E despois do arroz con leite hoxe seguimos co listón moi alto, cunha das sobremesas máis populares no mundo enteiro, o flan. Porén, ao igual que fixemos coa anterior receita, decidimos introducir un ingrediente básico na repostaría (e na vida de moitos nós XD), o chocolate. Desta volta a razón non estaba tanto na procura dunha variación da receita clásico senón en procurar un flan do meu agrado xa que a dicir verdade, non gusto moito do típico. Así pois, despois de dubidar un momento se facelo de froitas ou de chocolate, a miña parte máis lambona decidiuse pola segunda. E si, o experimento saiu ben xa que me encantou como quedou. É certo que pouco se parece ao flan de toda a vida xa que o chocolate modifica o sabor, mais si ten esa textura tan característica do flan. Aí vos vai:
Flan de chocolate
Ingredientes:
- 600 ml de leite
- 200 gr de chocolate para fundir
- 150-200 gr, máis 10 culleradas para o caramelo
- 4 ovos completos e 2 xemas
- 5 culleradas de auga
Elaboración:
Para comezarmos temos de botar nun cazo o leite, o o chocolate troceado e a metade do azucre e quentar todo até que se funda o chocolate e consigamos unha mestura homoxénea.
Deixamos arrefríar a mestura e mentres, batimos os ovos co resto do azucre.
A continuación, engadimos a mestura do chocolate aos ovos batidos e remexemos ben.
Agora temos de facer o caramelo. Para iso, botamos o azucre e a auga nun cazo ou tixola e quentamos até que se funda e doure o azucre, non podemos parar de remexer, neste paso, para que non se nos pegue o caramelo ao fondo.
De seguido, botámolo no molde escollido e, sobre el, a mestura dos ovos co chocolate. Enfornamos a 170º, calor arriba e abaixo, durante 45 minutos. Para saber se está feito, pinchámolo cun escarvadentes e, se sae limpo, está perfecto. Deixamos arrefríar e despois refrixeramos durante 2 horas, como mínimo, e listo para comer!
Como o vedes? Podedes comprobar que é do máis sinxelo de facer xa que esta receita non precisa nin sequera de baño maría. Esta é a nosa versión, bastante cargadiña de chocolate porque a nosa intención era a dun sabor intenso, mais se non queredes ficar tan distantes do flan clásico podedes reducir a cantidade do chocolate ou botarlle chocolate con leite. Coido que vos ha de gustar tal e como está, ou canto menos ás máis chocolateir@s. Eu polo menos xa quedo contenta porque por fin desfrutei do flan como se merece, iso si, de chocolate. Iso si, non comades todo cos ollos, que resulta moito máis farturento do que parece. Agardo que vos atrevades con el. Apertas!
Que delicia! Convosco é imposible gardar a liña hehe. Haberá que probar a facelo!!
ResponderEliminarUn día á semana, como mínimo, temos que consertirnos algún capricho :-) :-) hahaha!
EliminarMoitas grazas polo teu comentario e que teñas moito éxito con ese magnífico blogue ;)