martes, 13 de outubro de 2015

Lazos con brócoli e crema de queixo San Simón

Como vai amig@s! Se outros días xa facemos chamada de atención aos chocolateiros e chocolateiras, hoxe tócalles ás queixeiras e queixeiros, que debemos ser a grande maioría de Galiza, claro.
Tivemos a sorte, de que a semana pasada nos agasallaron cun queixo de San Simón afumado que está para morrer do pracer só con lle meter o dente. Con todo, non queríamos acabar con el só a dentadas e petiscos, así que pensamos en tirarlle proveito nun mollo de sabor intenso. E a verdade é que coa forza que teñen estes queixos, só uns anacos bastan para lle dar ese toque caracterísco co que invadir o noso prato.
Se tiñamos clara a salsa, non tanto o elemento co que utilizala, mais acabamos por recorrer á pasta, que tan ben se nos adapta sempre e aproveitamos un pouco do brócoli (como nos encanta!) para o facer un pouco máis completo.
Pratos así non se degustan todos os días, e senón habédelo de ver cando vos animedes a facelo.

Lazos con brócoli e crema de queixo San Simón


Ingredientes (para 4 persoas):

Para os lazos de brócoli:

  • 300-350 gr de lazos
  • 1 brócoli
  • 4-5 dentes de allo
  • 2 culleradas de aceite
  • Un chisco de ourego
  • Auga
Para a crema de queixo San Simón:
  • 500 ml de leite
  • 180 gr de queixo San Simón
  • 40 gr de fariña
  • 40 gr de manteiga
  • Un chisco de noz moscada

Utensilios: pota, tixola, culler de pau, batedor manual.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de cocer a pasta en abundante auga cun chisco de sal e 1/2 culleriña de aceite, seguindo as instrucións do paquete. Nós, neste caso, escollimos lazos, mais podedes escoller macarróns, spaguetti... ou o tipo de pasta que máis vos guste. Escoamos e reservamos. 
Mentres cocemos a pasta, aproveitamos para facermos a crema de queixo. Para iso, derretemos a manteiga nun cazo.


Cando estea derretida, engadimos a fariña e mesturamos.


De seguir, engadimos o leite e imos remexendo co batedor manual até que se integren os ingredientes.


Cando estean integrados, engadimos o queixo San Simón, cortado en anaquiños e mesturamos até que se derrita o queixo. Ao espesar a crema, engadimos a noz moscada e retiramos do lume. Reservamos.









Laminamos os dentes de allo e rustrímolos en dúas culleradas de aceite.


Engadimos o brócoli, que lle temos que quitar os tanos e separar os ramos.










Cociñamos até que abrande o brócoli e engadimos os lazos para que se mesturen ben os sabores. Ademais, o paso pola tixola dálle un toque moi especial á pasta.


Servimos a pasta no prato e aliñamos coa crema de queixo na cantidade que máis vos praza. E xa estarían preparados para comer! Agardamos que vos guste esta nova receita! 


Cant@s estades xa babexando?? Nós desfrutamos como ananos coa elaboración por ese cheiro tan gorentoso que conquista a cociña cando traballamos con queixo, e máis aínda cun dos mellores do mundo. E cando foi para o bandullo… xa quedamos sen palabras! Que festa J

Unha ledicia máis para unha semana importante. Por que importante? Vós estade atent@s, que seguramente hoxe á noite comunicaremos algunha novidade importante para Bolboretas no bandullo nas redes sociais. Umm, que nervios!!
Desfrutade desta semaniña máis curta do habitual e seguide sendo así de larpeir@s e felices!

4 comentarios:

  1. Uuf no se por donde empezar si por los mejillones rabiosos o por este plato de pasta con lo que me gusta ummmmmmmmm que rico tenia que estar todo de buena gana me ponia a dar cuenta de todo ahora que dentro de un ratin me tengo que poner a comer para irme a trabajar.
    Bicos mil y feliz semana wapisimaa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. É mala hora de ver os blogs antes de comer, que a nós tamén nos pasa, bon, despois de comer tamén, hahaha! Pratos demasiado apetitosos ;)
      Bicos e grazas por comentar!

      Eliminar
  2. un plato de lo mas sano y apetecible!! bicos

    ResponderEliminar