sábado, 24 de novembro de 2018

"Cociñando con Bolboretas no bandullo", (Edicións Xerais)

Bo día, bolboreteir@s! Estades preparados para esta fin de semana chuviosa? Ben, se andades aínda procurando plan, nós dámosvos unha opcións. A lectura de "Cociñando con Bolboretas no bandullo" e o preparado dalgunhas das receitas máis saborosas que nel podemos encontrar. Que vos parece?
Ben, como xa vistes nas RRSS, levamos tempo comentando a concreción deste noso soño que desde o pasado venres 16 de novembro está nas librarías de todo o país e nas diferentes plataformas dixitais.
Estamos encantadísimos co resultado e moi agradecidos a todas as persoas que o fixeron posíbel, comezando pola editorial, Xerais, até o ilustrador Iván Rodríguez (que gran traballo), ou o editor Ramón Domínguez e Plumería Fotografía.
Ben, pois queriamos aproveitar a entrada de hoxe para vos meter apetito dunha forma diferente, presentándovos un pouquiño o libro, este noso fillo literario e gastronómico, o primeiro. 



Como vedes desde a portada, "Cociñando con Bolboretas no bandullo" está orientado principalmente para o público infantil, aínda que é certo que a maior parte das receitas están pensadas para seren creadas conxuntamente, en familia. Pero ollo, non fiquedes os adultos con ganas eh! Tamén serve para vós, especialmente para as persoas que dades os primeiros pasos.
O prólogo tiña que ser dunha das nosas favoritas, a Ledicia Costas. Que maneira de presentar esta lectura e que xogo gastroliterario para comezar! É xenial!
Xa adentrándonos nas receitas, ides encontrar variedade, desde petiscos a lambetadas pasando por ensaladas ou tortas incríbeis.
Como vedes na seguinte imaxe, están ilustrados todos os ingredientes que imos necesitar, tamén os utensilios e por suposto, explicados todos os pasos. Importante: marcamos tamén a necesidade ou non de axuda para os peques, a dificultade e a cantidade resultante.



Ides ver que todas as receitas son bastante intuitivas e moi fáciles de sacar adiante. De todas formas, cada unha delas, vai acompañada dun código QR que vos permita seguir todo o proceso de forma máis visual. Estes códigos levan á nosa canle de Youtube, onde as persoas que teñen o libro poden ver todas as receitas que o conforman.


De igual modo, descubriredes ao abrir o libro outra novidade importante é que para nós é parte identitaria e diferencial deste receitario: a inclusión da literatura. Cada receita vén acompañada dunha breve narracción, dun microrrelato en que se dá vida a alimentos, se xoga coa memoria e cos sabores e se dá relevancia á palabra. Un exemplo:


E como tentamos atender a todas as posibilidades de alimentación, ou a cantas máis puidemos, encontraredes no final, unha serie de opcións para trocaren as receitas @s celíac@s, intolerantes á lactosa, alérxicos a froitos secos ou por exemplo, vegan@s. De seguro que se lle vai dar moito utilidade a este apartado!


Animámosvos pois a vos mergullardes nestas páxinas en que se agochan momentos para gozar e sabores por conquistar. Adiante, bolboreteiras e bolboreteiros. Unídevos á festa. Agardámosvos con moita ilusión! Fortísima aperta!


Extra: Iremos informando dos diferentes actos e actividades arredor do libro. De momento, xa vos adiantamos que estaremos o vindeiro sábado, 1 de decembro, no Culturgal. Cociñaremos un pouquiño cos peques e despois estaremos asinando exemplares no stand de Xerais. Achegádevos ;-) 


2 comentarios:

  1. Enhorabuena chicos ,me encantaria poder asistir alguno de los actos de presentacion del libro estare atenta a ver si me coincide alguno cerca en alguno de mis dias libres ,aqui no se si llegara a las librerias ,pero que sepais que como seguidora y fan vuestra no pienso quedarme sin el de ninguna de las maneras.
    Bicos mil y feliz inicio de semana wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olaa! Sii, o libro debería estar en todas as librarías!
      Mil grazas polo teu apoio!
      Apertas

      Eliminar