sábado, 13 de xuño de 2015

Variñas de peixe crocantes con salsa rouille

Bon sábado amig@s! Aquí andamos de novo aínda que hoxe de seguro que vos sorprendemos xa que a receita será un tanto diferente das que vimos presentando. Se temos unha espiña cravada con algún tipo de produto ese é o peixe. A verdade é que nos gustaría comer máis. Porén, non nos encanta, principalmente polas espiñas, a verdade. E isto bótanos un pouco para atrás á hora de o preparar.
Con todo, queremos ir superando esta barreira posta co peixe polo que esta semana cociñamos un pouco. E todo acabou por saír ben; de feito ficamos moi satisfeitos. Como xa dixen, non somos grandes seguidores do peixe, polo que imos comezando con receitas como estas, ideais para @s máis pequen@s, mais tamén para nós, xa que o peixe queda máis "disimulado". Collimos un peixe branco de sabor moi suave, axeitado para este tipo de receitas. E ademais acompañámolo dun mollo especial para peixes que fixo que o prato se acabase por converter nunha delicia.
Resulta unha opción moi interesante e útil, especialmente para ir introducindo o peixe na alimentación, facéndoa así máis saudábel e equilibrada. Veremos a ver se vos gusta. Seguro que si ;-)

Variñas de peixe crocantes con salsa rouille


Ingredientes (para dúas persoas):

Para o peixe:
  • 4 lirios 
  • 2 ovos
  • Pan relado
  • Eneldo
  • Pementa moída
  • Sal
Para a salsa rouille:
  • 2 rebandas de pan
  • 2 ovos
  • 4 dentes de allo
  • 2 ñoras
  • 1 chile
  • Aceite
Utensilios: batedor eléctrico, vaso alto, tixola, prato, papel absorbente. 

Elaboración:


Para comezrmos, temos de facer a salsa rouille, que é perfecta para calquera peixe, aínda que orixinalmente, en Francia, utilizábase para untar o pan tostado que acompañaba a sopa de pescado. Para comezarmos temos de pór en auga quente as ñoras durante 15 minutos. Pasado ese tempo, temos que quitarlle a pel para quedarnos coa carne.


De seguir, poñemos no vaso do batedor os ovos, os dentes de allo e o chili. 



As rebandas de pan e as ñoras. 


Metemos o batedor eléctrico até o fondo do vaso e comezamos a bater, pouco a pouco, imos botando aceite (non vos poido dicir unha cantidade exacta, aínda que aproximadamente 150-200 ml) até que teñamos unha mestura homoxénea e algo espesa. Refrixeramos até o momento de a consumir. 


Agora pasamos a preparar o peixe. Pedimos na peixaría que nos limpen os lirios, aínda así, teremos que mirarlos ben para que non quede ningunha espiña. Cortámolos en tiras finas e sazonámolos con sal e pementa moída. 

De seguir, batemos os ovos e mesturamos dúas culleradas de eneldo co pan relado.

Primeiro, pasamos o peixe polo ovo e despois polo pan relado. 


Fritímolos en abundante aceite quente e colocámolos sobre papel absorbente, para eliminar o exceso de aceite. 










Servimos as variñas de peixe acompañadas da salsa rouille e a comer!! 


Como vedes, isto ten unha pinta bárbara! Ademais, é un prato moi sinxeliño de facer. Alén do manexo do peixe, espiñas e demais, que resulta a parte menos agradábel para nós, a elaboración lévase moi ben, de forma entretida, como calquera rebozado. E visto o resultado concluímos que mereceu a pena, así que non habemos de tardar en pensar nunha nova receita con peixe. De momento esta deixounos moi contento o bandullo e agardamos que a vós vos suceda o mesmo.
Unha forte aperta! Que pasedes moi boa fin de semana lambisqueir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario