martes, 27 de novembro de 2018

Porco agridoce

Bolboreteir@s! Momento de receita e momento de sabor en Bolboretas no bandullo! Seguimos iso si, nunha liña moi asiática. Non sabemos que nos está pasando ultimamente mais parece que o espírito de Bruce Lee se está apoderando de nós. E pensar que hai dez anos fuxiamos da cociña chinesa, tailandesa e demais... O que non sabe é como o que non ve, haha.
Ben, pois hoxe optamos por outro clásico, porco agridoce, que o sumamos á listaxe de recursos para ter en conta ao traballar cunha das carnes coas que máis traballamos.
Ides ver que é unha receita con moito pouco traballo e que ofrece un resultado ben curioso. É certo que non todo o mundo gusta destas salsas agridoces mais a nós conquístanos polo contraste e efecto que outorga no porco. Unha verdadeira delicia. Imos a por ela!



Porco agridoce




Ingredientes:


Para a carne:

  • 400 g de carne magra de porco
  • 1 ovo
  • 2 culleradas de salsa de soia
  • 2 culleradas de vinagre de arroz
  • Pementa branca
  • Fariña de trigo
  • Fariña de arroz
  • Aceite de oliva
  • Sésamo
Para a salsa
  • 1 de vaso de auga
  • 1 cullerada de fariña de arroz
  • 1 dente de allo
  • 3 culleradas de Ketchup
  • 2 culleradas de salsa de soia
  • 2 culleradas de vinagre de arroz
  • 2 culleradadas de azucre
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: dúas tixolas, unha cunca, un prato e un garfo.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de macerar a carne, cortada en tiras, coa salsa de soia, o vinagre de arroz e a pementa. 


Engadimos o ovo e mesturamos moi ben. Deixamos así 20-30 minutos. 


Mentres tanto, imos facendo a salsa. Para iso, rutrimos o dente de allo en dúas culleradas de aceite. 


Agregamos a 3/4 partes de auga, a soia, o vinagre de arroz, o azucre e o sal. 


Tamén botamos o ketchup e remexemos moi ben. 


Diluímos a fariña de arroz na auga que quedaba e engadímola, pouco a pouco, á mestura anterior. 


Cociñamos 2 minutos máis, apagamos o lume e reservamos. 


Empanamos a carne na mestura das dúas fariñas. 


E rustrímolas co aceite ben quente. 



Botamos a carne, xa frita, na salsa e mesturamos moi ben. Cociñamos 5-6 minutos. 


Servimos nun prato, agregamos sésamo e xa estaría listo para comer. 


Agardamos que vos guste e que probedes esta deliciosa receita! Unha forma sinxela de nos achegar a Oriente desde un sabor peculiar que acaba por sorprender e atrapar. Aquí fica! Forte aperta, bolboreteir@s!


1 comentario:

  1. Uummmmmmmmmm como me tentais con lo que me gusta la comida agridulce ,de buena gana daba cuenta de un plato seguro que esta de rexupete, os ha quedado de relujo.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar