sábado, 17 de outubro de 2015

Crema fría de chocobanana

A entrada de hoxe é un pouco especial xa que a facemos desde fóra de Galiza, xa que como vos anunciamos en redes sociais, estamos a pasar a fin de semana en Granada convidados por Puleva para o II Blogtrip "Grandes retos de la alimentación infantil en el nuevo milenio". Xa vos imos contando novidades en Facebook e Twitter, mais faremos unha entrada especial na próxima semana, explicando como foi a viaxe e todo o que estamos aprendendo.
Mais non por estar aquí nos imos esquecer do noso motivo de existencia, os nosos lectores e lectoras, E por tanto, publicamos hoxe unha das últimas receitas que elaboramos, na nosa liña de lambonadas chocolateiras.
E está pensada para aqueles días en que temos convidad@s e non queremos ou non podemos perder moito tempo na elaboración do menú, ou canto menos na da sobremesa. Así estabamos nós estes últimos días preparando a viaxe polo que optamos por un magnífico recurso coma este. E que cumpre ás mil marabillas, como habedes ver:

Crema fría de chocobanana



Ingredientes (para 4 racións):
  • 320 gr de banana (sen pel)
  • 150 gr de chocolate
  • 135 ml de leite
  • 50 gr de améndoa picada
Para decorar:  unha banana.



Utensilios: batedor eléctrico e manual, papel transparente, relador cazo e moldes para presentar. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos de cortar a banana en anacos e colocala no vaso do batedor. 


Engadímoslle o leite e trituramos co batedor eléctrico. 



Botamos a mestura nun cazo e engadimos o chocolate troceado e quentamos a lume medio baixo até que se derrita o chocolate.  


Cando se derrita o chocolate, engadimos a améndoa, que pode estar moída o picada en anacos pequenos. 


Servimos nos vasos (ou moldes) en que os imos presentar. 


Decoramos cunha pouca de banana relada. 


Tapamos con papel transparente e refrixeramos durante 2-3 horas e xa estarían preparados para comer!! Agardamos que vos gusten. 

Que ben nos entra así unha sobremesa que a pesar do chocolate, se fai tan lixeita e fresca con ese toque de banana fundamental. Recorda un pouco, canto menos pola parte do chocolate, a esas sobremesas frías que tanto nos gustaban de pequen@s e que mercabamos no supermercado, tipo de Dalkys e demais. Mais claro, nunha versión melloradísima, como non! 
Nós preparamos unha cantidade baixa xa que eramos moi poucos para o comer, mais recomendamos elaborardes máis xa que así teredes unha sobremesa da que desfrutardes en máis dunha ocasión :-)
Agardamos que vos guste! Pasade unha boísima fin de semana! 

6 comentarios:

  1. Que boa pinta! Ten que estar delicioso! Pasádeo moi ben en Granada! Un bico!!

    Rosalía

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas, Rosalía!! Estamos aproveitando esta oportunidade ao máximo!!

      Eliminar
  2. Menuda pinta!! Pasádeo mooooi ben! Un bico!

    ResponderEliminar
  3. Uummmmmm relamiendome estoy seguro que estaba delicioso , te ha quedado divnisimo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar