domingo, 12 de outubro de 2014

Pasta integral con carne picante

Despois dunhas receitas moi chocolateiras, hoxe deixamos as sobremesas para prepararmos un prato tamén moi típico e sobre todo moi recorrente. Unha receita ideal para quen procure un bo xantar con moi pouco traballo. Para o estudantado, que adoita tirar moito beneficio da pasta, esta é unha magnífica idea pola súa contundencia e porque podemos facer bastante cantidade para a semana sen o temor de que pase mal. A nós encántanos a pasta de todos os modos, mais a verdade é que neste estilo resulta do máis saborosa e nutritiva! Nós fixémolo con pasta integral para tentar compensar (algo, moi pouquiño) os excesos das sobremesas chocolateiras, mais vós escolledes o tipo de pasta que máis vos gusta. Estes spaguetti estaban óptimos!

Pasta integral con carne picante

Ingredientes (para dúas persoas):
  • Pasta integral ao gusto (nós escollimos spaguetti)
  • 150 gr de carne picada
  • 1 tomate
  • 1 cebola
  • Queixo relado
  • Aceite de oliva
  • 1 chile
  • Allo en po, ourego, pementa moída e alfábega
  • Tomates cherry para a decoración (opcional)
Elaboración:

Para comezar, temos de cocer a pasta. Poñemos auga nunha pota cun chisco de sal e unha culleriña de aceite, cando ferva engadimos a pasta e deixamos cocer o tempo que se indique no paquete. Despois, escoamos e reservamos. 


Mentres se prepara a pasta, podemos aproveitar para facermos o mollo. Rustrimos a cebola picada en dúas culleradas de aceite e, cando abrande un pouco, agregamos a carne adobada co allo picado, o chile, a pementa moída, o ourego e a alfábega. 











Trituramos o tomate coa picadora e, cando a carne estea douradiña, engadímolo á tixola. 





 Cociñamos durante 10-15 minutos e engadimos a pasta e o queixo á tixola. Mesturamos ben.






 Para finalizar, só temos que servir nun prato, ou nunha fonte, e decoramos cun tomate cherry e cun pouco máis de ourego, e xa estaría listo para comer!


Quedaron... deliciosos!! E con este prato asegúraste o éxito en calquera cea entre amizades. Talvez non sirva para conformar o menú máis espectacular, mais si para deixar contentos a todos e todas as comensais.  A quen non lle vai gustar isto?? Mmmmmm...
Estade atent@s, porque a nós sobrounos un pouco e xa demos cunha idea para reaproveitar esta receita. Nós proximos días poderedes desfrutala. Vaivos sorprender seguro!
Espero que vos guste e que aproveite :) Apertas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario