sábado, 3 de xuño de 2017

Tártaro de salmón e mazá verde

Ola bolboreteir@s! Como levades o novo mes? Agardamos que moi ben. Por aquí tiñamos unha receita doce na recámara mais pensamos que talvez vos empachabamos con tanta larpeirada e decidimos facer para cear unha proba coa que vos soprender.
Sabedes esas veces que comprades un alimento e na caixa ou sobre vén unha receita? Habitualmente non nos fixamos mais a verdade é que se reparamos nalgunha delas encontraremos algunha creación ben interesante á que lle tirar proveito. 
Isto foi o que nos pasou desta volta; mercamos unha caixa de espárragos (que nos encantan, por certo) e fóra traia esta idea que nos cautivou. Casualmente tiñamos ganas de preparar un tártaro na casa após probar ultimamente uns espectaculares por aí e así se nos presentou unha oportunidade. 
E unha vez probado... espectacular!!! E como ides ver, apenas necesitamos os ingredientes adecuados e un molde para lograr o noso tártaro! Aí vai:


Tártaro de salmón e mazá verde



Ingredientes:


  • 50-70 g de salmón
  • 10-12 olivas
  • 8-10 espárragos
  • 1 mazá verde
  • 1 tomate
  • Leituga
  • Aceite de oliva virxe
  • O zume dun limón
  • Un chisco de sal
  • Maionesa (opcional)

Utensilios: unha táboa, unha cunca, un prato e un coitelo. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de picar a mazá e os espárragos, reservamos varias xemas para a decoración. 


Tamén o tomate, as olivas e o salmón.


A leituga tamén a cortamos finamente.


De seguir, aliñamos co chisco de sal, o zume do limón e aceite de oliva. Mesturamos moi ben. 


Para servilo, se queredes, podedes utilizar un molde redondo e decoramos coa xemas que reserváramos. 


E xa estaría listo para comer!! Agardamos que vos guste e que o probedes porque seguro que vos sorprende. 


Boa pinta, verdade? Certamente con estas montaxes, as elaboracións quedan moi xeitosas aínda que o sabor non muda, claro. Se non tedes o molde, sempre podedes comelos coma ensalada e tan felices, haha.
Nós agardamos que vos resulte interesante para estas xornadas de calor que se aproximan. Desde logo que ides notar en cada bocado a frescura destes ingredientes. A polo tártaro, bolboreteir@s! Unha forte aperta! :-)

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmm que bien me hubiera venido para cenar este tartar de salmon seguro que esta de rexupete ,como siempre la receta y fotos son de 20 points.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, estaba moi rico, ademais é moi saudábel e moi fresco!! Ideal para eses días de calor e sol!
      Apertas!

      Eliminar