas e repetimos coas outras capas do biscoito.


A última capa de biscoito poñémola ao revés para que a superficie sexa máis lisa. Estendemos unha fina capa de crema cubrindo toda o torta (capa recollemigas) e refrixeramos até que endureza. Pasado un tempo, cubrimos con outra capa e decoramos ao noso gusto. 


Refrixeramos, de novo, un par de horas, como mínimo, e xa estaría lista para comer e mirar un bo cacho para ela xa que dá gusto vela, sobre todo no primeiro corte, onde sorprende con esa combinación cromática. Iso si, ollo, non é só apariencia. Estaba... mmmmmmmmm! Recomendabilísima!


2 comentarios:

  1. Parabéns a Xiao !.
    Os meus fillos tiveron torta chocolate cando fixeron o primeiro ano.

    ResponderEliminar