mércores, 8 de maio de 2019

Bolachas de cacao e anacardos

Bo día, bolboreteir@s! Esta semana traemos a receita cun chisco de atraso mais para compensar, imos adozarvos a semana cunha receita saborosísima para almorzos, merendas ou sobremesas cunhas cantas calorías menos que as bolachas de super.
Tiñamos ganas de algo con chocolate. Si, son habituais os antollos deste tipo nestes meses hahaha e decidimos cumprir o capricho mais cun larpeirada un tanto máis saudábel.
Habitualmente as galletas veñen sendo receita sinxela e esta aínda máis pois apenas temos o proceso do amasado. Ademais, nós que xa pensamos moito nisto, este tipo de creacións gusta moito a peques. Sempre tentamos fomentar a relación de peques e cociña, entre outros aspectos polo ludismo e o fomento da creatividade. Ben, a por elas!



Bolachas de cacao e anacardos


Ingredientes:

  • 150 g de anacardos ao natural
  • 90 g de avea moída
  • 30 g de cacao en po
  • 1 cullerada de azucre
  • 2 ovos
  • Chocolate con leite/negro








Utensilios: dúas cuncas, dúas culleres, unha picadora, papel vexetal e unha bandexa apta para o forno.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de triturar os anacardos até convertelos en po. 


Mesturámolos coa avea. 


E co cacao e o azucre. 


Agregamos os ovos batidos. 


Mesturámolos moi ben até conseguir unha masa homoxénea aínda que se vai pegar un pouco. 


Coa axuda de dúas culleres ímoslles dando forma nunha bandexa de forno cuberta con papel vexetal. Picamos os chocolate e engadimos unhas chispas sobre as bolachas.


Enfornamos a 170º, calor arriba e abaixo, e co forno prequente, durante 12-13 minutos. Deixamos que se atemperen un pouco e xa estarían listas para comer! 



Apetecíbeis, non é? Aquí levámolas para unha merenda cunhas amizades e duraron... nadiña! Claro, tan lixeiriñas grazas á avea e ese sabor chocolateado... ñam!


Aperta forte, bolboreteir@s!!!

2 comentarios:

  1. Ains madre pero como me tentais asi xiquillos si es que me voy a tener que ir pipitando ya me teneis toda babaita.
    Ojala pudiera meter la mano y dar cuenta de unas cuantas seguro que estan de rexupete.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar