sábado, 4 de maio de 2019

Empanadillas de gambas ao curry

Bo día, bolboreteir@s! Como nos gusta maio! Achégase o verán, comezan as festas... Que ben! Entre todo isto, gústanos especialmente por comezarmos a facer as saídas para xantar fóra, no parque ou na praia. Así pois, vimos tendo unha acumulación de receitas para ir de picnic que aumentamos cada ano. E aquí é onde entra en xogo este petisco que hoxe vos presentamos, que vén cargadiño de sabor.
Xa sabedes, o curry non pasa desapercibido e hai quen o adora e quen o odia. Nós obviamente, estamos no primeiro grupo e nunca falta na nosa lacena un pouquiño desta especia asiática, que asociamos principalmente á cociña hindú. Ademais, sabiades que o termo curry chega a través do portugués? De feito, a nosa forma debería de ser "caril", tal e como na lusofonía se di, designando así "kari", que sería salsa en tamul, lingua que se falaba no sur da India.
Ben, denominada dunha forma ou outra, apetecen, non é?



Empanadillas de gambas ao curry



Ingredientes:

  • Masa para empanadillas
  • 200 g de gambas
  • 100 ml de viño branco
  • 1/2 cabaciña
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 cullerada de curry
  • Pementa moída
  • Sal
  • 1 ovo
  • Aceite de oliva
  • Sésamo (opcional)

Utensilios: unha tixola, papel vexetal, unha táboa e un coitelo, unha culler, un rolete (opcional) e un pincel.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer a nosa masa. Nós, neste caso, compramos obleas xa feitas para ir con máis rapidez. Reservamos. Así mesmo, cocemos as gambas e reservámolas tamén.
Mentres tanto, rustrimos nunha tixola os dentes de allo ben picados coa cebola.


Cando a cebola estea ben dourada, engadimos a cabaciña, tamén ben picada. E deixamos que se cociñen 10-12 minutos.


Agregamos as gambas, remexemos ben, e botamos o viño. Deixamos que ferva até que se evapore case todo o líquido. 










Botamos o curry e salpementamos ao noso gusto e mesturamos moi ben. 









Estiramos a masa, dámoslle forma redondeada, e imos colocando no centro unha pequena porción do recheo. Pintamos os bordos co ovo batido.


 Pechamos á metade. Selamos os bordos coa axuda dun garfo e pintamos co ovo batido. Así mesmo, empoamos co sésamo ao noso gusto.



Forneamos, co forno prequente, a 200º, calor arriba e abaixo, até que se douren ben, aproximadamente 10 minutos.


Deixamos que se atemperen un pouco e xa estarían listas para comer!


Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica. Xa vedes que con pouquiño traballo logramos un prato para sorprender. Aperta ben forte, amig@s!


2 comentarios:

  1. Acaban de ser o meu experimento gastronómico do sábado. Quedaron ben gustosas. Noraboa polo blog!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que ben! Que alegría que che gustaran!
      Mil grazas por pasarte por aquí!
      Un bico enorme!

      Eliminar