sábado, 25 de novembro de 2017

Polo Tikka Masala

Seguimos! Despois dunha semana de, por sorte,  moito traballo, encaramos a fin de semana con ganas de receitas. E hoxe é bo día para saborear cun prato que non deixa indiferente e que nos cautivará desde o cheiro até o sabor. 
O polo Tikka-Masala é unha receita orixinaria da India que xa se consagrou noutros territorios como Gran Bretaña desde hai anos, por causa da inxente inmigración india que hai neste territorio. De feito, Robin Cook tíñao sinalada como o gran prato británico. Véndense millóns de racións ao ano e adoita ser o plato estrela dos restaurantes hindús espallados polo mundo. De feito, nós degustámolo por primeira vez no que hai en Riazor, por certo, con gran éxito.
Como podedes imaxinar, sobre todo se coñecedes algo desta gastronomía, a intensidade e as especias son a clave deste polo de aí que non deixe indiferente, tal e como comentabamos. Que máis podemos dicir? Nada, ollar, probar e degustar! 


Polo Tikka Masala



Ingredientes:

  • 1 peituga de polo en dados
  • 200 ml de tomate natural triturado (tamizado)
  • 200 ml de leite evaporado
  • 1 iogur natural
  • O zume dun limón
  • 2 dentes de allo
  • 2 culleradas de garam masala
  • 2 culleriñas de xenxibre
  • 2 culleriñas de cúrcuma
  • 2 culleriña de comiño
  • 2 culleriñas de coantro
  • 2 chiles
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha fonte apta para o forno, papel transparente, unha tixola e un prato ou unha fonte. 

Notas: o garam masala é unha especia que a podemos encontrar feita, senón podémola facer moi facilmente na casa xa que só necesitamos: 1 culleriña de coantro, 1 culleriña de comiño, 1 culleriña de pementa negra, 1/2 culleriña de cardamomo, 1/2 culleriña de noz moscada, 1/2 culleriña de canela, 1/4 culleriña de cravo en po e, opcionalmente, chile picante. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de adobar o polo. Para iso, colocámolo na fonte e botámoslle o iogur, o zume, un chile, unha cullerada de garam masala, unha de xenxibre, unha de cúrcuma, unha de cúrcuma, unha de comiño e unha de coantro. Tapamos con papel transparente e refrixeramos durante, como mínimo, unha hora. 


Pasado ese tempo, enfornamos a 210º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos.


Mentres enfornamos, empezamos a facer a salsa. Para iso, rustrimos en dúas culleradas de aceite un chile e os dentes de allo laminados (se queremos, podemos engadir unha cebola moi picada).


A continuación, agregamos as especias: unha cullerada de garam masala, unha de xenxibre, unha de cúrcuma, unha de cúrcuma, unha de comiño e unha de coantro e o chile. 


Rustrimos uns segundos e engadimos o tomate natural triturado (se está tamizado, evitaremos os gromos, mais se non vos preocupa iso, podedes utilizar un tomate natural triturado normal). 


Da mesma forma, engadimos o leite evaporado. 


Cociñámolos durante 8-10 minutos e engadimos o polo. 


Mesturamos moi ben e xa estaría listo para comer! 


Agardamos que vos guste e que o faigades na vosa casa porque realmente está delicioso! Nós de momento, deixámosvos desfrutar da lectura e das imaxes coa procura de vos abrir o apetito a través do sabor máis hindú. Adiante!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmm pintaza tiene y no dudo lo mas minimo que estuviera de rexupete no lo siguiente.
    Os ha quedo un plato de relujo de buena gana me traia una racion para comer hoy me encanta y lo preparo muy pocas veces.
    Bicos mil y feliz semana wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. MIl grazas! A nós tamén nos pasa, e non só con esta receita, haha! É o que ten que cociñar pratos novos para o blog ;)

      Eliminar