sábado, 10 de xuño de 2017

Sándwich Club

Continuamos con receitas mais hoxe chegamos sen vídeo xa que, como moit@s sabedes, andamos na recta final das oposicións, traballando e claro... non queda moito tempo para gravar e editar. De todas formas, no mes de xullo volveremos con novas vídeo-receitas. E mentres tanto continuamos co blogue pois comer, hai que comer, e coma sempre, aproveitamos para preparar pratos novos aínda que, como ides comprobar, nesta tempada optamos por receitas máis sinxelas e rápidas. 
Deste modo, hoxe presentamos un sándwich que vén ganando cada vez máis visibilidade e que nós coñecimos a través de varios blogues que o presentaron aos seus lectores e lectoras.
O Sándwich Club ou Club Sándwich parece ter orixe nos EUA (como non!) no paso do XVIII ao XIX, concretamente no local Saratoga Club House no estado de New York.
O caso é que nas últimas décadas veuse coñecendo máis pola Península a través de certas cadenas de comida americana e nós queriamos traérvolo a vós.


Sándwich Club



Ingredientes (para 1 sándwich):


  • 3 rebandas de pan
  • 2 follas de leituga
  • 2 lascas de queixo
  • 1 peituga pequena
  • 1 lasca de pavo
  • 1 lasca de bacon
  • 1 tomate
  • Maionesa
  • Manteiga



Para acompañar: bataca asada con pementa moída, allo, ourego, curry e un chisco de sal.


Utensilios: unha prancha, un prato e un coitelo.


Elaboración:


Para comezarmos, temos que estender unha fina capa de manteiga en dúas rebandas de pan, só por un lado. Torrámolo na prancha, tamén a que non ten manteiga. Podedes escoller o pan que máis vos guste, este é con fariña integral.

Colocámolo nun prato, co lado da manteiga cara á fóra e untamos, por dentro, cunha fina capa de maionesa. 


Colocamos dúas lascas de tomate e unha folla de leituga, ben lavada e seca. E tamén unha lasca de queixo.

Cortamos o bacon pola metade e torrámolo na prancha.


Colocámolo sobre o queixo e engadimos o pavo. 





Engadimos a torrada que non ten manteiga e volvemos untar con manteiga, e poñemos o tomate, a leituga e o queixo. 


Fritimos as peitugas, adobadas ao voso gusto (nós usamos, pementa moída, allo e ourego) e agregámolas ao sándwich. 






Tapamos coa última rebanda do pan, coa manteiga por fóra. 



E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste 😋


Xa vedes que tivemos que darlle un toque persoal ao prato, senón non quedabamos tranquilos. Mais ben, polo resto tentamos seguir con bastante fidelidade a suposta receita orixinal aínda que ben é certo que hai moitísimas variantes, coma case en todas as receitas do mundo, vaia.
Sexa como for, cremos que o sándwich é un alimento ás veces infravalorado, ou canto menos, non aproveitado o suficiente. Así pois, convén termos á man algún recurso coma este para preparar de vez en cando. Velaquí vos queda, bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Pena no poder meter la mano si ya me pusisteis los dientes largos cuando vi la foto en instagram aqui ni os cuento .
    Que pena no estar mas cerca para ir a cenar a vuestra casa ñan ñan .
    Os ha quedado de relujo y seguro sabia mejor.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Vente, vente!! Estas convidada a vir cando queiras, xa o sabes!
      Grazas por lernos sempre e estar aí!
      Apertas!

      Eliminar