martes, 28 de novembro de 2017

Pudin saudábel de plátano

Bo día, lambonciñ@s, como levades a última semana de novembro? Xa desexando a chegada do Nadal ou máis ben teméndoa? Nós agardámola con moita alegría entre outros motivos porque nos gusta o ambiente e tamén para ter uns días de descanso. Con todo, sabemos que veñen tempos de moito papar polo que convén ir compensar con anticipación polo que estamos a traballar en novas receitas saudábeis. Habitualmente adoitan ser estas das máis lidas, percíbese que hai un público lambón mais tamén moi amigo da healthy-food que lle chaman agora.
Desta volta, tiramos proveito dunha web interesante como é Postres saludables en que encontramos esta e outras mil ideas para preparar. Tiñamos claro o obxectivo, un biscoito para os almorzos da semana así que demos co perfecto. Velaquí fica:



Pudin saudábel de plátano


Ingredientes:

  • 3 plátanos
  • 3 ovos
  • 3 culleradas de avea
  • 1 culleriña de lévedo
  • Dúas liñas de chocolate

Utensilios: un batedor eléctrico e un molde.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de triturar os plátanos cos ovos, a avea e o lévedo.


Botamos a mestura no molde e agregamos o chocolate cortado en anacos. 


Enfornamos a 200º, co forno prequente, calor arriba e abaixo, durante 18-20 minutos.


Deixamos que arrefríe un pouco e desmoldamos. 


 Agardamos que vos guste e que o poñades en práctica!



Como vedes, en pouquiño tempo se pode lograr verdadeiras delicias e integrando algún que outro produto menos calórico e non por iso menos saboroso. Unha vez lida, é a vosa quenda. Adiante con ela! Forte aperta!

2 comentarios:

  1. Os ha quedado un bizcocho de relujo no lo siguiente solo siento no poder dar cuenta de un trozo no dejais de tentarme con las fotos uumm.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar