mércores, 15 de outubro de 2014

Pizza integral enrolada de pasta

Dixémosvos que estivérades atent@s porque hoxe había unha sorpresa xa que aproveitamos o que nos sobrou da última receita para elaborar un prato que vos ha de sorprender. Xa había tempo que pensáramos en facer algo similar, mais ao termos xa un pouco de pasta con carne picante feita pois... era o momento. Dous produtos típicos da nosa amada Italia fusionados cun sabor gozoso, e logrando un prato do máis farturento.
Ao final fica unha mestura de bocata, pizza, prato de pasta... XD Se na cociña todo é probar, e a maioría das veces estas tentativas son do máis positivas. Hai que potenciar a capacidade creativa :-) Así aproveitamos para probar cunha nova masa de pizza, en harmonía coa pasta. Ás veces temos certos prexuízos arredor do integral, mais con esta receita demóstrase que se poden lograr cousas do máis gorentosas!


Pizza integral enrolada de pasta

Ingredientes:

Para a masa:
  • 400 gr de fariña integral
  • 150 ml de auga, aproximadamente
  • 8 gr de lévedo de panadaría
  • 2 culleradas de aceite
  • 1 culleriña de alfábega
  • 1 culleriña de ourego
Para o recheo da pizza:
  • Pasta integral con carne picante (receita aquí)
  • Mozzarella en lascas
  • Pementos de padrón

Elaboración: 

Para comezarmos, temos que elaborar a masa da pizza. Para iso, botamos a fariña nun recipiente e facemos un buraco no centro. Alí, agregamos o aceite e a auga na que previamente diluímos o lévedo. Da mesma forma, engadimos as especias. Mesturamos ben até obter unha masa homoxénea (non botedes toda a auga xunta porque dependendo da fariña podemos precisar máis ou menos). Deixamos repousar 2 horas e, de seguido, estiramos a masa coa axuda dun rolete. 



Mentres sube a masa, podemos aproveitar para facer os spaguetti picantes (deixovos a receita aquí).


A continuación, e despois de estirar a masa, colocamos a pasta sobre ela, despois os pementos de padrón laminados (nós decidimos pór un enteiro a ver como quedaba e o certo é que coincidiu un bastante picante). Sobre o recheo colocamos o queixo cortado en anacos. 












De seguido, e con moito coidado, imos enrolando a nosa pizza. Aquí, temos que ter coidado de non saia todo o recheo. Para que sexa máis sinxelo podémonos axudar de papel vexetal. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 25-30 minutos, ou até que vexamos que está feita a masa. 

Xa vedes, unha pizza totalmente diferente á que estamos acostumados a comer. Ás persoas que como nós estean namoradas da pizza e da pasta seguro que isto lles encanta. Podedes aproveitar a facelo cando teñades convidad@s, xa que é moito máis rendíbel do que unha pizza normal debido ás capas de masa e aos hidratos propios da pasta.
Mesmo podedes poñelo como prato estrela para sorprender a eses convidad@s, xa que por fóra resulta complicado imaxinar o que encontrarán dentro :-) Un prato espectacular co que dar cabida á imaxinación e entrada ao integral na nosa alimentación. Agardo que vos guste moitísimo. Bo proveito lambonciñ@s!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario