sábado, 29 de xullo de 2017

Bocados de coliflor

Bolboreteir@s, como levades o peche de xullo? Moit@s estaredes a piques de comezar as vosas vacacións así que supoño que coa máxima ilusión. E para @s que as estades acabando, ánimo, que a vida ten moito por desfrutar no día a día.
Nós, como xa sabedes, desfrutamos acotío da elaboración de múltiplas receitas en función do que se nos vai vindo ao maxín ou do que temos pola casa. Desta volta, recollemos da horta unha chea de coliflores e, tivemos que discorrer algo para as aproveitar. Entre outras, destacamos esta idea que aquí hoxe vos traemos por supor unha forma totalmente diferente de comer esta verdura ao que estamos acostumados.
Insistimos sempre na importancia de ofrecer dinamismo á alimentación tentando cociñar os produtos de diversas formas para coñecer novos sabores e tamén para non nos afacer a sempre o mesmo. Así pois, estes bocados de coliflor han de vos ser de axuda e se tedes peques pola casa suporán unha excepcional oportunidade para @s achegar á verdura. Aí o tedes!



Bocados de coliflor



Ingredientes:

  • 700 g de coliflor
  • 1 cebola
  • 3-4 champiñóns
  • 150 g de fariña
  • 1 ovo
  • 1 culleriña de curry
  • Pementa moída
  • Sal
  • 2 culleradas de aceite
Utensilios: unha cunca, papel transparente, un garfo e unha tixola. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos que lavar e cortar a coliflor. Botámola nunha cunca, tapámola con papel transparente e cociñamos 15 minutos a máxima potencia no microndas. 





Coa axuda dun garfo, trituramos ben a coliflor. 




Engadímoslle a cebola e os champiñóns ben picadiños. Tamén o curry, a pementa moída e o sal. Mesturamos. 


Logo, botamos 100 g de fariña e o ovo. Mesturamos moi ben. 






A continuación, collemos. pequenas bolas (podemos untar as mans con aceite para que sexa máis fácil), pasámolas por o resto da fariña que tíñamos e aplanámolas para darlles forma de hamburguesa. 


Nunha tixola con dúas culleradas de aceite, fritímolas por ambos os lados. 


Servimos estes bocadiños de coliflos con ensalada, aguacate, patacas... ou incluso coma se fosen hamburguesas co pan, queixo e verduras. 


E xa estarían listos para comer! Agardamos que vos guste e que os fagades porque están moi saborosos!!


A coliflor como nunca a tiñades visto agarda por vós. Estamos segurísimos de que vos encantará e así agardamos que sexa. Esperamos os vosos comentarios e fotos cos resultados.
Despedide ben este mes de xullo e sede moi felices, amig@s! Unha forte aperta! 

1 comentario:

  1. Uummmmmmmmmmmmm que ricos tienian que estar esos bocaditos de coliflor me rechiflan ,es una pena no poder dar cuenta de uno ,babeando me voy.
    Bicos mil y feliz mes de agosto wapisim@s.

    ResponderEliminar