martes, 6 de xuño de 2017

Berlinesas recheas

Bolboreteir@s, como levades o mes? Supoño que moit@s de vós content@s coa fin de curso que se aproxima. Hoxe ímosvos presentar unha lambonada moi moi gorentosa que presta para eses días en que andamos con moito estudo ou traballo. Tomar unha berlinesa coma esta ten un efecto relaxante que, calorías á marxe, pode darnos forza para continuar coa xornada de esforzo ou ben como recompensa a un día laborioso. O caso é pór unha excusa para comer, haha.
Sexa como for, a berlinesa é para nós un símbolo gastronómico da mocidade. Recórdanos á tempada de instituto cando na cafetaría vendían destas larpeiradas e algúns de nós as comprabamos case a cotío. Si, resistimos. O caso é que as tiñamos no esquecemento e a semana pasada, ollando un dos libros de Alma Cupcakes que temos pola casa ("Un año de dulces"), encontramos esta receita que non pensamos nin un segundo en levar á práctica.
E para lle dar máis variedade, preparámolas de dous sabores, amorodo e chocolate. E deixamos as de crema pendentes xa para outro día. Outra excusa máis para repetir.
O caso é que investigando descubrimos que este doce forma parte da repostaría tradicional alemá, algo que parece obvio ollando a denominación mais no que nin repararamos até o momento. Parece ser que as Berliner Pfannkuchen poden ter orixe, ou iso di a lenda, alá polo século XVIII, cando un panadeiro creou este pastel con forma de bóla de canón en honra ao emperador Federico o Grande. Como estaban no exterior, e ante a falta de fornos, tiveron que optar pola tixola. Neste caso non quedaría máis que berrar moitos "hurra!" a ese cociñeiro. Aí vai:




Berlinesas recheas


Ingredientes: 


Para as bombas:
  • 200 g de fariña de forza
  • 150 g de fariña de repostaría
  • 110 g de auga
  • 40 g de azucre
  • 25 g de manteiga
  • 2 ovos
  • 5 g de lévedo de panadaría
  • Un chisco de sal
  • Aceite
Para o recheo:
  • Crema de cacao
  • Marmelada ao gusto

Para decorar:
  • Azucre
  • Canela en po

Utensilios: unha cunca, unha espátula, un rolete, un pano, un cazo, papel absorbente, un vaso (ou un cortador redondo), unha manga, un bico (ou un pau) e un prato para presentar. 


Elaboración:

Primeiramente, temos temos de mesturar a fariña, co azucre, o lévedo e o sal. 



Agregamos, pouco a pouco, a auga. 


Logo os ovos e amasamos moi ben até ter unha masa homoxénea. Chegará un punto en que teremos que utilizar as mans. 


De seguir, integramos a manteiga. Facemos unha bóla, tapámola cun pano e deixamos repousar 1 hora. 







Pasado ese tempo, estiramos a masa nunha superfice enfariñada e, dámoslles a forma coa axuda dun vaso ou un cortador. 




Colocámolos nun prato (con ou sen papel vexetal) e deixamos repousar outros 30 minutos. 


Botamos abundante aceite nun cazo e fritímolos a temperatura media. Dámoslles a volta para que se douren polos dous lados. 


Poñémolas sobre papel absorbente para eliminar o exceso de aceite e deixamos que se atemperen un pouco. 


A continuación, mesturamos azucre e canela e rebozámolas ben. Nós deixamos algunha sen rebozar. 


Coa axuda dun bico ou un pau, facemos un buraco nas berlinas. 


E coa manga, reenchémolas de marmelada ou crema de cacao. 






E non fai falta esperar máis, xa as podemos comer!! Xa veredes que espectáculo. 



Babexando por aí? Nós estámolo pasando mal só ollando as fotos e pensando que agora xa non os temos aquí diante para lles meter unha dentada. Tampouco podían durar. Aquí papabámolos de tres en tres. Tremendo festexo de dozura nos demos. 
Agora agardamos que esta bomba chegada desde Alemaña asente nos vosos fogares para facer estoupar unha chea de sabor nos vosos bandullos. Aquí a explosión foi do máis pracenteira. Aquí vos queda. Unha fortísima aperta e adiante!

2 comentarios:

  1. Bueno pero os parecera bonito a golpe de martes poner esta lamboreatada en el blog ,no se si alegrarme o no por que no puedo meter la mano y coger un par de ellas .
    Uuuuumm Me encantan ya sean rellenas de cremas chocolate o nata y no dudo ni un segundo que estas esten de muerte relentisima ,te han quedado divnisimas.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O peor destas receitas é cando, de novo, ves as fotos ou les a receita... e tes a necesidade de comer 4 ou 5 polo menos, hahahaha!!
      Mil grazas por pasarte!
      Un bico

      Eliminar