martes, 16 de xuño de 2015

Macedonia de froitas

Por sorte parece que volven subir as temperaturas, aínda que de momento ben se soporta a calor, haha. Sexa como for, neses días estivais de moita calor, convén hidratarse moito o que non se fai simplemente bebendo auga. Por tanto a nosa alimentación tórnase clave.
Así pois, nestes meses agardamos continuar presentando varias receitas que axudan a nos sentir mellor no verán. A de hoxe é todo un clásico e de seguro que a maioría de vós a ten feito en moitas ocasións xa que non ten a menor dificultade. Porén, como calquera prato de mesturas, ofrece millóns de variantes, e difícil será encontrar dúas familias en que a macedonia se faga de xeito idéntico. É cuestión de procurar o que preferimos encontrarnos nela. Nós por exemplo gustamos de macedonias, moi completas, con moitos froitos. 
Antes de pasarmos á elaboración queriamos mencionarvos a orixe desta denominación. Xa sabedes do noso interese por cuestións lingüísticas... Ao falarmos desta sobremesa, da macedonia, sempre nos vén á cabeza ipso facto o país balcánico. Mais... terán algo que ver?  De igual modo que noutras ocasións o imaxinario popular atribúe relacións lingüísticas do máis atrevidas, desta volta si anda no certo. Non no referido á macedonia de froitas en concreto senón ao termo "macedonia" xa que se coñecen así as combinacións de diversos produtos por causa do Imperio Macedónico. Na época de Alexandro Magno (século IV a.C), tiveron cabida neste imperio diversas nacións, culturas, idiomas... que provocou que hoxe coñezamos como macedonia as combinacións de produtos diferentes, sendo a de maior sona a de froitas.
E para que vaiades abrindo apetito... aquí tedes:

Macedonia de froitas

Ingredientes (para aprox. 10 racións):
  • 5-6 laranxas
  • 2 plátanos
  • 2 kiwis
  • 2 mandarinas
  • 2 peras
  • 2 mazás
  • 10 amorodos
  • 1/2 ananás
  • 6 metades de péxego en lata
  • O almibre da lata dos péxegos
  • 1 vaso de viño branco
  • 100 gr de azucre
Utensilios: espremedor, coitelo, táboa, culler de pau e unha cunca grande.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de escoller as froitas que imos utilizar. 

A continuación temos de ir cortando en anacos pequenos todas as froitas. Nós, comezamos polos kiwis, os plátanos e os péxegos. 


Seguimos polos amorodos e as mandarinas. 


E despois as mazás, as peras e a ananás. 


De seguido, agregamos o azucre, o viño e o almibre dos péxegos. 


Facemos zume coas laranxas e engadímosllo tamén á froitas.




Mesturamos moi ben coa culler de pau e refrixeramos durante, mínimo, 2-3 horas. 


Servimos en cuncas e xa estaría preparada para comer!! Que aproveite!


Non existe ningunha dificultade nesta receita. Simplemente vos pode levar un tempo depelicar as froitas e cortalas. A clave está en como unificar todos estes sabores. A nós encántanos este xeito tan doce co zume e o almibre en que o viño branco lle dá un toque inconfundíbel. Así que se estades pensando nun novo xeito de preparar a típica sobremesa de verán, aquí vos queda a nosa idea. E se máis froitas tedes pola casa, máis que podedes aproveitar. De seguro que a preparades en máis dunha ocasión. Unha forte aperta lambisqueir@s!

4 comentarios:

  1. Uummmmmmmmm que rica y fresquita de la nevera no dura nada en la mesa si hace calor ,de buena gana daba cuanta de ella seguro esta deliciosa,te ha quedado divnisima.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! A verdade é que durou ben pouco e iso que era bastante, haha!!
      Bicos guapaa!!

      Eliminar
  2. como apetece una rica macedonia como esta ahora en este tiempo! bicos

    ResponderEliminar