Amosando publicacións coa etiqueta EUA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EUA. Amosar todas as publicacións

sábado, 10 de xuño de 2017

Sándwich Club

Continuamos con receitas mais hoxe chegamos sen vídeo xa que, como moit@s sabedes, andamos na recta final das oposicións, traballando e claro... non queda moito tempo para gravar e editar. De todas formas, no mes de xullo volveremos con novas vídeo-receitas. E mentres tanto continuamos co blogue pois comer, hai que comer, e coma sempre, aproveitamos para preparar pratos novos aínda que, como ides comprobar, nesta tempada optamos por receitas máis sinxelas e rápidas. 
Deste modo, hoxe presentamos un sándwich que vén ganando cada vez máis visibilidade e que nós coñecimos a través de varios blogues que o presentaron aos seus lectores e lectoras.
O Sándwich Club ou Club Sándwich parece ter orixe nos EUA (como non!) no paso do XVIII ao XIX, concretamente no local Saratoga Club House no estado de New York.
O caso é que nas últimas décadas veuse coñecendo máis pola Península a través de certas cadenas de comida americana e nós queriamos traérvolo a vós.


Sándwich Club



Ingredientes (para 1 sándwich):


  • 3 rebandas de pan
  • 2 follas de leituga
  • 2 lascas de queixo
  • 1 peituga pequena
  • 1 lasca de pavo
  • 1 lasca de bacon
  • 1 tomate
  • Maionesa

martes, 8 de novembro de 2016

Brownie con doce de leite

Poucas veces o título dunha receita soou tan lambón, verdade? Pois non pensedes que leva ao equívoco. Nin moito menos. Encontrámonos perante unha das lambetadas máis doces da traxectoria de Bolboretas no bandullo. Tan tan doce, que si, resulta difícil repetir pois cada porción é unha bomba que nos deixa tremendamente satisfeitos. 
E como xa tiñamos elaborado varios brownie con total éxito, aventurámonos a probar unha nova versión coa seguridade do resultado final pois chocolate e doce de leite deben estar no top 5 de lambetadas. Ademais, como estas últimas semanas están a ser moi estadounidenses por cuestións mediáticas, tiramos do caixón unha das últimas receitas, preparada para un aniversario hai un par de semanas e que versiona a receita orixinal creada por un pasteleiro dos EUA cando esqueceu botar o lévedo a un pastel de chocolate, quedando este biscoito non demasiado elevado e sendo máis ben un bloque substancioso cargadísimo de sabor. Aí vos vai!


Brownie con doce de leite


Ingredientes:

  • 350 g con chocolate con leite
  • 300 g de doce de leite
  • 400 g de azucre moreno
  • 250 g de fariña
  • 230 g de manteiga
  • 60 g de cacao puro
  • 1 cullerada de vainilla