domingo, 12 de maio de 2019

Gofres saudábeis

Tremendo día solleiro temos hoxe, bolboreteir@s! Nós xa temos a nosa ensalada preparada para saír xantar fóra. Hai que aproveitar! Mais antes de fuxir, temos un compromiso que cumprir por aquí. Un compromiso doce, por certo. Mais ollo, que ultimamente vedes que estamos probando a argallar con larpeiradas reducidas de calorías e moito máis saudábeis como as últimas bolachas de avea, a crema de cacao saudábel e o gofre que hoxe vos traemos. Si, si, podemos papar un gofre sen pecar, haha.
Por que escollemos este produto? Porque nos perden os gofres. E o curioso é que até hai apenas 5 anos non nos coincidira de comer un (si, non sabemos como puido pasar...). Ben, mais desde aquela, sempre no top das sobremesas. E claro, como facemos para degustalo con máis frecuencia sen caer no exceso? Pois aquí temos a solución.
[Ides ver que nós contamos con gofreira (agasallo vendo a nosa devoción haha) mais podedes optar, se non tedes, por facer a mesma masa nunha tixola, estilo tortitas.]



Gofres saudábeis



Ingredientes:

  • 130 ml de bebida de améndoa
  • 80 g de fariña de avea
  • 30 g de manteiga
  • 1 ovo
  • 1 culleriña de lévedo
  • Un chisco de sal
  • 1 cullerada de azucre (opcional)


Para acompañar: crema de cacao saudábel, amorodos, plátano, kiwi...

Utensilios: unha cunca, un batedor, unha gofreira ou unha tixola, e un garfo. 



Elaboración:

Para comezarmos, temos de bater o ovo coa bebida de améndoa e a manteiga derretida.


A continuación, engadimos a fariña, o lévedo e o chisco de sal. Se os ides comer sós, podedes engadir a cullerada de azucre, mais se os comedes con algún outro produto non é necesario. Batemos moi ben.










Quentamos a gofreira ou a tixola e imos reenchendo coa masa. Deixamos que se cociñen até que se torren un chisco, retiramos do lume. 










Acompañamos co que máis nos guste. Neste caso usamos amorodos, plátano e a crema de cacao saudábel. 



E xa estarían listos para comer! Nós papámolos ao almorzo e non nos puidemos resistir só a un. Agora para que sexa máis doce aínda só nos queda ver como os executades vós. Apertas ben fortes, bolborteir@s!


2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmmm que ricos seguro que estan de rexupete ,os han quedado divinisimoooos a que hora decis que me pase a merendar?.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Están deliciosos, así que podes pasar merendar cando ti queiras ;)
      Un bico enorme!

      Eliminar