Ola, bolboreteir@s! Como levades o peche de agosto? Nós, co bandullo ben cheo despois das enchentas que nos demos, como podedes ir vendo nas RRSS. Entre aniversarios do papá e do Xiao, amagos de festas celebradas na casa... Non hai festexos no exterior así que hai que suplir con celebracións culinarias caseiras.
Así foi o Naseiro este ano para nós. Celebramos o venres do polbo da Romaxe do Bo Xantar co tradicional polbo á feira mais o cefalópodo de tres quilogramos e medio deu para máis dunha vez así que o sobrante aproveitámolo nunha receita que aprendemos dunha moi boa amiga. Esta tosta de polbo con queixo foi toda unha delicia, que unha vez cocido o polbo non dá traballiño ningún.
Tosta de polbo con queixo
Ingredientes:
- Polbo cocido
- Queixo relado
- Pan
- Pementa moída
- Pementa doce/picante
- Sal
- Aceite de oliva
Utensilios: unha prancha e unha bandexa de forno.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de salpementar ao noso gusto o polbo xa cocido, nós aproveitamos as sobras. Aquí vos deixamos unha receita.
Torrámolo á prancha con dúas culleradas de aceite.
Cortamos o pan en lascas e colocamos o polbo sobre el.
Poñemos o queixo sobre o polbo. Nós usamos San Simón mais podedes botarlle o que máis vos guste.
Enfornamos co gratinador a máxima potencia até que se derreta o queixo.
Empoamos co pemento doce ou picante.
E xa estarían lista para comer! Que aproveite o manxar e esperemos que lle deades uso á receita. Xa sabemos que todos somos moi de polbo á feira mais a nós parécenos que o polbo dá para creacións ben diversas e interesantes como a hoxe presentada. Forte aperta!
Ningún comentario:
Publicar un comentario