Boa tarde, bolboreteir@s!! Vai moitísima calor e talvez se nos derreta a receita de hoxe só de vola presentar mais tiñamos moitas ganas de doce e non puidemos resistir ante esta delicia.
Esta creación é ideal para os lambóns e lambonas máis folgazanas pois crearán unhas madalenas exitosas sen preocupacións de que quede ben ou non a masa. Iso si, tedes que gustar do chocolate. Aínda que supomos que iso non será un problema, non?
Ben, fixádevos que larpeirada e ollo, non molledes o teclado babexando ;-)
Madalenas frías de chocolate
Ingredientes (para 8 madalenas):
- 210 g de crema de cacao
- 150 g de chocolate
- 16 galletas redondas
- Un chisco de sal
- Para decorar: boliñas de cores
Utensilios: un molde para madalenas, cápsulas, unha bota e unha cunca, unha culler e un pincel.
Elaboración:
Para comezarmos, temos que derreter o chocolate, podémolo facer ao baño maría ou no microondas. Usamos o chocolate que máis nos guste: negro, con leite, con améndoas, abelás...
Cando estea listo, agregamos a crema de cacao e integrámola moi ben.
Retiramos do lume, engadimos o chisco de sal e mesturamos de novo.
Montamos as nosas madalenas! Colocamos as cápsulas nos moldes para as madalenas, unha galleta, cubrimos coa mestura.
E repetimos operación: galleta e crema de cacao con chocolate.
Decoramos coas boliñas de cores.
Refrixeramos un par de horas e xa estarían listas para comer!
Agardamos que vos gusten! Aquí poucas quedan xa. É difícil pasar a carón dunha madalena así fresquiña e non lle meter o dente. Coñeceredes a tentación ao facelas, haha. Aperta forte, bolboreteir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario